Teoría do coñecemento -
21.
Vaqueiro, Vítor
v2vitorvaqueiroteoriaconecemento007.html
21 |
Direi
toda a verdade. Desatádeme, dixera Caterina Medici
no ano do Señor de 1617. Mais era, mesmamente, a noción
de verdade o que o tribunal do Santo Oficio -abenzoado
sexa o seu nome por séculos- refugaba decote: ¡olla,
Xerusalén, os teus fillos a limpar a inmundicia que inza
a terra toda!. Porque o Inquisidor só desexaba a
fundación dunha Besta Maligna que equiparase o reu co
inocente, que estragase os esteos da cordura e que
alagase o mundo nunha Praga nocturna, nocturna como a
noite, nocturna como a noite que navega nos sonos e nos
soños da Razón e dos monstros. E, así, Caterina Medici
faleceu esganada polos crimes probados de meretricio
sempre recomezado, de zugamento de sesos (e outras
vísceras) de varóns (e crianzas), polo crime probado de
voo testalán para o aquelarre, faleceu esganada e logo
na fogueira consumíu o seu corpo Caterina aquel 4 de
marzo do ano do Señor cun arrecendo morno a primavera. |