Como autor desta historia,atrincherado das tarabeladas dos medios de comunicación e á defensiva do que tan teimudamente roe o esencial,sigo preferindo non divulgar datos biográficos,como sigo considerando que importa a obra, a creación por si mesma, non a montaxe que, arredor do que non é literatura e que seica vende, se argalla para confundir unha vez si e outra tamén. Trátase dunha mera escolla que, seguramente, nin todos comparten nin todos atinan a comprender. Tampouco o pretendo. Así a todo, prezado lector, aínda correndo o perigo do esquecimento, sabendo que se non estás na festa non vas ligar,tamén penso, mellor dito creo, que todo corazón tén sempre unha oportunidade para o namoro, sempre, por moi alleo, retirado ou misterioso que un pareza.E é esta unha crenza tan fonda que, alomenos, protexe dese mal.