Centro de Documentación da AELG
Ficar pendurado do baleiro e poder rebelarse contra o mundo
18 de abril de 2004
F. Martínez Bouzas
Autores/as relacionados/as:
Fonte: El Correo Gallego

O case descoñecido Mario Regueira publica ‘Rebelión no inverno’, un conxunto de historias tan desiguais como ousadas sobre o desacougo dos homes e a súa inadaptación social.

 

 

            Suturando os títulos dos dous últimos relatos, atopa Mario Regueira un rótulo apropiado para o seu debut literario, Rebelión no inverno que acaba de aparecer na colección Abismos de Edicións Xerais de Galicia, editora que, na celebración do seu XXV aniversario, ofrece así a posibilidade de se daren a coñecer a autores inéditos, pero coa suficiente calidade, vigor e ousadía para que o lector se deteña nestas súas primeiras achegas literarias. Rebelión no inverno é, xa que logo, o primeiro libro de Mario Regueira, un mozo de vinte e cinco anos, a penas coñecido por algúns poemas publicados en distintas revistas.

           

            Dezasete relatos forman o corpo deste pequeno volume, co que a colección estrea novo rostro e novo deseño. Un libro de relatos sen dúbida desiguais. Algúns cun contido diexético moi feble, outros portadores de fermosas historias. E todos eles bastante novidosos.

 

            Un libro de rebelións no sentido máis amplo do termo, de personaxes subversivos que intentan cambiar o mundo no que viven para facelo cadrar cos seus soños. E tamén un libro existencialista, de desacougos producidos, como tal, por un cuarto que se torna estraño desde que no mesmo se introduce un móbel que fai que os seus moradores anden pola casa como vagabundos, que para eles, nada teña sentido e que rematen rebelándose e guindando o móbel que, no seu inconsciente, se lles amosa como ollo inquisidor do pai. Ou o non saber a resposta do porqué da vida que, con prosa rotunda e sen ambaxes, nos presenta o autor nos relatos Historia das mans atadas: “Vos chamádesme deus, pero eu non teño a quen chamar deus. Daría as vidas que me restan por atopar ese ser e mirarlle aos ellos e preguntar porqué chove, porqué treme a terra e hai noite, porqué existo”. Outras veces a falta de sentido vén producida pola linguaxe que fracasa como forma de comunicación. Daquela, a palabra en vez de servir como canle de relación entre dúas amigas, sepáraas, constrúe unha barreira, unha distancia artificial porque unha delas estivera fóra do tempo, a soas coa Palabra. Dous son, na miña estima, os relatos máis representativos e mellor logrados do volume: O amante tras o cristal e O que aprendín de Medea. O primeiro deles é unha mostra requintada do xorne existencialista, dese clima neboento, enigmático e mesmo nihilista que envolve a maioría das tramas que nos ofrece Mario Regueira. O personaxe protagonista deste relato, nun cru monólogo interior, realiza unha asunción do baleiro, que é ao mesmo tempo unha maneira de emanciparse. Aínda así o personaxe que formula inquérito, séntese vivo. Colgado no baleiro pero sostido por unha man. De nada serve a relación coas persoas porque do mesmo xeito tamén nos relacionamos coa nada. E plasma todo isto na figura de Erica, que leva demasiado tempo picándose, que fica no baleiro para sempre e agora xa non se amarga por nada. Todos os amigos marcharon afogados na realidade oca, a rúa non dá oportunidades. ¿Que hai ao outro lado? Unicamente sombras. Pendurado no baleiro entendes o falso que é todo, a ficción da existencia. A conclusión non pode ser máis inquietante: “Somos como vermes, estamos atarefados en facer ben as cousas, preocupados pola moral, pola vida, pola trascendencia de todo. Pero somos coma vermes”. Silencio, escuridade, a vida transcorre tras un cristal afumado.

           

              O que aprendín de Medea é pola contra un relato bastante narrativo, quizais o que reúne máis contido argumental dentro da escolma. O silencio acompañou sempre á protagonista relatora. Mais atopa unha amiga que non é unha autómata e a través dela coñece os membros dun grupo de teatro. Mundos novos por explorar. Xunto con eles, rebélase na universidade, aprende a dignidade da desesperación, a altiveza do feble que se rebela. E coñece a amizade, o amor e o desamor e o desconcerto do contexto dun movemento revolucionario estudiantil. Aprende a gorentar o amor lésbico que a fai feliz ata que sobrevén o abandono e de Medea, á que por azar representa na escena, aprende a arte da vinganza que debe realizarse no froito do amor e cuxo obxecto será ela mesma. O autor mergúllanos pois nun mar de ambigüidades, se inquéritos que case nunca teñen resposta. Velaquí pois unhas mínimas pautas para entender este inquietante debut literario de Mario Regueira que, con pinceladas curtas, sen preciosismos estilísticos, se converte en pesadelo do inverno que fai aterecer as vidas.