Centro de Documentación da AELG
Reseña en El Correo Gallego
3 de novembro de 2004
Autores/as relacionados/as:

     Crear o mar en Compostela é o segundo título da colección Poeta en Compostela, unha iniciativa editorial que principiou o mes pasado coa publicación dun primeiro volume, dedicado ao finado poeta chairego Manuel María. Poeta en Compostela, que nace da colaboración da Editorial Compostela do Grupo Correo Gallego e da Concellaría de Cultura do Concello de Santiago, pretende unir a experiencia dunha cidade universal, como a capital galega, coas voces literarias que, na nosa contemporaneidade, deixaron escrita a súa pegada. O ritmo das horas na pedra, as variacións de luz nas calellas da cidade, o tempo durmido, a beleza... Todo está nos versos de escritoras e escritores galegos que converteran a capital de Galiza nunha experiencia da memoria e dos sentidos, un sentimento singular que se recolle nas páxinas desta ambiciosa colección.
     Mañá xoves 4 de novembro o libro Crear o mar en Compostela, —que foi a estrea editorial da autora e no que Marta Dacosta xungue o seu verbo atlántico, de costa, co ritmo sereo de Compostela— entregarase con EL CORREO GALLEGO na área de Santiago.
Este mesmo xoves, ás 19:30 horas, terá lugar no Casino de Santiago un recital poético que servirá como presentación do libro.

Desde Vigo

     Marta Dacosta Alonso naceu en Vigo en 1966. Desde moi nova interesouse pola cultura galega e no ano 1987 participou no seu primeiro recital público.
     Dous anos despois licenciouse en Filoloxía, comezando a traballar de contado como profesora de ensino medio. Nos anos 1987 e 1988 residiu en Compostela, onde coñeceu a outros poetas da súa xeración: primeiro a Rafa e Miro Villar e a Paco Souto e máis tarde a Eduardo Estévez e Estevo Creus.
     Colaboradora de diversas publicacións desde aquela, en 1994 sae á luz o seu primeiro libro: Crear o mar en Compostela, premio de poesía O Grelo no ano anterior. A partir de aí virían outros premios e libros, entre eles: Pel de ameixa, galardoado no certame González Garcés do 1995; Setembro, galardoado co Martín Códax do 1998 e En atalaia alerta, accésit do Esquío 1999.
     Xunto con outros poetas colaborou na creación e desenvolvemento da colección de poesía Letras de Cal, pensada para dar a coñecer a obra das xeracións máis novas, e participou activamente en recitais poéticos con distintos autores e autoras.
A autora afirma que "procuro escribir co corazón, co firme propósito de revolverlle o estómago ao que se senta fronte aos meus poemas''.