Os profesores Pilar Pallarés, Antón Figueroa e Francisco Díaz-Fierros; o músico Carlos Núñez e o arquitecto Manuel Gallego Jorreto recibiron os galardóns nas modalidades de creación literaria, ensaio, investigación, creación musical e ciencias e artes da representación. A cea serviu de marco para homenaxear a Isaac Díaz Pardo -con quen o pasado 23 de decembro dialogabamos na canle Vieiros- que recibiu a distinción de Galego Egrexio 1977. A entrega de premios celebrouse no hotel Samil de Vigo, no decurso da tradicional Cea das Letras Galegas que ten lugar o sábado anterior ó 17 de maio e na que participaron máis de 400 persoas.
Os Premios da Crítica de Galicia naceron en 1977, impulsados por Bieito Ledo e Xosé González Martínez e a iniciativa do Círculo Ourensán-Vigués, para significa-lo labor daquelas persoas, empresas e institucións que se significaron polo seu labor a prol da normalización lingüística e cultural. A constitución da Fundación Premios da Crítica de Galicia e a ampliación do número de modalidades foron algúns dos acontecementos máis sobranceiros rexistrados nestes vinte anos.
No transcurso da Cea das Letras deste ano, o Presidente da Fundación, Xosé González Martínez, fixo un chamamento á conciencia de sectores como a xustiza, a empresa, a igrexa ou a banca para se involucrar no proceso de normalización da cultura galega, animándoos a traballar por unha Galicia adaptada ó pórtico do século XXI.
Trala intervención do Presidente da Fundación, os voceiros dos distintos xurados procederon a dar a coñece-los nomes dos gañador nas modalidades de creación literaria, ciencias e artes da representación, ensaio, creación musical, investigación e iniciativas culturais.
A profesora Pilar Pallarés recibiu o premio á mellor creación literaria polo seu poemario Livro das devocións. Pilar Pallarés significou que, aínda sendo moi pasota diante dos premios, a conformación do xurado e o respecto que tiña polas opinións dos seus membros, facía que este premio tivese para ela unha especial significación.
Antón Figueroa Lorenzana, premio de ensaio por "Lecturas alleas", agradeceu a distinción salientando que o seu mérito era traballar modestamente por Galicia.
Manuel Gallego Jorreto, premio de ciencias e artes da representación, pola súa aportación no campo da arquitectura, recolleu o premio de mans do Excmo. Sr. Rector da Universidade de Vigo.
O profesor Francisco Díaz-Fierros Viqueira, premio na modalidade de investigación polo seu traballo "As augas de Galicia" significou que o seu era un traballo colectivo, facendo un emocionado recordo a un dos compañeiros que participou neste labor e que non chegou a ve-la edición do libro.
Carlos Núñez, premio á creación musical polo seu disco "A irmandade das estrelas", salientou a satisfacción que lle producía recibir este premio ós vintaseis anos e na súa propia cidade, interpretando á frauta unha das súas creacións incluídas no citado disco.
Vieiros, premio á iniciativa cultural, recolleu o galardón das mans de D. Francisco Fernández del Riego algo que para nós ten unha especial significación ó cumprirse o 35 aniversario da institucionalización, baixo a iniciativa de D. Paco, do Día das Letras Galegas.
A Fundación Premios da Crítica, a través de Ferro Ruibal, autor do discurso de loanza, dedicou un recoñecemento especial a Isaac Díaz Pardo, a quen se lle concedeu o título de Galego Egrexio 1977 polo seu compromiso desinteresado e permanente con Galicia nas dimensións persoal artística e empresarial. Coa designación, a Fundación recoñece os valores humanos de Díaz Pardo e a súa aportación constante a Galicia, ademais de destacar da súa personalidade o modelo de perseverancia e fe na Galicia que Díaz Pardo demostra como constantes que deben guiar calquera aposta pola nosa terra. Ferro Ruibal fixo fincapé no carácter creativo e tamén desconcertante e incómodo de Díaz Pardo.
D. Isaac Díaz Pardo agradeceu o recoñecemento ó tempo que indicou que, tras oí-lo discurso de loanza, pensaba que estaban a falar doutra persoa xa que a súa vida habería que cualificala como unha traxectoria chea de fracasos.
Clausurou o acto o Conselleiro de Cultura e Comunicación Social, D. Xesús Pérez Varela, quen convidou ós presentes a mirar para diante, para esa Galicia do século XXI que aspiramos a construír.