I
NACEU na matria tráxica dos castros,
nun curruncho de lúa e mar ardente,
e medrou entre argazos dependente
da iracundia dos deuses e dos astros.
Naceu coas velas louras e cos mastros
inzados dun fulgor iridiscente
que non había aurora equivalente
nin viña máis melosa nos catastros.
Naceu e navegou por oito mares
espallando aleluias e luares
coma un fillo lexítimo dos ceos.
E ó botarse a cobra-la rede amada
unha onda fera, ríxida e taimada
fendeulle velas, remos e centeos.