Centro de Documentación da AELG
''Os poetas galegos dos 80 viven un momento de plenitude'' - LUCIANO RODRÍGUEZ
Conchi Bilbao
Autores/as relacionados/as:

LUCIANO RODRÍGUEZ
''Os poetas galegos dos 80 viven un momento de plenitude''

Cinco voces poéticas, pertencentes a unha xeración emerxente e representativas das cinco linguas peninsulares entran en conexión na antoloxía coa que o profesor Luciano Rodríguez (Viana do Bolo, 1951) quere demostrar que a intercomprensión é posible.

Poemas e entrevistas do catalán Álex Susanna, do basco Felipe Juaristi, o español Luis García Montero, o portugués Fernando Pinto do Amaral e a galega Pilar Pallarés poñen de relevo a existencia dunha sensibilidade común. Horizontes poéticos (Xerais, Alternativas) é unha visión poliédrica desde o punto de vista lingüísticos da chamada xeración dos 80.
Luciano Rodríguez, profesor de Literatura Galega na Universidade da Coruña, volve pisar con esta obra o terreno da antoloxía, rendíndolle homenaxe ó tempo á profesión xornalística, a súa vocación frustrada. Esta súa última proposta contén poemas que _ agás as eusqueras e algúns cataláns que inclúen traducción_ conservan a lingua orixinal. Tamén a transcripción bilingüe das entrevistas é fiel ó modo en que se realizaron, cada quen falou no seu idioma. O resultado, segundo as súas palabras, é que ``o diálogo é posible''.

É a primeira vez que cinco poetas e cinco linguas entran en diálogo e propoñen outra mirada sobre a realidade plural que é a Península Ibérica. Lembra Luciano Rodríguez que en 1987 a profesora da Complutense Julia Varella realizara un proxecto algo semellante pero incluíndo traduccións. Tratábase ''dunha visión desde o castelán, mentres que esta é a visión desde o galego e desde o respecto polas outras linguas''.

Unha mirada para a cal o profesor botou man de cinco dos poetas de referencia para el. Detecta neles coincidencias que prefire relacionar co sentir dunha época (todos eles naceron entre 1957 e 1960) que a termos tan espinosos como o de periferia: ``Existe unha sensibilidade común, inquedanzas semellantes, pero que responden á coincidencia no momento histórico e por tanto os puntos de intercambio son sorpendentes só relativamente.

O seu amigo Basilio Losada escribía nun artigo que o século de ouro da poesía galega durara 13 anos. Pero Luciano Rodríguez non está de acordo, e se ben recoñece ``o parón'' sofrido a finais dos 80, considera que a xeración de poetas que invadiu o panorama literario a comezos desa década é a que hoxe presenta as propostas líricas máis interesantes. ``O atasco do ano 87 foi normal'', declara, ``unha crise lóxica trala aparición fulgurante que fixeran cada unha delas''. E, anque non desoe a voz dos que empezan _``e teñen que loitar por facerse notar''_ considera que a ''madurez literaria'' deses poetas dos oitenta transcorre dun modo paralelo ``á súa madurez biolóxica''. Unha plenitude, que sen embargo, a escaseza de iniciativas de traducción e intercambio limita ó eco dentro das nosas fronteiras.

Conchi Bilbao