Centro de Documentación da AELG
Este salaio xordo
xuño de 1991
Álvarez Cáccamo, Xosé María
Autores/as relacionados/as:


Un día do Nadal de 1960 viña Maria do Carme Kruckemberg no expreso Rias Baixas de Madrid a Vigo. Estivera recitando os Poemas inevitables no Instituto de Cultura Hispánica. Entrada a noite desde a chaira no tren (o tren da Dictadura era sempre aquel combóio que tan estremecidamente retratou Dámaso Alonso en "Mujer con alcuza") Maria do Carme dirixiu-se ao vagón comedor. Achegou-se á sua mesa un mozo colombiano que a estivera escoitando en Madrid. Compartiron ambos cea, conversa, fervor pola poesia, contida ira e difícil esperanza contra o fascismo de aqui e da outra beira do océano. 0 rapaz entendera as alusións políticas, os arrebatos de fraternidade e denúncia que se agachaban entre as liñas da queixa existencial dos Poemas inevitables. Á alegria da complicidade nese segredo compartido da poesia, universal linguaxe de poucos, veu-se xuntar o entusiasmo concorde por un porvir de liberdade.
Rematada a cea, aprazadas a ira e a esperanza, o viaxeiro colombiano marchou para o seu departamento e a Kruckemberg, fiel a un ritual que repetia nas suas frecuentes viaxes a Madrid, ficou no restaurante cos camareiros e invitou a champán. Estaban descorchando a botella cando sentiu a poeta no seu brazo a presión dunha man túzara e o agre berro incivil : "Queda usted detenida! He estado escuchando durante la cena su conversación subversiva, sus ideas marxistas."

Ficou a botella descorchada, os camareiros trataron de animar a Maria do Carme mentres o policia da brigada político-social a levaba para encerrá-le con chave no seis departamento. Esposada baixou
na estación de Vigo e ingresou nunha cela do cárcere da rua Luís Taboada, onde pasou o día. Logo comezaron os interrogatórios, os insultos, o desprezo badoco dos esbirros contra unha muller que soñaba coa liberdade e denunciaba, no verso e na conversa, o terror instituido en todas as ruas e campos. 0 "incidente" resolveu-se primeiro coa obriga de presentar-se o reo todas as mañás en comisaria durante un mes para ser interrogada arredor dos seus contactos e amizades en Madrid, que eran muitas e de selecta intelixéncia e sensibilidade. E , afinal, cunha senténcia na que se condenaba a Maria do Carme K. (protagonista, naquel momento, dun proceso kafkiano) ao pago dunha multa por escándalo público.
Este foi un caso mais entre os milleiros de atropelos á liberdade con que se foi construindo a Ditadura Franquista, que ás veces ainda colea. Pero o encarceramento e condena de M.C.K. non foi produto do azar senón consecuencia do uso afiado, duro, necesário, da sua palabra de poeta, autora dos Poemas inevitables, un texto que en 1959 e tamén agora , en 1991, "toma partido".
 
Cando se publicou en castellano falaba ese libro coa voz da poesía existencial, desgarrada e sustantiva do momento, que era tamén unha queixa de dor polo testemuño da violéncia oficial, de consumo legalizado en todo o mundo.0 laio existencial non ocultaba o berro, o noxo, a náusea sartriana de evidentes implicacións políticas. Aquela poesía da existéncia angustiada era manifestación dun compromiso que transcendía da confidéncia persoal. Así o declara agora Kruckemberg cando evoca as guerras frias e quentes, as probas nucleares, a fame universal., a auséncia de amor, como matérias provocadoras do seu libro.
Mas ocorre que, unha vez clausurado o festival da guerra fria, a fame e a guerra quente continuan cabalgando e por ¡so considera Maria do Carme (e pensamos tamén nó<s) que estes poemas conservan o seu alto valor de documentos inevitábeis. Ela confesa : "A raiba retórname á gorxa e novamente sinto a inxusticia no meu entorno" E xustifica a necesidade da tradución do seu libro ao galego "coa esperanza da súa leitura polos novos militantes da poesía do meu país."
A 1ª persoa confidencial e desagarrada que falaba con claves históricas de 1959 achega-se-nos a este fin de século con idéntica necesidade. A autora sinte hoxe o mesmo desacougo que entón. Eu, que daquela tiña 9 anos e me sentia (sentimento vivo e intensificado pola frecuentación encantadora da sua amizade) orgulloso de saber-me amigo dunha muller de excepcional beleza exterior e interior, sorprendente figura e espíritu sempre xuvenil,eu sinto tamén diante da inxustícia que non cesou o mesmo desacougo; que daquela acaso comezaba a agromar nas horas da miña primeira conciéncia do inxusto.
Aquel e este desacougo, entre 1959 e 1991 topa na voz de Maria do Carme Kruckemberg graves inflexións e senténcias que van configurando a esfera semántica da morte e da destrución arredor dunha linguaxe de tenso estilo nominal. Dúbida, odio, dor, soedade, sangue, lama, cravo, ferro,brado, berro, salaio... son palabras-testemuño dun estado de conciéncia ferido e desperto. Náusea, impoténcia, ira, pronúncia sorprendida do absurdo, son as actitudes emocionais que presiden a escrita dos poemas. Son textos nacidos dunha aguda necesidade confesional que camiñan cara o diálogo cun interlocutor cómplice, a quen se fala en rexistros quebrados e coloquiais. Nesta conversaferida e rota non ha¡ lugar para delectacións de ritmo amábel ou imaxe fabuladora. Pola contra, as músicas atonais, disonantes, fragmentadas, recollen a cadéncia interior de "este salaio xordo/ que me afoga". 0 poema F constitue unha auténtica declaración de propostas rítmicas de simbólico significado:
 

Desexaría inventarme
un novo grito,
un berro máis metálico, máis disonante
que o que ten o home ; un xemido vibrante
que poidese borrar
este salaio xordo
que me afoga.
Tan estridente o brado que acalase esta voz
que me fire a memoria."

Pero o "xemido vibrante", propio das épicas acesas, non encaixa coa estética pobre, de farrapos e sustantivos espidos, necesária para a arte dura, grave, que testifica tamén a dureza e a sordidez da existéncia.
Quen toma asi partido contra a lama e o sangue, quen asi procura o berro disonante e metálico, quen soña con ceibar-se da "desesperanza consentida", sabe pronunciar tamén, e sobre todo, un si rotundo ao amor, básica forza social
do universo. Quen asi fala, desde a poesia e con acentos de xordo salaio, soubo e sabe tamén temperar cantos de luminosa ledícia e de esperanzada verdade.Pero cando sinte que a raiba regresa para testemuñar a inxustícia do arredor e do centro non quere calar a sua voz máis dolorida e se prepara para ser acusada outra vez de escándalo público, mentres fica aberta a botella de champán coa que brindaremos pola alegría do mundo.

San Adrián de Cobres, xuño 1991.