Centro de Documentación da AELG
Recensión de "As Amantes de Hamlet"
Francisco Xabier Paradelo
Autores/as relacionados/as:
Fonte: Centre Dona i Literatura

"Ou Ofelia, ou Medusa. Sen elección. Condenadas á inocencia, ao silencio.
A todos os silencios.
Pero se coñecemos á dama da poza, se buscamos a razón do abismo e aprendemos a rotación da lúa, nunca máis levaremos a grinalda de Ofelia e as flores non volverán ser brancas. Branca só a palidez da pel..."


 

O poemario xira en torno ao núcleo central que conforman os dezaseis poemas agrupados baixo o epígrafe que dá o nome á obra. Como se apuntaba arriba, a autora centra o mundo feminino a partir de Ofelia, vítima das maquinacións de Hamlet, o masculino. Todas as outras figuras femininas que aparecen nos poemas, Medusa, Penélope ou a filla do pirata poderían ser alter egos complementarios ou diferentes personalidades que encarnarían o cosmos d'As amantes de Hamlet.

 

O texto escollido coma introdución en Abandóname leva marcas xeográficas galegas. O poema vai seguido dos que tratan a figura de Ofelia, polo que se interpretaría que a voz impostada é a da personaxe shakespeariana trasladada, anunciando a determinación previa ao suicidio como fuxida e vinganza.

 

En Ofelia vemos o tránsito do corpo da suicida trazando un novo vieiro cara ao mar, que para Dacosta non é a morte das coplas de Manrique, senón o preludio da vida remendada que desexara Sylvia Plath na súa nota de suicidio. O tránsito, silencioso e oculto para o masculino, sería unha liberación, unha resurrección: o sangue, a dor que marcaran a vida anterior quedarían atrás deixando o corpo pálido, ceibe do vermello. A fin da viaxe redentora está nunha illa sen nome onde chegan todas as amantes, xunguindo o mito atlántico co mediterráneo, unha Avalon feminina ou unha Lesbos, libre de Hamlets.

 

Nos poemas As amantes de Hamlet Ofelia perde o protagonismo no cosmos da illa en favor do colectivo. Unha xenealoxía matriarcal crea un espazo de seu, con regras propias libres do patriarcado, onde as amantes renacen na auga salgada núas e limpas, pero xa non inocentes. A vestimenta, como pel de vida vella, queda no mar.

 

Tempo de rabaquetas marca un contrapunto que contrasta co resto do poemario ao abandonar a análise da dor en favor dun canto ao amor físico. Este, quizais marcado en exceso polo instinto e a paixón, levaríanos a que o diálogo destes poemas co resto da obra viría dado por ser este amor incontrolado unha causa da dor.

 

As personaxes femininas dos poemas cambian o rol asignado polo patriarcado. Ofelia deixa de ser ver vítima: é ela quen escolle o camiño negando o imposto. A Medusa amante derrotou a Perseo e a filla do pirata de Fiinda toma o papel do pai. A inversión máis clara é a de Cartas mariñas para Penélope. A muller abandona o lugar asignado no relato homérico e colle o camiño de Ulises: non só abandona a espera e a tea para navegar, senón que debuxará o seu propio mapa e as súas propias cartas mariñas.

Paradelo, Francisco Xabier (2005), "Marta Dacosta. As Amantes de Hamlet", Lletra de
Dona
in Centre Dona i Literatura, Barcelona, Centre Dona i Literatura / Universitat
de Barcelona

http://www.ub.edu/cdona/lletra_de_dona/fitxautora/martadacosta.htm