I
A ILLA DA ESPERANZA
Transcorreran unhas catro horas de doada navegación, cun vento en popa coa forza xusta para axudarnos a avanzar a bo ritmo pero sen rizar as augas do océano, cando á fin avistamos a illa onde sabiamos que se agochaba o tesouro. Non había peirao por ningures pero por sorte estaba a marea baixa, o que nos permitiu varar o galeón na praia.
Eramos só un poucos mariñeiros, os imprescindibles para gobernar o barco. Cando soltamos amarras do porto de Corcubión, na illa de Maracaibo, embarcaramos unha tripulación completa, mais en pleno mar aberto o rufián de John Silver, que era o contramestre, con sete homes fieis ao ouro que lles prometera, intentaron amotinarse; pensaron que o factor sorpresa lles facilitaría a súa falcatruada, pero por sorte Lo Hawkins, a nosa grumete, escondida no bocoi das mazás escoitara como preparaban o golpe e arriscando a vida puido alertar o capitán John «Pelo Crecho», que soubo como organizarnos aos que seguiamos sendo fieis aos nobres ideais que guiaban a nosa empresa.
Iamos na procura do tesouro que sabiamos estaba enterrado na illa da Esperanza. Os que nos puxemos do lado do capitán fomos, o Vagabundo, que era o piloto, a doutora Uxía Livesey, a primeira oficial Lisa Smollet, a grumete Lo Hawkins e eu mesmo, Mario Stevenson, escritor de profesión que embarcara no galeón «Praia de Quenxe» para que a aventura dos nobres homes que o tripulaban fose coñecida a través das xeracións. A miña misión era escribir coa maior precisión posible a crónica desta viaxe en busca dun tesouro que unha vez descuberto non ía ser utilizado para encher os petos dos que navegabamos na súa procura. Os dobróns de ouro que se atopaban escondidos baixo a terra nalgún lugar da illa da Esperanza serían utilizados en pagar os gastos precisos para elaborar un medicamento que curaría dunha desapiadada enfermidade a moitos nenos e nenas que a padecían no mundo.
Cando se produciu o motín liderado polo malencarado de Silver xa tiñamos todo previsto, como o capitán nos ordenara, e malia que houbo que pelexar bravamente conseguimos que o barco seguise no noso poder e non nos quedou outra que guindar a todos os amotinados pola borda, aínda que sabiamos que acabarían como carnada para os tiburóns. Nunca fora intención nosa ter un comportamento cruel, máis tratábase das nosas vidas ou das deles, sen esquecer que tamén estaba en xogo o futuro dos enfermos que se poderían curar se o tesouro caía nas nosas mans. Sen esas prezadas moedas non habería fondos para a investigación e a elaboración do medicamento contra esa enfermidade do diaño. En cambio, se ía parar aos petos dos homes de Silver, só sería utilizado para a súa riqueza persoal.