Xosé Luís Axeitos Agrelo (Asados, 1945), estudou Filosofía e Letras en Santiago de Compostela e licenciouse en Filoloxía Románica na Universidade de Salamanca onde foi alumno do profesor don Xosé Luís Pensado, quen lle dirixiu a memoria de licenciatura: As coplas galegas do Padre Sarmiento: estudio e glosario.
Despois de exercer a docencia en centros privados de Pontevedra, regresou a Salamanca como secretario dos cursos internacionais da Universidade, cargo que compatibilizou, a partir de 1977, coa docencia de Lingua e Literatura española na Universidade Laboral da Coruña, despois de acadar a cátedra nas oposicións dese mesmo ano.
Actualmente é catedrático de Lingua e Literatura Castelá no IES Rafael Dieste da Coruña, cidade na que reside e onde exerce a súa profesión desde 1989. É, ademais, profesor-titor da Universidade Nacional de Educación a Distancia na súa sede da Coruña.
Foi conferenciante na Universidade Complutense de Madrid, na Universidade Autónoma de Barcelona, na Universidade de Deusto, na de Santiago de Compostela, na Universidade da Rioja, onde ditou un curso sobre os novelistas galegos no exilio.
Participou como relator en numerosos congresos sobre o exilio e sobre distintos escritores galegos, traballos recollidos, en gran parte nas actas correspondentes dos mesmos. Organizou os congresos que a Xunta dedicou a Luís Seoane e Rafael Dieste e formou parte do comité organizador de diversos congresos sobre o exilio galego, promovidos polo Consello da Cultura Galega e polo Grupo Sargadelos.
Forma parte do consello editorial da Biblioteca del Exilio, que leva publicados máis de vinte volumes de escritores e intelectuais de toda España. Tamén forma parte do consello de redacción das revistas Citania, Cuadrante, Unión Libre.
Como documentalista, colaborou en numerosas exposicións relacionadas co libro galego na Arxentina e coas biografías de Rafael Dieste e Castelao.
Integrou o xurado de numerosos premios literarios, entre eles o Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón, Premio da Crítica de Galicia (Literatura), Premio Espiral Mayor, Premio Nacional de Literatura (Narrativa), convocado polo Ministerio de Cultura, Premio de novela García Barros, Premio de poesía Faustino Rei Romero, etc.
Pertence á Real Academia Galega como membro numerario desde o 30 de outubro de 2004, data en que leu o discurso de ingreso A Academia no discurso exílico de Luís Seoane, que foi contestado en nome da institución por don Xesús Alonso Montero.
Publicou numerosos libros entre os que destacan: As coplas galegas do P. Sarmiento, Ediciós do Castro, 1982. (reedición, 2002); Cartas del Padre Sobreira a Gómez de Ortega y Cornide, en colaboración con J. L.Pensado, Ediciós do Castro, 1983; Antoloxía da poesía galega erótica e amatoria, Ediciós do Castro, 1988; Descripción circunstanciada de la costa de Galicia..., Ediciós do Castro, 1991; Manuel Antonio, Poesía galega completa, Sotelo Blanco, 1992; A poética de Manuel Antonio, Edicións do Cumio, 1993; Luís Seoane e o libro galego na Arxentina, catálogo da exposición, Deputación da Coruña, 1994; Rafael Dieste, Obra galega completa, Galaxia, 1995; Rafael Dieste. Ollar o mundo con sede adiviñadora, Espiral Maior Didáctica, 1995; Rafael Dieste, Obras Completas V. Epistolario, Ediciós do Castro, 1995; E. Fernández Sendón "Fersen". Memoria e antoloxía dun republicano galego, (en colaboración con Uxío Bobillo), Ediciós do Castro, 1996; Manuel Antonio, A Nosa Memoria, Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 2000; Manuel Murguía. Vida e obra. (en colaboración con X. R. Barreiro Fernández), Xerais, Vigo, 2000; Lorenzo Varela, Poesía Completa, Biblioteca del exilio, Ediciós do Castro, 2000; Lorenzo Varela, Ensayos, conferencias y otros escritos, Biblioteca del exilio, Ediciós do Castro, 2001; Cartas a Murguía I, (en colaboración con X. R. Barreiro Fernández), Fundación Barrié de la Maza, 2003; O exilio galego: un mapa de cicatrices, Ediciós do Castro, Sada, 2003.
Do seu abondoso e frutífero labor investigador dan mostra os seus moitos artigos publicados en revistas como Boletín Galego de Literatura, Ínsula, Verba, A Trabe de Ouro, Grial, Zurgai, Citania, Serta, etc.