Existe un prezo por respirar/ a pureza da esencia recendente./ Escorrégome confusa entre as xentes/ que sorrín no seu engano./ Inconscientes. Coa forza dunha protesta sincera ergue Yolanda López a súa voz poética sen incorporarse a modas nin estéticas da sofisticación para arrincarnos a lambetazos deste decorado de alienación e políticas correctas e ofrecernos a posibilidade de considerar outras realidades menos favorecidas agochadas na distancia xeográfica, unha distancia que nos calma e permite vivir como se nada sucedese. Hai nesta Obertura sen heroi unha absoluta necesidade de berrar e rebentar versos contra as inxustizas sociais a través dun ronsel de denuncias nun caos buscado, intencionado e premeditado porque nesa aparente desorde é precisamente como xorden os pensamentos e toda a raiva que a poeta pretende reflectir sen ningún pudor, irreverente co sistema atafegante deste desequilibrio económico, social e sexista no que vivimos, bambeando ignorantes no noso delirio. Abroulla o poemario cunha vontade de liberación que Yolanda acada grazas a ese sufrimento consciente de que non todo está ben como pretendemos dende o noso sofá occidental e libre e así nolo dí claramente : Fun/ Valquiria/ crisálida erixíndose no vento. A partir de aquí, a voz desta muller a facer vento, percorre o subsconciente consciente dun entramado de víctimas que padece, que moitas veces non é quen de ser escoitado co suficiente interés. Concretando: as mulleres oprimidas polo Islam, as de Ciudad Juárez, as que lle amputan a posibilidade do sexo, os afectados polas minas antipersoas, e toda a opresión coa que dende Occidente fagocitamos a un Oriente asoballado, irakizados no engano da suposición política de precisar dunha guerra para esmagar a todo un pobo. Ourense ten no seu van unha poeta nova que non cala, que denuncia e que renuncia a poéticas de identidade iniciando un camiño novo, exorcizando o malestar interior e íntimo que a libera con lume de violíns porque, para a nosa poeta, só existe un xeito de comunicar: facelo dende a máis profunda liberdade, dando golpes de tambor, batendo contra ese muro que é a gran metáfora da impotencia, do medo, ese medo que solivianta tanto a esta valquiria desencantada pero guerreira, unha guerreira que presenta este venres 16 de marzo no Liceo de Ourense ás 20:00 a súa OBERTURA SEN HEROI, o seu segundo poemario. Yolanda xa es profeta na túa terra. Con todo repeto e sinceridade, noraboa.