Centro de Documentación da AELG
Un libro iniciático
Villar, Miro
Autores/as relacionados/as:

     Crear o mar en Compostela é un libro iniciático, introducido por un limiar de Bernardino Graña que nos explica o encabezamento "Compostela é un faro interior da terra desde o que Marta lembra río e mar e costas e peixes e argazos''. 
     En Crear o mar en Compostela coexisten dous poemarios, o primeiro de contido metaliterario e o segundo de flora, fauna e metáforas acuáticas. De feito un dos textos define a Poesía como "a palabra perfecta/ no lugar adecuado./ A mensaxe precisa''. 
     O primeiro e o derradeiro poema inciden nesa proposta metapoetizada de soñar coas palabras, de edificar os alicerces da débil poesía, aínda que ás veces as palabras non veñan "e non houbo poema'' porque como dirá noutro texto dun xeito ben fermoso "as palabras son duras, máis duras que o granito''. 
     Ou que dicir daquel onde confesa "teño mans de labrega e só sei certo/ levantar o legón sobre as palabras'', porque Marta Dacosta aposta por moldear para saciar a sede de todos os curiosos. E pregúntase onde foron aquelas que viñan nos seus versos ou dinos que atopou a Poesía nas rúas de Lisboa, nun poema onde Pessoa e os seus heterónimos camiñan polo texto. Aos poetas atopounos "nos nomes das rúas e dos bairros,/ para iso serven os poetas''. 
     No poemario que dixemos acuático atopamos A Guarda (casas de sal, casas de cunchas e argazos, casas-gaivotas) ou un mariñeiro de Corme que esculca o paso das baleas ou Barra, Fisterra, Mar do Rostro, porque o mar está sempre "o meu mar é un mar de ronseis construídos por lentos arroaces'' ou "Quero un mar habitado do canto das baleas''. 
     E un despois de ler esta proposta lírica sente unha bafarada de frescura porque Marta Dacosta trae "voz do sal que gallopa nas ondas do mencer/ cando o sol é un neno e apenas gabea''. Na lectura somos cómplices e coa poeta respiramos profundamente porque "o aire está salgado neste soño/ de crear o mar en Compostela''