O ELEFANTIÑO
Nacín hai poucas semanas, ou mellor dito construíronme hai poucas semanas, nun taller de artesáns dedicado a facer xoguetes que hai nunha pequena vila que se chama Beade, e está pretiño da cidade de Vigo. Pero alí tan só empezou a miña historia, e comezou dun xeito que eu non decidín, como a maioría dos acontecementos que a compoñen. Cando un é un xoguete non decide sobre a súa vida e lévante dun lado a outro sen que ti podas dicir nada, e do taller fun a parar a un lugar horrendo, feo e triste, aínda que alí, por sorte, fixen bos amigos, pero paseino mal, moi mal.
¿Díxenvos que son un elefantiño?. Creo que non. Pois eso é o que son, un elefante de peluche. Pero non como todos os elefantes, algo que as persoas consideran un defecto, faime diferente.
A min non me construíu a Señora Emilia, que é a dona da tenda e a que fai case todos os xoguetes; a min fíxome o seu fillo Carlos, que, as veces a axuda. É moi bo rapaz, pero algo despistado e, cando cortou a tea para facerme, cortouna mal e o ir coserme deuse conta que tiña tea de menos, pero para que a súa nai non lle rifase, non lle dixo nada e fíxome cunha orella de menos, por non darlle a tea para as dúas. Así que son un elefantiño cunha soa orella, e este é o defecto que marcou a miña historia.
No momento de ser construído, descoñecía a miña desgracia. Como o único elefante que coñecía era eu mesmo, non sabía que os elefantes tíñamos que ter dúas orellas, así que nun principio sentinme feliz e contento.
Carlos gardoume rápido na caixa, con outros peluches, para que ninguén se dese conta da miña desgracia, e así evitar gañar uns berros da súa nai e o traballo de ter que facerme de novo. Meteume nunha caixa na que ían os peluches con destino a unha tenda da Coruña.
Na caixa compartín viaxe con dous osos, que se pasaron todo o camiño discutindo cal dos dous era mais guapo, unha cabra cun grande sentido maternal; un golfiño moi retranqueiro, como todos os seres do mar, e outro elefante igual ca min, ¡igual non!, por iso dinme conta da miña desgracia, ¡el tiña dúas orellas!. Cando me decatei a miña tristura foi moi fonda e dolorosa. Os outros animais trataron de darme ánimos, sobre todo a cabriña, moi cariñosa, tanto como adoitan ser as nais. Así foi como souben que era un elefante defectuosos, un elefante dunha soa orella, cando en realidade os elefantes temos que ter dúas.
Durante a viaxe paseino fatal. Estaba convencido que eu non iría a parar nunca as mans dun neno, porque a un elefantiño dunha soa orella ninguén o ía querer, ninguén me compraría, así que pasaría toda a vida so e esquecido na tenda, se é que non corría peor sorte.
Cando o dono da xoguetería da Coruña, o señor Olveira, abriu a caixa e me viu, desgustouse moito e telefonou urxentemente á señora Emilia para protestar, e ela prometeulle que, como compensación, lle enviaría un par de peluches gratis.
Despois o señor Olveira mandoume directo ao último andel do escuro almacén, pois dixo que un elefante defectuoso non se podía poñer a venda, tal e como eu xa sospeitara.
Aos outros peluches que viaxaron comigo puxéronos nos andeis da tenda, moi a vista para que os visen os nenos que entraran nela e os desexaran comprar. O que máis sorte tivo foi o outro elefantiño, o que tiña dúas orellas. A el colocárono no escaparate moi a vista, e seguro que alí se divertía moito vendo pasar a xente pola rúa e os nenos que se paraban diante do escaparate para miralo e facerlle carantoñas.
En cambio eu quedei só e esquecido no frío almacén, sen a esperanza de ir a parar á casa dalgún neno que soubese darme cariño, como calquera de vos. De todos os xeitos, prefería estar alí e non no andel da tenda exposto ás miradas desprezativas de todos os que entrasen a comprar algo, que por suposto non sería eu. No almacén pasaba frío e soidade, pero era preferible a sentirse desprezado, vendo como todos os xoguetes da tenda marchaban a gozar da vida nos brazos dun neno cariñoso e risoño.
Pero a pesar de estar alí, no escuro almacén, pasáronme moitas cousas, máis das que eu podería sospeitar, e quixera que coñecésedes todas esas cousas que xuntas forman a miña historia.
Pero non só son importantes as cousas que me sucederon a min. Nesta historia pasaron outros acontecementos que eu non vivín directamente pero que forman parte dela, por iso un grupo de amigos, moi amables, que si as viviron vanme axudar a contalas.
Espero que os feitos da miña vida sexan do voso interese e utilidade.
O ELEFANTE DUNHA SOA ORELLA
(Primeiro capítulo)