Din que o can é o animal máis fiel ao home e debe de ser certo porque na casa familiar temos un can pequeno que convive con nós e hai que ver como nos quere a todos. Cando entro pola porta da casa, mírame cos ollos ben abertos e ladra todo contento.
Digamos que fai da miña chegada toda unha celebración e, sinceiramente, ese momento paréceme irrepetíbel. Fos é un fox terrier de casi dous anos, pequeno e rebuldeiro, que nos ten tolos a todos. Ás veces creo que pronto tomará café con nós na mesa. Miña nai, é a súa verdadeira ama. Ela levao á rúa, prepáralle a súa comidiña, vai con el ao médico de cans, o veterinario para ser precisos, e encárgase da súa hixiene. Lavar a Fos é todo un ritual: cepillo para frotalo, bote de xel e xampú para cadelos, toalliña mercada expresamente para el e, finalmente, tralo baño, o radiador ben preto para que non pase frío. Querido Fos, a túa vida é unha vida de can marabillosa, hai moita xente no mundo que, desgrazadamente, non pode vivir así, non sei se o sabes. Esta é unha situación inxusta, dende logo, pero deste problema, orixinado polo mundo occidental no caso de África por exemplo, non ten culpa este pobre animal doméstico que tanta compaña nos brinda sen pedir a cambio nada máis que un pouco de afecto porque o seu instinto reclama amor e está no seu dereito xa que el tamén o da. Así debería ser pois o amor, por moita literatura que lle botemos, aliméntase de si mesmo. Cando isto non sucede, o miragre convírtese en distancia, abandono ou noutra cousa pero non en amor, iso por descontado. Só Don Quixote foi capaz de amar incondicionalmente e de oídas, o cal, dende o punto de vista relixioxo, resulta case unha herexía xa que desta maneira é como nos dixeron que tiñamos que amar a deus. Realmente, non sei se o pensaron nalgún momento, pero ser un animal e amar a un ser humán debe resultar unha tarefa titánica tendo en conta o noso egoísmo e todos os problemas que disto derivan, como a violencia de xénero, porque, ao fin e ao cabo, se somos capaces de maltratar a un conxénere, cónxuxe ou fillo, que lle pode esperar ao pobre do cuzo ao que, aínda por riba utilizamos para paliar a soidade como analxésico.
Así que, sexamos honestos, eles non son culpábeis da nosa mediocridade e do noso medo, polo tanto, se os adoptamos, debe ser para tratalos como príncipes, como miña nai trata a Fos, pensar nas súas necesidades e estar dispostos a sacrificar parte do noso tempo en atendelos. Cando un se fai cargo dun ser vivo ten a obriga moral de actuar de modo responsábel e tratalo con amor. Teño isto tan claro como que agora estou a escribir este artigo, por iso, cando miña nai me ofreceu a Fos como agasallo renunciei porque non teño o espacio adecuado para el, e non me vexo con ganas de estar pendente dun animaliño. Isto mesmo debería ter sido a reflexión dese salvaxe que colleu ao seu pastor alemán e lle meteu un machadazo na cabeza. O pobre do can non o faría. Seguro.