Centro de Documentación da AELG
Manifesto Hai suficiente infinito (autoría compartida con Antón Patiño) - [Fragmento]
Seoane, Xavier

Antón Patiño / Xavier Seoane

 

 Lonxe aínda da plenitude do Gran Soño, compre escoitar o rumor do imposible.

 Inspeccionar nos límites do silencio e da visibilidade.

 O imposible, o que non se ve, non son categorías negativas, senón puntos de fuga da intuición aberta.

 Ese país do Imposible non aparece nos mapas.

 Hai que inventar novas cartografías.

 Chegados de sempre, compre ir por todas partes a esa cita: Un golpe de dados ou unha pancada dos nosos dedos sobre o tambor, debería abrir todos os azares e liberar todos os sons para comezar a nova harmonía (1).

 Toman corpo novos xestos dun idioma futuro: emblemas e vieiros inéditos para a nova comunidade, falando nunha linguaxe renovada.

 Como ningunha revelación vai tombar desde o ceo, se cadra procedería intentar desvelar este "desfile de enfeitizos" en que parece presentarse o tempo que vivimos.

 PORQUE HAI SUFICIENTE INFINITO.


     *


 Arcadia morreu. E Utopía non chegou.

 A Arcadia, hoxe, só existe á marxe.

 Como estereotipo degradado nos paraísos artificiais do consumo, no glamour das axencias de turismo, nos mini-universos instantáneos dos espots, na "edénica" selva domesticada de Disney, no acomodamento bempensante e dixestivo.

 Mesmo, a verdadeira "condición salvaxe" está aniquilada ou vexeta en reservas e zoos, do mesmo xeito que a natureza agoniza nos ecomuseos naturistas dos espacios "sitiados".

 O home, desde a súa situación de primacía, introduciu unha fenda dramática na orde natural.

 Sorprendente: ese animal flebe, incompleto, fráxil, no seu intento de defenderse, xenera un hábitat de seguridade que implica un poderoso proceso destructor aínda máis aló do que el poida abranguer e dominar.

 Esa aniquilación da natureza supón a construcción dun auténtico deserto emocional.

 Porque a destrucción non é só exterior, senón tamén interior: para conxurar ese "Afora" ameazante o home extermina o que ten de "natureza" de seu.


     *


 Vivimos nun tempo de antimemoria.

 Nun presente que xenera un "torveliño de amnesia", un páramo de lembranza.

 Por outra parte, a conciencia de vivir no desorde e a crise non parece ser na civilización moderna un fenómeno conxuntural senón unha constante.

 Vivimos nun momento de vertixe.

 O home convertiuse nunha flecha no espacio.

 Non compre enganarse: detrás da incesante aceleración temporal, da sobresaturación do "hipermercado da realidade", da desintegración do real e da azarosa simultaneidade, existe un Futuro Perfecto fríamente deseñado, que ten a súa orixe nos laboratorios, na omnímoda tecnoloxización, na sociedade dirixida e administrada.

 As coordenadas espacio-temporais, alteradas nun efecto "narcose" colectivo, xeneran un efecto de absoluta instantaneidade que produce a perda de referentes pasados e a ausencia de horizontes no mañá.  

    (1) Rimbaud.