Unha raiola entrou.
Deceu unha segunda
de comprimento exacto.
A escuridade encheu os ocos vougos
coa flegma cerimonial dun numismático,
medrando e gabeando
nos degraos da mourenza.
Aquí
os ocres ou as neves recolleron
encárregos fluviais
e o latexo senlleiro e silandeiro
de retrincos de vida
dos seres mais ubicuos e sinxelos.
Aquí fora posíbel
que nunha donda tona da invernía
aconteceran por baixo das olladas
estrañas reaccións de condensaxe
e procesos dinámicos
na calmaría aparente
da inmutabilidade.
Aquí a complexidade
enleada entre cores e filtros requintados,
coiteladas de luz
que entran ao subaixo, ás apalpadas,
en canto se percebe un borboriño
como un lene arrecendo de morangos.