Centro de Documentación da AELG
Esta nova guerra...
11 de xaneiro de 2007
Enríquez, Rosa
Autores/as relacionados/as:
Fonte: La Región

Punto de partida? Machala, Ecuador. Destino? España, Europa. Obxectivo? Calidade de vida. Futuro?  Non existe.

 

Así de negra é a situación dalgunhas persoas que, crendo morrer de injustiza social, saen de América Latina para vir a este paraíso artificial, a este Vello Continente de grandes personaxes e historias da historia, coa finalidade de sacar da miseria a súa familia e, finalmente, o único que atopan é a morte, esa que non dá segundas oportunidades, a que nas sabias palabras de Manrique achega aos pobres e aos ricos.

 

Seguro que Armando Estacio e Carlos Alonso Parate tiñan un soño: facer fortuna e voltar ao seu país. Cumpriron o seu desexo. Regresar regresaron, pero de que maneira: nun avión e no seu cadaleito, cunha morea de xente esperándoos. En canto a fortuna pois  si, a súa familia recibirá unha importante indemnización que, de seguro non compensará esta perda. Esto do terrorismo é complicado, e, cando un non sabe de que vai o rollo, o de ETA soa terribel, e case pode parecer a todas as víctimas deste atentado que  os familiares e amigos residentes en España poderían morrer igualmente. Que isto non é así, sabémolo nós ,que vivimos aquí, pero os ecuatorianos que viven nunha situación paupérrima e, cuxa lóxica e primordial preocupación é o alimento, non teñen nin idea, nin falta que lles fai porque esto do proceso de paz, non o entenden nin os propios políticos. Agora trala vida cercenada de dous emigrantes, aspirantes a seres humáns cunha vida digna, os voitres van á prea e as críticas ao Goberno non se fan esperar. Na procura do ben de todos? Dubídoo. Eu penso que sobre todo por intereses electorais porque o poder ten unha erótica de muros impenetrábeis que parece meter brétemas nos ollos da clase política que remata facendo causa da división no canto de facer causa da paz. Así que todas as análisis sobre á negación dun posíbel diálogo cando a organización non avisa nin sequera de que rompe a tregua, parécenme obvias. ETA promete e promete pero,señores, non cumpre, e aínda por riba parece que considerara que o atentado da T4 non fose tal porque non tiña previsto mortes, é decir que cada bomba que estoupe non será considerada como un atentado senon hai víctimas ou se estas son as mínimas por un fallo técnico nas previsións da banda? Foi Armando un fallo técnico? Pregúntome isto polo feito de que eles parecen pensar que non se interrompeu o proceso de paz . O que nos corresponde a nós?   Non facer como as mulleres maltratadas e perdoar todo o tempo.

 

As armas por  riba da mesa primeiro. Hai demasiada dor e demasiada morte para obviar ese detalle. E senón que lle pregunten a Armando Estacio que se non quedara no coche estaría vivo. Mala sorte.