Centro de Documentación da AELG
Frei Martín Sarmiento desde Bergantiños
Xosé Manuel Varela
Autores/as relacionados/as:

FREI FREI MARTIN SARMIENTO DESDE BERGANTINOS

Sarmiento é un deses escritores imprescindibles para nos sentir emocionados ó ver en letra de imprenta calquera lugar de noso.

¿A quen, acaso, non se pon a pel de galiña ao ler descricións coma estas en Viaje a Galicia (1745)? Primeira, «Malpica. É unha península, como pena na que está a vila, e ten ao oriente un pequeno areal que é o porto, e outro máis grande que mira ao norte, que ten por punta oriental ao propio lugar de Malpica. E o occidental é a illa de Sisarga, que emparella co continente, pero de xeito que entre el e ela podan pasar navíos de liña, pero non pasan». Segunda, «Carballido. Couto de Almerezo, é dos bernardos, Ponte Ceso, outra legua. E ría, río, e como porto pois ali chegan pataches da ría de Laxe, Corme e Cándoas. A ponte é estreita, e sen varandas, e cunha calzada. A ría sube media legua até o lugar Oeste (quizás aestus maris ou o esteiro) e o río é o Cetrúas de Soandres, e unhas e outros chaman Allóns».

Sarmiento é unha referencia indispensable. E este ano moito máis: a Real Academia Galega dedícalle o Día das Letras Galegas, moitas asociacións galegas e bergantiñás organizan actividades arredor da súa figura e todas as editoriais do país poñen o seu pequeno gran de crea na recuperación desta figura senlleira e case que ignorada da cultura galega.

Faceta investigadora

Días atrás, no Casino de Carballo e organizado polo Instituto de Estudios Bergantiñáns, tivemos a fortuna (emotiva) de compartirmos mesa coa investigadora larachesa Mercedes Queixas Zas, na que presentaba o volume Frei Martín Sarmiento.

Dixemos emotiva porque o nome de Mercedes Queixas lévanos a aqueles anos compartidos nas aulas universitarias. E dixemos emotiva porque de toda aquela promoción, Queixas Zas é unha das filólogas que máis traballos leva publicados ata agora.

Se botamos unha ollada ao seu traballo investigador descubrimos tres facetas no seu labor. Unha primeira, formada por traduccións para o galego. Unha segunda, pola edición de textos da historia literaria galega. E unha terceira, polas colaboracións e investigacións divulgativas de tódalas épocas da literatura galega, ás veces a través dunha panorámica global, ás veces deténdose nalgunha época determinada, como pode ser o seu volume Os trotadores do Reino de Galicia que superou os 20.000 exemplares.

Salientarmos entón que, nesta última faceta, Mercedes Queixas é a investigadora bergantiñá que máis ten contribuído ó estudio da literatura galega, aspecto que cómpre, por unha banda, recordar, e por outra banda, agradecer. Non deixa de seguir os vieiros literarios abertos por Eduardo Pondal, Xesús San Luís Romero, Xurxo Borrazás, Xurxo Chapela ou Rosa María Vidal Vázquez.

E nestas datas, o libro Frei Martín Sarmiento. 0 inicio da recuperación da conciencia galega non pode estar de máis actualidade. Primeiro, porque a penas hai unhas semanas que saíu do forno; está quente coma pan de Carballo, coma pan da Brea. Segundo, porque Frei Martín está este ano de Festa, está de Letras. Terceiro, porque a súa autora, coma o estudiado, tamén é unha filóloga. E cuarto porque as ideas, as ansias e as inquedanzas de Sarmiento, afortunadamente, están presentes en moitos e moitas da nosa sociedade.

Non é o meu obxectivo esmiuzar aquí o volume de Mercedes Queixas. Sen embargo o que non me perdoaría era precisamente poñer de relevo canto de actualidade está o ideario sarmentiano: a dignificación da lingua, o antimilitarismo, a defensa dos valores da identidade de Galicia, etc, etc., etc. ¿E que pensar disto? Por fortuna, atrás no tempo quedan os Séculos Escuros que lle tocou vivir ó frade benedictino. Por desgracia, «a recuperación da conciencia galega» clamada por Frei Martiño está lonxe de ser asumida polos outros moitos habitantes deste país.

Sexa entón o ano de Sarmiento un motivo para esa recuperación. Se non o for, deleitémonos co volume de Mercedes mentres soñamos, coma Pondal, que os tempos sexan chegados.

Xosé Manuel Varela é escritor