Centro de Documentación da AELG
Mr. Dinamita dinamitado
28 de decembro de 2006
Enríquez, Rosa
Autores/as relacionados/as:
Fonte: La Región

“Berrao ben forte: son negro e estou orgulloso de selo”, con estas palabras a ritmo de soul electrizante lanzaba James Brown unha especie de himno antirracista alá polo ano 1968. Eu non nacera aínda polo que chegaría ao coñecemento do funk e do rhythm and blues moito máis tarde. Antes tiven que padecer todo o pop cutre da miña adolescencia e emocionarme cos cantautores que exercían de profetas da palabra eclipsando a boa música, esa que non se concentra nunha melodía recorrente e fácil, esa que desprende unha estraña sensación de felicidade puntual que nos fai sentir un pouco libres cun ritmo chispeante e mover o corpo sen parar grazas a un son envolvente de discoteca, a unha versatilidade que trascende ás pistas de baile para disfrutar de verdade deses momentos máxicos da noite coas luces escintilantes ao redor, porque cando un escoita o inolvidable I feel good, ou o tamén moi coñecido It`s a man`s man`s world , sabe que está a escoitar unha parte esencial da historia da música, boísima e nigérrima, que pertence xa aos anais da historia desta arte que tanto nos reconforta a todos, e non pode menos que bailar. Morreu Mr Dinamita e fíxoo o 25 de decembro, o día do Nadal, deixando detrás toda unha estela de corcheas e ritmos hip hop e  rap que nacen a partir da súa influencia. Como megalómano que era non podía ser menos e fixo polo tanto da súa morte, un momento dramático. Os telexornais de todo o mundo falarán sobre el pois, como dixo o reverendo Jesse James, sendo Brown tan grande, non podía desaparecer doutro xeito.  Este padrino do soul, como el mesmo se autoproclamou sempre, abandoounos nesta crise de Bisabales e Merches que dinamitan a música cos seus ritmos horteras para juanis. Agora só nos queda ter fé e pensar que detrás deste tipo incríbel hai outros indomábeis que podemos disfrutar como Ray Charles ou Chuk Berry ou o máis recente Jamiroquai, que sintetiza nos seus discos distintos tipos de sons, dende o blues, soul ou funk ata o máis moderno house. Quedan polo tanto todos os que derivan da súa música e cren nunha fusión libre, rexeneradora, que non sexa un producto como o que estamos obligados a soportar por parte dos triunfiños máis plastas do panorama musical español.

 

A ver se nos aclaramos, una cousa é escribir ben e outra ben distinta xuntar palabras. Non lles parece? Pois no que a música se refire sucede o mesmo: unha cousa e facer boa música e outra por voz a unha melodía de abecedario feita por aspirantes a” letristas”.