Centro de Documentación da AELG
Ofelia e Penélope nos versos de Dacosta
31 de agosto de 2003
Araguas, Vicente
Autores/as relacionados/as:
Fonte: El Correo Gallego

Ofelia e Penélope nos versos de Dacosta

     Este As amantes de Hamlet (Espiral Maior, A Coruña, 2003) é un libro reivindicativo no que se percibe un río nada preguiceiro, sempre disposto á loita, no que a súa autora, Marta Dacosta, mostra unha pluma afiada pero allea á escura tentación da liñalidade. As amantes de Hamlet pinta unha Ofelia desolada mais que foxe da iconografía prerrafaleita, a que mellor soubo pendurar o seu retrato de rapaza solitaria, para esbozar un retrato (un autorretrato, se cadra) tremendista no que a narratividade deixa paso a unha poética (autopoética, tal vez) tan egoísta _no senso yolandacastañiano do termo_ como rompedora.
     Eis igualmente o motor que move a Marta Dacosta, unha autora 'de xénero', aliñada nese grupo de mulleres poetas que andan a facer unha poesía moi persoal, totalmente chea dunha carraxe peneirada por unhas ambicións estilísticas e léxicas significativas. Este libro, no que Hamlet a penas si se deixa ver, desmentindo dobremente o seu carácter cheo de perplexidades, vai de Ofelia a Penélope. A primeira condenada ao silencio, a segunda rexeitando teas e fíos, refusando esperar. Entre as dúas un libro espido (como esas mulleres espidas, como a lúa, como as illas, que aquí se mostran) no que a parafernalia posible, os ornamentos veñen dados pola imaxinación lectora que, desde a frialdade que aquí se chama distancia, deberá percorrer con Marta Dacosta a reivindicación de base que supón a súa escrita. Unha escrita caracterizada por unha caligrafía moi limpa, transparente malia o hermetismo da autora viguesa que rexeita os tons altisonantes porque no seu concepto ven implícito o berro de estirpe ou caste. Logo, entre os poemas que se artellan en estructura convencional pero sen recorrencias de sonsonote, aparecen un par de mostras en prosa, tal vez do mellor do libro. Marta Dacosta, en fin, fai que o seu río navegue con elegancia afastadora, para, en contraste nidio, facernos seus.

VICENTE ARAGUAS - SANTIAGO - 31.08.03