Centro de Documentación da AELG
POESÍA GALEGA, As poetas da Vangarda
8 de setembro de 2006
Ana Abelenda / Sandra Faginas
Autores/as relacionados/as:
Fonte: La Voz de Galicia

POESÍA GALEGA
As poetas da vangarda
Entre a maior e a máis nova hai trece anos de diferenza. Constitúen un grupo heteroxéneo que combate tópicos e cuestiona a natureza da poesía.
Lupe Gómez | Lucía Novas | Antía Otero
Yolanda Castaño | Rosa Enríquez | Emma Couceiro | Estíbaliz Espinosa


Non están todas as que son, pero son todas as que están (aínda que a frase sexa un tópico). Reunir a parte das mulleres que integran a vangarda da poesía en Galicia deu como froito unha conversa distendida e amena que abrangueu desde cuestións da vida doméstica ata reflexións relativas ao seu oficio. Sete mulleres que, a pesar das distintas idades e estilos, constitúen os elos dunha mesma cadea xeracional, cuns trazos comúns: «democratizar» a poesía para achegala aos lectores e afortalarse na diferenza da voz individual. Rosa Enríquez, Lupe Gómez, Estíbaliz Espinosa, Yolanda Castaño, Emma Couceiro, Lucía Novas e Antía Otero son nesta reportaxe as representantes da vangarda poética feminina galega, que na mañá do luns deuse cita na Fundación Luis Seoane da Coruña. Foron chegando aos poucos a este espazo contemporáneo, novo como elas, que as recibe coa solemnidade que merecen aqueles que teñen algo interesante que dicir. A súa presenza empapou de cor o edificio que durante dúas horas serviu de escenario para un encontro apaixonado, sincero, sen reservas, no que cada unha expuxo con vehemencia o seu parecer. Saudáronse afectuosamente, como corresponde aos amigos que non perden o contacto. Percíbese que forman grupo.

Xa de partida, ao comezar a falar, houbo polémica á hora de empregar o termo que as define polo que fan, poesía. Desbotan poetisa polas súas connotacións cursis, aínda que, ao fío da conversa, formularon a posibilidade de recuperala libre de cargas pasadas, como un feminino novo. Se ben manifestan clara preferencia por poeta, esta palabra tampouco lles satisfai a todas, por demasiado grande ou porque consideran que non todo aquel que fai poesía é poeta. A clave para aceptar esta denominación é, segundo Yolanda Castaño, quitarlle ferro á palabra. «Son poeta porque escribo poesía, pero tampouco vexo niso unha especie de don divino insuflado polas deidades», engade. Estíbaliz Espinosa cre, nese sentido, que a palabra poeta está asociada a «unha persoa que vive na estratosfera, que fai cousas antigas, pesadas», unha imaxe tópica da que queren fuxir, porque para elas o poeta non é un ser que vive nun único rexistro, senón alguén que está no mundo e busca facerse entender. «A poesía estivo demasiado metida nun andel», sostén Espinosa, e necesita abrirse e nutrirse doutros soportes.

 

SEN RELEVO XERACIONAL

O fenómeno dunha nova xeración de poetas galegas tivo moito tirón mediático nos anos noventa, un momento no que efectivamente xurdiron unha cantidade considerable de voces femininas en Galicia, fronte á década dos oitenta e respecto á literatura veciña de España e Portugal. Voces que apostaban en conxunto pola renovación, mais ese sentir poético colectivo esvaeceuse co tempo e na actualidade o grupo ?autodefinido como heteroxéneo? rexeita etiquetas que o limiten, por exemplo, por cuestións de idade ou xénero, algo que, ao dicir da máis nova, Antía Otero, é unha simplificación.

Yolanda Castaño aclara: «Algunhas de nós pertencemos ao que unha parte da crítica denominou poesía dos noventa, como Lupe, Estíbaliz e mais eu. Eu diferenciaría o que é a poesía de portas para dentro (a soidade da escrita) do que é a poesía de portas para fóra. Na dinamización cultural, si funcionamos no seu momento como grupo porque empezamos a participar nos recitais, en libros colectivos, en revistas, foros? pero era unha coincidencia vital, humana, persoal. Iso quedou aí, e despois empezaron a xurdir voces novas que non encadran nesa poesía dos noventa, como poden ser Antía Otero, Lucía Novas ou Rosa Enríquez. O que pasa é que como grupo compacto, sempre desde unha perspectiva extraliteraria, non se produciu un relevo xeracional, por iso seguimos sendo todas, difusamente, poetas novas». «Hoxe ?di Antía Otero? non hai un fenómeno que nos aglutine, e iso pode ir na nosa contra, pero tamén no noso favor: axúdate a ti a formarte como voz».

DEMOCRATIZAR A POESÍA

Algo decisivo para situar na vangarda a este grupo de poetas son os avances tecnolóxicos que lles están a permitir experimentar con novas formas de arte poética, non só conseguindo sacar á poesía dos espazos pechados, desintelectualizándoa, senón facéndoa interaccionar con outras canles de expresión. Superada está aquela máxima que triunfou nos noventa de «Máis vale un poema botado nunha taberna que esculpido nunha lápida», segundo expón Yolanda Castaño, quen engade: «Hoxe hai unha poesía máis ortodoxa, que é a que está nos libros, pero tamén hai unha linguaxe poética que se pode atopar en calquera recanto. As nosas influencias tamén están na música, no cine? Vemos poesía nas letras de cancións, nun spot publicitario, e tanto como o recibimos intentámolo comunicar; intentamos buscar novos soportes e linguaxes afíns á poesía». «Trátase ?subliña Emma Couceiro? de entender a diferenza entre poemas e poesía».

A eclosión exitosa dos recitais dos anos noventa foi un dos primeiros chanzos nesa escalada cara á popularización da poesía, unha plataforma que a algunhas axudounas a darse a coñecer, ao igual que os premios. Para Lupe Gómez, os recitais seguen sendo unha parte imprescindible do proceso literario que se inicia coa escrita e remata coa súa transmisión oral: «A poesía é tanto o feito de escribila como de botala fóra; ao recitar o corpo da muller reverte na poesía. Eu cando recito entro en trance». En cambio, «a min os recitais abúrrenme un pouquiño ?comenta Estíbaliz Espinosa?, ao mellor porque foron moitos seguidos. Penso que si serviron de base para unha dramatización, como unha forma de cuspir a palabra na fronte do que escoita».

A CONDENA DA IMAXE

Habitualmente, tense unha imaxe do poeta como un ser cunha sensibilidade excesiva, que vive nun mundo propio, alguén cunha personalidade retraída ou desbordante. Se a iso se lle suma que o poeta é muller, créase un estereotipo estético con moito máis peso que o dos seus colegas de sexo masculino. Na actualidade, as poetas parecen estar marcadas por unha aparencia física rompente, ultramoderna, condenada a ser sempre transgresora; un clixé que convive co do escritor sumido na melancolía. ¿Son esas imaxes que se sosteñan con fundamento? Elas opinan que son tópicos que non teñen nada que ver coa realidade: «Tense unha imaxe da poesía como algo triste. A poesía é algo cotiá; algo que está na vida» (Lupe Gómez); «A poeta non ten por que ter un perfil de sindicato labrego» (Yolanda Castaño); «Mira ?engade Rosa Enríquez?, hai unha frase que di ??Et per tal variar natura è bella??; ten que haber variedade. Unha muller nin por ser guapa ten que ser tonta, nin por ser fea ten que ser intelixente».

OS BLOGS

O seu gusto polas novas tecnoloxías lévaas a interesarse pola creación e a lectura dos blogs, os cadernos persoais na Rede. Unha relación, non obstante, agridoce debido ás críticas e comentarios ofensivos e irrespectuosos, ás veces á marxe do ámbito literario, que se publican en Internet. Tanto Gómez como Espinosa e Otero aproveitan esta canle virtual para incluír as súas experiencias creativas e persoais, un medio que a algúns lles serve como unha cuspideira de opinións anónimas. «Algúns blogs son un campo para mediocres, covardes e resentidos», afirma Castaño; outros dos comentarios que espertan nelas os cadernos dixitais son os seguintes: «Pódese criticar a literatura, pero non entendo que se metan ofensivamente coas persoas»; «Ás veces as cousas que se escriben profanan a materia; para facer crítica literaria da boa o que tes é que ler moito, estar no mundo actual e, despois diso, avaliar»; «A xente que critica sen respecto xa se invalida a si mesma».

No entanto, nos blogs atópanse tamén apuntamentos favorables relacionados coa obra destas poetas: «Lupe Gómez, dende Pornografía, é un referente, o que é dicir dende o comezo da súa obra»; «Yolanda e Couceiro, a primeira en maior medida, pero ambas, marcaron unha pauta»?

En opinión de Rosa Enríquez, existen críticas e prexuízos tamén en relación coas temáticas que se escollen para os poemas: «Din que a xente dos noventa só fala de sexo e do corpo». Ela opina que hai mensaxes novos, que se pode falar de cousas superficiais, non necesariamente hai que tocar os grandes topos: amor, morte e tempo. «Se recibimos unha botella do mar que non ten a cartiña que nós esperamos, aí tamén hai unha mensaxe; o feito de que non exista nada tamén quere dicir algo ?afirma Espinosa?. Non ten por que ser a mensaxe tradicional, hai contidos novos. Cando algo é novo e se di que non ten mensaxe, iso é precisamente a proba de que estamos ante unha novidade».

Esa imaxe do poeta actual como creador de obras baleiras, sen fondo, é rexeitada polas sete escritoras. «A mensaxe dos poetas ás veces está mediatizada por iso que se pensa preconcibidamente que van dicir», di Couceiro.

ESCRIBIR EN GALEGO

Como era de esperar, a cuestión lingüística deu pé a un dos momentos máis intensos e controvertidos da conversa. Elas escriben en galego, aínda que varias teñen traducións ao castelán. Esta escolla non vén sempre predeterminada polo nacemento, como pode ser o caso de Lucía Novas. Son galegas, pero non todas teñen o galego como lingua nai, trátase «da lingua literaria que escollemos», advirte Yolanda Castaño.

O feito de escribir nun idioma minorizado aglutina diversas sensibilidades sobre o bilingüismo e as relacións co mercado editorial, e preguntadas sobre se escribir en galego axuda á hora de publicar e abrirse camiño, non todas manifestan unha opinión unitaria. Algunhas observan que en Galicia, obviamente, o idioma abre portas, aínda que outras perciben máis posibilidades no castelán, pola amplitude do mercado nesa lingua. O sistema literario en Galicia está, non obstante, contaminado de prexuízos que confunden o lingüístico co ideolóxico, idea na que estas escritoras queren insistir: «O escritor galego non necesariamente é nacionalista», subliña Estíbaliz Espinosa, quen coñece algún caso de xenofobia por razóns de idioma no país: «Coñezo unha rapaza que escribe en castelán que si tivo problemas, foi insultada, en vivo e en directo: vino eu. A min paréceme moi mal, eu non rexeito escribir en castelán; se eu teño ese hibridismo, pois mellor». Este episodio é excepcional; a estas alturas, o habitual é escribir na lingua galega, faise difícil atopar poetas galegos que escriban exclusivamente en castelán, como manifesta Lucía Novas: «Hai pouco tempo, un editor madrileño buscaba xente xoven que escribise en castelán e foi moi, moi difícil atopala, ou sexa, que non será tan difícil publicar en castelán. Tes máis cobertura nos medios se escribes nese idioma». «O galego estase asociando á lingua da reivindicación e á lingua da cultura, pero a xente que sexa galega e escriba en castelán ten unha chea de territorio fóra de Galicia para publicar», manifesta Castaño.

 

ÉXITO TEMPERÁN

Antía Otero, Lucía Novas e Rosa Enríquez son os talentos máis novos do grupo desde unha perspectiva de saída ao mercado. Cren que empezar non é sempre un camiño doado. O recoñecemento chegoulles a idades ben distintas, en circunstancias persoais diferentes. Para ningunha delas o éxito é gratuíto e son conscientes de que forxar unha traxectoria implica asumir as críticas, que chegan tanto ao principio, cando un arranca, como cando un xa leva anos de traballo ás costas, tal é o caso de Yolanda Castaño e Lupe Gómez: «É fácil botarse enriba de rapazas que non teñen a madurez suficiente (nun sentido vital, non poético nin intelectual) e facer unha crítica do que escriben porque se asemellan unhas ás outras; hai que darlles tempo», comenta Enríquez. Claro que «o pequeno éxito ?aclara Castaño? sempre ten que pasar por algo que non sexa o talento desa persoa. E se se é muller, máis».

A elas o xénero non lles resta obxectividade. Non se senten recoñecidas noutra muller polo mero feito de seren elas mulleres, mesmo pensan que nalgúns casos a clasificación por razón de sexo pode resultar artificiosa. Con todo, tanto Estíbaliz Espinosa como Yolanda Castaño confesan que ás veces reparan en que, sen darse de conta, dun xeito natural, o seu interese é maior cara ao que crea unha muller que respecto ao que fai un home. Algunhas, como Rosa Enríquez, reivindican o concepto de poeta á marxe do sexo da persoa; outras, como Estíbaliz Espinosa, deféndense como «non poetas». O caso é que todas elas traballan coa palabra e iso faise notar nos «acordes e desacordos» suscitados por certos termos, tópicos en relación co oficio, que xorden na conversa, como orixinalidade e creatividade: «Ser poeta non significa ter unha mentalidade creativa. Eu cando vexo unha pedra non vexo nada máis que unha pedra» (Couceiro), «Escribir poesía implica creatividade» (Enríquez), «Para min, ser poeta é unha casualidade» (Espinosa), «Hai que ser honestos, non deixar que ser poeta consista só nunha pose estética, nunha ansia de sofisticación» (Enríquez), «Si, mais é necesario cambiar os soportes da poesía, abrila a outras artes; trátase dunha cuestión de hibridade» (Otero), «Pero a poesía é algo anterior á estética» (Gómez), «Nós non nos permitimos o luxo de escribir cousas que non queiran dicir algo» (Castaño).

Nesta reportaxe, como elas advirten, bótanse de menos outras voces, como as de María do Cebreiro, Emma Pedreira, Lucía Aldao, Maite Dono, Olalla Cociña, Olga Novo ou Elvira Riveiro. Son as poetas da vangarda en feminino, que rexeitan o tópico, valoran a heteroxeneidade e reivindícanse como libres. Libres mesmo para non seguir escribindo poesía.

 

REIVINDICANDO A PALABRA
Rosa Enríquez

(A Rúa de Valdeorras, 1969)

Premio Francisco Añón 2005 por «Nas aforas», esta profesora de francés constitúe unha das voces máis novas en canto á súa revelación como poeta. Segundo di, «a estrutura formal tamén contribúe a transmitir unha mensaxe. A deconstrución da sintaxe pode expresar rebeldía». Colaboradora de revistas como «Dorna», «Xistral», «A Casa da Gramática» e «Olisbos», e de xornais como «Atlántico Diario», «A Rexión» e «Diario de Arousa», achega á conversa frases como esta: «É fácil botarse enriba de rapazas que non teñen a madurez suficiente (nun sentido vital, non poético) e facer unha crítica do que escriben; hai que darlles tempo».