Regalar un perfume é sempre unha saída cando se achega o cumpreanos dun amigo ou familiar, ou simplemente, cando pretendemos ter un detalliño con alguén que apreciamos. Isto é así e punto. Facémolo todos.
Parece como se as ideas desaparecesen, como se nada mellor puidera ser ofrecido como mostra de afecto. Deste xeito quen recibe o perfume queda pensativo e certamente decepcionado, como se dun obsequio así puidese inferir un afecto menor, un interese común. Porén isto de agasallar cun frasco de Carolina Herrera, Calvin Klein ou Dior supón unha preocupación esencial por parte de quen fai o agasallo. Non nos enganemos, cunha persoa procure para nós un olor é ben de agradecer e se non que llo pregunten a Jean-Baptiste Grenouille, o protagonista da película “El perfume”, baseado na novela de Patrick Süskind.
O xoven Grenouille vive afastado da xente e claramente rexeitado. Pasa inadvertido pola vida e isto prodúcelle unha raiva que fermenta no seu interior dun modo peligroso. Jean-Baptiste non ten olor e isto supón para el un olvido anticipado, ser ignorado, non contar. Non ser tido en consideración por parte dun grupo cando un pretende achegarse resulta duro, sobre todo se temos en conta unha das primeiras frases da Biblia e, das poucas coas que todos, independentemente das nosas crenzas, podemos estar dacordo, esa frase na que se explica a necesidade de crear unha compañeira para Adán evitando así que ficase só, pois isto non era bo. Non, non pode ser bo permanecer illado dos demáis así que resulta doado imaxinar a dor de Grenouille cando se sabe obviado por todos. O curioso, o orixinal desta situación é a causa que provoca este rexeite: a ausenza de olor corporal. Jean-Baptiste non desprendía do seu corpo n-a-d-a, polo tanto vivía como inmigrante, como de prestado, como ilegal, sen código ou D.N.I que o identificase, sen aroma. Nós, nesta sociedade de urxencias, non reparamos moito na importancia dos olores e, se pensamos niso, é para oler a Loewe ou algo así que “quede ben”. Descoñecemos a importancia do noso auténtico olor corporal, ese que emana naturalmente, tanto para ben como para mal, pero que ten capacidade identificatoria e nos fai ser nós mesmos , distintos uns dos outros, individuais e libres. O perfumista Grenouille matou para ser admitido, para ter un aroma propio roubando o arrecendo doutros. Ata tal punto o que cheiramos nos identifica, nos atrae ou nos relega… A min gústame que me regalen olor, porque matiza o meu recendo particular.