Que nós somos a nosa memoria é algo evidente e que convén mantela viva tamén. Precisamos do pasado para entender o presente, como dirían os nosos profes na escola, que de seguro estarán contentos por isto de que este 2006 é o ano adicado á memoria histórica. Con tal motivo, penso eu, a película “Salvador”, de Manuel Huerga”, recibirá algún premio máis dos que xa ten na cerimonia dos Goya, ou polo menos debería.
Eu, que lle recoñezo a Almodóvar todos os méritos pola aportación persoal ao cinema español ao longo da súa traxectoria, creo que este ano podería “volver” a non ser galardoada coa estatuilla á mellor peli tendo en conta á forza coa que está a triunfar esta cinta, de gran dramatismo histórico, que non pode deixar indiferente a ninguén.
A vida de Salvador Puig Antich, agarrotada aos vintecinco anos, un 2 de marzo de 1974, conviña ser rescatada e dada a coñecer a todos os habitantes deste país, nun tempo dividido nesas dúas españas que tantas feridas agocharon baixo a pel. Como rescatada xa está, agora debe ser galardoada polo seu atrevemento, valentía e, sobre todo, como non, por estar ben feita. Hai momentos de tensión dramática que son difíciles de esquecer, sobre todo cando se achega o final e o pobre do rapaz , nervioso e asustado, ao ver o instrumento de tortura da época da Inquisición, exclama: ”Joder…” Imaxínome por un intre o que debeu ser iso para alguén que quizas non tivera aínda tempo de coñecer o amor e disfrutar da xuventude. Terríbel. O garrote, supoño que o saben, empregouse dende o seus inicios ata o o século XX, e por el pasaron personaxes tan coñecidos como o bandoleiro Luís Candelas, Mariana Pineda e o galego Benigno Andrade, máis coñecido como “foucellas”, do que axiña o audiovisual galego fará unha peli, porque perdoar pode ser posíbel pero esquecer non, e a vida deste home paga a pena contala. Hai persoas que cren innecesaria a recuperación de certas partes da historia e consideran que botar a manta por riba dos mortos é suficiente. Sinceiramente, na miña opinión, non o é. Non pode selo sabendo o sufrimento de todos aqueles que foron víctimas de torturas nos cárceres como Salvador ou Heinze Ches, ( cuxo nome real debía ser George Michael Welzel e do que Joan Colc fixo un interesante documental;”La vida de nadie”), que morreron o mesmo día e case ao mesmo tempo e senon, que pregunten aos familiares se queren facer como se nada… Imposíbel. De seguro que pretenden a revisión do xuizo e, ollo, que isto non debe ser entendido como unha mostra de rancor senon máis ben como un intento de distribuír as culpas e denunciar os excesos para que a propia memoria nos salve de repetir algo semellante. Perdoar fainos grandes, esquecer inxustos.