A convicción do amor non é abondo
DIALOGAN baixo a claridade de xuño,
cando a auga crece e o merlo tensa a súa negrura.
Son signos para o equilibrio e a victoria,
mais o amor esixe aínda o ideal desasimento,
a forza da tenrura.
Corre branco, entre cristais, o verán,
sen mais premonición que a do tempo.
A gaivota,
o desacougo no fuxir da auga,
a fraxilidade da inocencia
son símbolos de dúbida:
¿quen fortalecerá o corazón?