Para o mar dos golfiños
un barco marchou;
na popa un adeus,
na proa un vou-vou.
Velas de flanela,
temón de algodón,
mastro de alabastro,
remos de cartón.
O capitán era
un vello peneque
de barba amarela,
cachimba e chaleque.
Sucaba os mares
de azul-trebón,
rompía as ondas
con gran decisión.
Mais no arrecife
das rochas de algodón,
nun golpe de vento,
o barco encallou!
-Sálvese quen poida!
-berrou unha voz-,
un barco pirata
vén por estribor!
-Quietos todos!
-o capitán ordenou-,
se son tan valentes...
que veñan por nós!
Con cara de pataca,
o pirata Metepata
ergueu a espada
de folla de lata.
Rendédevos!
-anunciou-
Eu son o pirata Metepata
e non teño compaixón!
-Menos lobos, Metepata,
con nós non tes que facer,
vimos da terra galega,
somos malos de roer!
-Déixate de lerias, vello!
Traede o ouro e a prata.
Non vedes que son o teimado
e temido Metepata?
O capitán peneque
-de Galicia chegado-
mirouno de arriba abaixo
con ollos de mar alporizado.
Sacou do peto a cachimba
-que de certo era un canón-,
botou lume pola boca...
Semellaba un dragón!
O pirata Metepata
fuxiu a todo meter,
vento en popa a toda vela...
Nunca o volveron a ver!
E chegaron os golfiños
a miles, en procesión;
sacaron o barco das rochas,
salvaron a embarcación!
E o velliño peneque
voltou para a terra a descansar,
e regaloume esta historia
para que eu vola poida contar.