O
Ensino é o principal axente de transformación dunha sociedade.
Os grandes logros da sociedade actual, os que condicionan en
primeiro lugar a modernización e a democracia do país, son a
Sanidade pública e o Ensino público. A maioría de nós lembra
épocas nas que só aqueles privilexiados accedían aos colexios
e universidades. Tamén comprobamos como nas horlas da
Universidade as mulleres eran moi raras. As mulleres, mesmo
fillas das clases privilexiadas, non recibían instrucción
cultural. A discriminación, tanto social como de xénero, foi
superada na actualidade. Toda a infancia e xuventude, nenas e
nenos, asisten ás aulas gracias ao Ensio Público e Obrigatorio,
garantía de xustiza social.
No relativo ás mulleres supuxo un
cambio espectacular. Nunha xeración pasaron dunha presencia
escasa nas Universidades a seren a maioría e obteren as mellores
cualificacións. Son o exemplo máis evidente de que o Ensino
público pode facer evolucionar unha sociedade e tamén de que
temos que defendelo e empeñarnos en melloralo.
Neste empeño debemos estar non só
o profesorado, senón tamén por un lado as autoridades
educativas para pór os medios necesarios que nos permitan
realizar o labor, e por outro as familias, valorando o traballo
do profesorado e inculcando no alumnado o respeto pola súa
función e ofrecendo a súa necesaria colaboración. Cómpre
facerlle comprender ao alumnado que as aulas son os lugares onde
se transmite o saber acumulado pola especie humana ao longo dos
séculos e onde se aprende, con esforzo, a continuar mellorando
como persoas para transmitirlle ás vindeiras xeracións un mundo
máis avanzado, habitable e feliz. A sociedade mercantilista na
que vivimos confunde e desvirtúa os papeis en moitas ocasións,
pero as nais e pais deben comprender que o profesorado non somos
mercaderes, non somos meros expedidores de títulos. Equivócanse
os proxenitores que fan de avogados da súa prole para presionar
ao profesorado sobre as notas. A nosa función é moito máis
importante do que iso. O ensino, a adquisición da cultura
acumulada ao longo dos séculos é o que nos eleva como especie,
o que posibilita a comunicación e a igualdade entre as persoas e
consegue a dignificación e a liberdade humana. O escritor e
humanista mexicano Carlos Fuentes afirma que o analfabetismo é o
meirande atentado contra a humanidade. Cento cincuenta millóns
de criaturas do mundo non van á escola, non reciben
instrucción. Neste mundo global do que tanto se fala, non son
tanto as etnias, as razas ou outras diferencias as que separan á
humanidade; o abismo fundamental na globalización é o que
separa as culturas científicas das precientíficas. Sen o saber
acumulado pola ciencia, a humanidade está atrapada na caverna
platónica, nunha sima profunda e escura onde só poden imaxinar
o exterior a través de especulacións ou mitos. A sociedade e as
familias deben comprender que os coñecementos e a cultura que se
adquiran nas aulas han ser determinantes, non só para o benestar
económico, senón tamén para a liberdade e felicidade persoal.
E o profesorado debe renovar día a día os seus coñecementos e
a ilusión para transmitilos.
****** |
Os
principios da Ilustración, a igualdade e a liberdade, sentaron
as bases e fixaron os códigos de comportamento para lograr o
ensino público, producto dun contrato social e dunhas reglas
para o ben común.
A
igualdade é un concepto histórico. A igualdade non ven dada,
senón que é construída e é aplicada mediante normativas que
cómpre situar no plano do deber ser e dentro dunha ética.
Porque certas desigualdades impóñensenos con tanta normalidade
que só unha conciencia crítica pode desvelalas como tales.
A
igualdade e a liberdade, os dous grandes principios ilustrados,
representan o maior ben e a finalidade de todo sistema
lexislativo. No marco democrático actual, o ensino público é a
base desa igualdade. Sen ela non pode existir liberdade, por
moito que o pretenda a forte vaga de liberalismo actual que
autoriza un capitalismo salvaxe. A liberdade, antes que un
fenómeno individual, é colectivo. Soamente se é libre se
todas/os somos libres. Para iso é necesaria a igualdade.
Aínda
hai que mellorar moito a sociedade para conseguir unha
equiparación socio-económica e un xusto reparto de bens, pero o
ensino público é o punto de partida. Un ensino que propoña un
concepto material de igualdade vencellado co campo político e
económico; un ensino cunha óptica ilustrada, universalista; un
ensino interesado na defensa do ben común e cun concepto da
igualdade moral; un ensino lexitimado na racionalidade. Porque a
razón é un proxecto de intelixencia que sobrepasa as evidencias
persoais na busca de verdades universais.
Coa
mesma racionalidade debemos esixir un ensino laico, dacordo coa
Constitución. A autoridade da relixión é propia de gobernos
fundamentalistas e representa o oposto ao raciocinio moral que
queremos para a nosa sociedade e para as futuras xeracións. O
ensino científico e racional supón a garantía de romper co
transcendentalismo e a consideración do mesmo como única
maneira de validar a ética. A ética pode, e debe, ser
interpretada, no contexto empirista, como unha conducta para un
consenso máis sabio e duradeiro, confirmando que as conductas
humanas non se deben a mensaxes etéreos fóra da humanidade.
****** |
Cada
sociedade crea cultura e é, a súa vez, creada por ela. Toda
cultura procede da cultura. A cultura xorde da acción humana e a
acción humana xorde da cultura. Hai unha conciliación entre
ambas as dúas. Cómpre romper coa dicotomía que atribúe a
cultura á socioloxía ou, no lado oposto, á bioloxía.
A quimera sociolóxica afirma: as mentes humanas non crean
cultura senón que son elas mesmas un producto cultural. Este
razoamento baséase na negación dunha natureza humana de base
biolóxica.
O
argumento contrario é o determinismo xenético. Trátase da
crenza de que o comportamento humano está fixado nos xens e
depende unicamente deles. Con esta idea, os aspectos humanos
máis destructivos, como o racismo, a misoxinia, a guerra, a
división de clases, etc., serían inevitables.
Considero
que cómpre conciliar ambos aspectos humanos e incidir nun ensino
ilustrado, racionalista e científico. As ciencias sociais son
compatibles coas ciencias naturais. A ciencia é a que nos
permite coñecer o mundo real mediante operacións mentais. A
maior empresa da mente deberá consistir en combinar as ciencias
coas humanidades porque non só son perfectamente compatibles,
senón inseparables. A filosofía e a física están intimamente
unidas como xa o estiveran nos inicios, no S. VI anterior á nosa
Era, cos filósofos presocráticos, os filósofos empíricos que
fundamentaron o pensamento materialista. E así continúa sendo
ata os nosos días. O físico e historiador da ciencia español,
Sánchez Ron, ven de publicar o libro O século da ciencia onde
afirma que o S. XX non se pode entender sen recorrer ao
coñecemento científico e á tecnoloxía e que estes modificaron
a maneira na que vivimos e as nosas crenzas xa que afecta aos
dereitos humanos, a liberdade e a xustiza.
Calquera
proceso mental ten un fundamento físico e é consistente coas
ciencias naturais. Todo o que coñecemos ou o que poderemos
chegar a coñecer acerca da existencia créase na mente. Pero os
mitos e autoenganos alonxáranos do coñecemento da mente. Por
isto, mesmo na actualidade, as persoas saben máis do
funcionamento dos seus automóbiles ca da súa propia mente.
Porque a este coñecemento cómpre chegar a través dunha busca
empírica. Se cerebro e mente son, na base, fenómenos
biolóxicos, deducimos que as ciencias biolóxicas son esenciais
para conseguir a coherencia entre todas as ramas do saber, desde
as letras ás ciencias físicas.
O
profesorado de ciencias non se reduce ao ámbito abstracto dos
números nin ao estricto campo do laboratorio. Debe intentar
relacionalo todo cos amplos contornos do mundo e, asimesmo,
fomentar as ansias de investigación polos grandes beneficios que
se conseguen para a humanidade. O mesmo Sánchez Ron, declara que
"a ciencia xeral en España, no que vai de século, non
influíu para cambiar o mundo. O mundo sería igual sen os nosos
científicos". Enorme carencia. Neste país é, pois, moi
importante que o profesorado fomente as ansias de investigación.
Pero estas ansias de pouco serven se as autoridades non facilitan
os medios para que se poidan desenvolver. Isto conduce as
ciencias ao diálogo coas ciencias sociais, a historia, a
filosofía, a literatura, e cun pensamento que impulse o afán de
transformación.
Outro
tanto corresponde ás humanidades. É errónea a idea de que as
letras non necesitan rigor, verdade e confrontación. Unha das
razóns de que a ciencia e a técnica avanzaran a maior ritmo que
as humanidades débese a iso, á ausencia de confrontación e de
crítica no campo das chamadas letras. A idea dun universo
ordenado e intelixible fíxose máis forte nas disciplinas das
matemáticas, física, bioloxía..., do que nas humanidades.
Algunha literatura e filosofía perdéronse en brétemas
metafísicas e estiveron remisas, e algunha aínda o está, a
abordar a base física da mente.
Trátase,
pois, de limitar as diferencias entre as culturas científicas e
literarias. A bioloxía e a cultura interactúan para crear os
trazos comúns da natureza humana. Xunto á evolución xenética
da liñaxe humana cómpre engadir a ruta paralela da evolución
cultural. É necesario conxugalas e aplicar o modelo científico
a outras actividades humanas e submeterse permanentemente á
crítica, aplicar unha sá desconfianza intelectual ao mundo da
cultura e rexeitar o que non poida ser demostrado. Así sería
eliminado moito fanatismo, moitas actitudes dogmáticas e a
presunción da posesión de verdades absolutas. Tamén a
intolerancia e a negación da diversidade cultural. Todas estas
eivas son contrarias á actividades científica. Sería desexable
que os sistemas que gobernan a vida política, económica e
social aplicaran algúns procedementos da ciencia e a capacidade
que esta ten de autocorrección. Resultarán moi necesarios para
asumir os cambios sorprendentes que se aviciñan no coñecemento
científico e para afuxentar o medo que a ciencia provoca. Ante
todo avance científico, cunha visión máis prometeica, dan en
aparecer certas mentalidades apocalípticas que prognostican
terribles excesos e consecuencias monstruosas. Se ao longo da
historia social certos achádegos tiveron un uso espurio ou
perverso, unicamente foi debido á ambición e ao desmedido afán
de poder humano, foi causado polo dogmatismo e o fanatismo. Non
se trata, pois de coutar o coñecemento, senón de controlar que
non se faga un uso malvado ou discriminatorio do mesmo. Non é
correcto culpar á ciencia e á tecnoloxía dos defectos morais
da sociedade. Para asumir os actuais e fantásticos avances da
xenética e o maior dominio da especie humana sobre a natureza,
é necesaria unha formación básica da cidadanía e unha
conciencia ética superior para asegurar o respeto mútuo así
como conseguir unhas normativas cada vez máis perfectas que o
garantan.
Esta
gran empresa da mente que consiste en combinar as ciencias coas
humanidades foi xa iniciada co racionalismo ilustrado que marca o
inicio da modernidade e dunha nova concepción do mundo e das
relacións entre as persoas. Os ilustrados xa propuñan a unidade
intrínseca do coñecemento e do potencial do progreso humano.
Nesta liña estaban os ilustrados galegos do S. XVIII. Na Galiza
naceron moitos e importantes ilustrados como Feixóo, Sarmiento,
Cornide, ou Cernadas e Castro, o cura de Fruime... Eles foron os
primeiros defensores da lingua galega e da dignidade de Galiza.
Sarmiento, precursor da filoloxía románica, ademas de estudiar
a orixe do galego, afirmar a procedencia latina da lingua e
corroboralo con estudios etimolóxicos, defendía a necesidade do
ensino en galego. "Y es bárbara crueldad y necesidad
excusada que unos forasteros enseñen a los niños gallegos
mediante la lengua castellana que no saben..." afirmaba
o ilustrado. Feixóo, a máxima figura da cultura ilustrada en
España, escribiu tamén un importante traballo en Defensa das
Mugeres, no que aporta argumentos que aínda non asimilan moitos
homes actuais. Co seu carácter racionalista, criticaban todo
tipo de crenzas irracionais e de supersticións. Preocupábanse
por liberar ao pobo desa alienación. Xusto o contrario do que
sucede hoxe en día.
No
seu século, cando a miseria de Galiza obrigaba á xente á
emigrar e a realizar os peores traballos -como sucede cos
inmigrantes africanos hoxe en día- ao pobo galego se lle
atribuían calificativos que o infravaloraban e menosprezaban,
como pailán, porco, avaro, cobarde... e outros insultos. Os
ilustrados, nos seus escritos negábanos e defendían a dignidade
deste pobo, coma faría no S. XIX Rosalía de Castro e outros
autores do Rexurdifmento literario.
Pois
ben, agora xa non se nos califica como antes, xa non somos
padexada miserable; agora somos un país de bruxas e meigas. Toda
España sabe dicir esa parvada de "habelas, hainas" e
considéranos un pobo de nigromantes. Para demostrallo
facémoslle queimadas con esconxuros aos turistas. ¡Que diría
Sarmiento se vise bruxas pola TV, e toda a cultura populacheira
que está a promocionar e difundir o goberno galego! Por iso,
actualizar o pensamento daqueles ilustrados e a súa proposta dun
ensino racional e científico é urxente no momento actual.
Nesta
fin de século, podemos citar, entre outros, dous atrancos
decisivos que impediron o desenvolvemento cultural e científico
da cultura galega nos últimos anos: un político e outro
filosófico. Refírome, por un lado, a que Galiza leva anos
rexida por un goberno conservador que non só tratra de frear a
normalización lingüística e cultural do país, senón que
instala o populismo e a actualización das máis atrasadas
tradicións, ritos e crenzas.
No
plano filosófico, a corrente postmodernista desfai os alicerces
da ciencia. Segundo a súa teoría, a realidade é un estado
construído pola mente en lugar de ser percibida por ela. Non
existe, din os postmodernos, verdades obxectivas, non existe unha
realidade verdadeira. Galiza tamén sería, segundos eses
criterios, unha creación subxectiva coa identidade no fol da
gaita. Canto aos artistas e escritores, segundo esa conxectura,
deberían ignorar a ciencia, abandonar as formas e disciplinas
das artes, afastarse da idea dunha natureza humana universal e
preferir a mezquindande antes que a esperanza edificante. O
Postmodernismo é a antítese ideolóxica da Ilustración. Do
afán de sabelo todo que tiñan as mentes ilustradas pasamos, na
actualidade, a dicir que non podemos saber nada. A todas luces,
exemplo nefasto no campo do ensino. Cómpre romper esta tendencia
e procurar a renovación cultural deste país co rigor, a orde e
a crítica do pensamento racional.
****** |
Unha
actividade fundamental que contribúe ao coñecemento e
fundamenta a liberdade humana é a lectura. O profesorado
esfórzase en impulsala pero non chega se non existe un apoio das
institucións culturais e educativas. As bibliotecas dos centros
de ensino, ademais de estar ben dotadas, precisan persoas
dedicadas, especializadas en bibliotecas e profesionais que
saiban animar á lectura e crear o ambiente propicio para iso.
Naturalmente, isto cómpre financialo, pero os froitos que se
poden recoller dese pequeno gasto son inmensos. Hai que ter en
conta que a xuventude recibe a través da publicidade o impulso
para satisfacerse con productos de moda, para comprar certas
marcas, para consumir alcool e outras drogas, para seren fans de
determinados artistas ou deportistas. Pero nin na TV, nin nas
carteleiras publicitarias, nin nos video-xogos, etc., se lle
recomendan e ponderan libros. A lectura convértese así nunha
obriga escolar, imposta polo profesorado, en lugar dun pracer ou
unha afección. As autoridades competentes no ensino non se deben
limitar a recoñecer a importancia da lectura na formación do
alumnado, senón que deben estudiar o modo de financiar a súa
promoción.
****** |
Ademais
de establecer os principios básicos da liberdade e a igualdade
racional, a Ilustración deixounos tamén como legado a crenza de
que baseándonos no propio esforzo podemos coñecer, e ao
coñecer, comprender, e ao comprender, escoller. O esforzo, nos
últimos anos, tanto na aprendizaxe familiar coma nos centros de
ensino, está desprestixiado. Ao intentar sufperar actitudes
dictatoriais, propias doutros sistemas e épocas, cometemos
certos erros, entre eles non valorar o esforzo. Pero sen el non
hai avance posible. Gracias ao esforzo, a nosa especie, non só
logrou saír da animalidade, alimentarse e vivir mellor, senón
que conseguiu aprender moito sobre a propia humanidade. Remato
animando ao profesorado e ao alumnado, pero tamén as autoridades
e as familias, a realizar un esforzo, dacordo cos principios
ilustrados, para elevar o nivel cultural das novas xeracións e
para aprender a ser libres e habitar un mundo mellor.