Marta Dacosta e Estíbaliz Espinosa editan tres poemas inéditos
A terceira entrega de 'The Barcelona Review' achégase ás súas propostas fluidas e heteroxéneas
V. Oliveira\Santiago
'Papas de arroz' de Marta Dacosta e 'Lista de datos contemplables' e 'Intemperanza' de Estíbaliz Espinosa son os tres poemas inéditos que as escritoras galegas achegan á terceira entrega da colección 'Galicia, mulleres poetas' que publica bimestralmente a revista internacional de literatura, The Barcelona Review.
A poesía galega ten donas. Son as novas mulleres poetas, as raíñas dos versos, que están a acadar un recoñecemento exterior do que tampouco carecen dentro das fronteiras.
Polo menos iso aseguraba este luns o editor Miguel Anxo Fernán-Vello que elevaba o número de lectores de poesía en Galicia a medio milleiro, superando o resto do Estado.
The Barcelona Review inclúe no seu número 45 os perfís da viguesa Marta Dacosta (1966) e da coruñesa Estíbaliz Espinosa (1974) xunto cunha selección de poemas achegados polas propias autoras que forman parte da nova xeración de poetas que conflúen na súa fluidez e na heteroxeneidade das súas propostas.
A filóloga e mestra Marta Dacosta inclúe, ademais do seu inédito 'Papas de arroz', outros poemas dos libros Setembro, En atalaia alerta e As Amantes de Hamlet, Ademais, a viguesa ten publicadas as obras Crear o mar en Compostela, Pel de ameixa, En atalaia alerta. Ademais de publicar en diferentes medios, na actualidade forma parte da Directiva da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) e dende 2003, é columnista do semanario A Nosa Terra.
Da imaxinación tira Estíbaliz Espinosa, que asegura na súa autobiografía "que puido tnacer en Bruxas no 1407, pero o certo é que foi a aparecer en 1974 e na Coruña.'' A coruñesa inclúe poemas dos libros Mecánica Zeleste, Pan (Libro de ler e desler), Número e, un publicado en Enfocarte e os inéditos 'Lista de datos contemplables' e 'Intemperanza'. "Podería ser pedra, brezo, aminoácido, engade a autora, pero foi home, "na modalidade de muller.''
Entre os seus poemarios cóntanse tamén -orama. Na actualidade, a poeta prepara a edición do seu próximo poemario, que, polo de agora, xa ten título, Iberia Polyglotta.