PIDO TODA A INDULXENCIA
DOS QUE SOFREN
Confésome de novo ante o meu Deus,
xordomudo xuíz das almas orfas
tantas e tantas noites, e ante os seres
humanos máis amados: os ilotas.
Confésome de novo xa que sinto
moi dentro do sabugo da memoria
e da conciencia un lume que me rilla
tódalas ilusións máis sabidoras.
Eu non prego o perdón da plutocracia
nin das explotadoras ás diabólicas,
nin dos que ven na cruz tan só ganancias.
Pido toda a indulxencia dos que sofren
coma min, ¡ai!, doenzas mil agónicas
e teñen que sorrir a quen os come.