Este xoves pasado celebrouse unha festa para conmemorar os marabillosos cincuenta anos de televisión. Bonito e emotivo. Por suposto, e non vou ser eu quen o critique, ou sí. O caso é que este obxeto que todos temos na casa meteuse hai medio século nas nosas vidas e agora prescindir dos seus sevicios resúltanos complicado, case un sacrificio.
Porén a culpa deste aparato deseducador, cada vez máis ridículo é dos que fan televisión pensando sobre todo nas audiencias. Con tal de ser o canal máis visto, os contidos non importan.
Os rapaces e rapazas do noso país sucumben ante esas tertulias deformantes, do insulto, dos concursantes da casa de Gran Hermano. Ata a Mecedes Milá, que fixo tantos programas de televisión interesantes, váiselle a pinza. Esta profesional está a sufrir un proceso de metamorfose que ven dar nunha Maruja que parece ter o poder de xulgar conductas con expresións do tipo “Tú eres consciente de lo que has heho? Yo, como tía,…” Pero vamos a ver, como diría un amigo meu, Mercedes, porque non deixas este programa deformador, deseducador, denigrante, patético e provocador? Non serve nada do que poidas contar para explicar os motivos que che levan a estar nese plató con eses rapaces e rapazas fruto dunha educación televisiva que desvirtúa a realidade. Realmente non se entende. Os/as adolescentes vendo esta realidade desvirtuada, cren no triunfo rápido, sen esforzo. Para que facer entón periodismo, por exemplo, se presentándose a un reality poden facer cartos e pasar a ser tertulianos da telebasura?
Hai anos os nosos ídolos eran actores, cantantes, ou deportistas, e con eles tapizabamos as carpetas. Agora as carpetas conteñen as fotografías deses energúmenos de Gran Hermano sobre os que os nosos rapaces e rapazas saben absolutamente todo.
Esta é a situación actual e, nesta situación e lembrando a televisión que se facía nos oitenta con programas tipo “A bola de cristal”, ”Aplauso”, ou series como “Érase una vez el hombre” e posteriormente “Érase unha vez a vida” resulta difícil non levar as mans á cabeza e suplicar aos electroduendes que nos saquen deste matrix, deste carrusel de idiotas, deste mundo de emocións elementais que potencia a mala educación e o insulto como argumento.