Centro de Documentación da AELG
Día das Letras Galegas 1998
febreiro de 1998
Xesús Alonso Montero
Autores/as relacionados/as:

A Real Academia Galega acordou, por unanimidade, na sesión plenaria do 19 de novembro de 1997, homenaxear, no próximo Día das Letras Galegas (17 de maio de 1998), a tres poetas medievais: Martín Codax, autor de sete cantigas; Mendiño, autor dunha cantiga, e Johan de Cangas, autor de tres. Os tres son contemporáneos (segunda metade do XIII, grosso modo), os tres tanxen a lira do amor dentro do xénero da cantiga de amigo e os tres están vencellados, dun xeito ou doutro, á Ría de Vigo.

Proxéctanse para o 17 de maio e para as datas próximas moitos e moi diversos actos literarios de estudio e homenaxe a estas tres voces da nosa ilustre poesía medieval, e, por primeira vez, vai estar presente, na celebración do Día das Letras Galegas, cunha publicación literaria, o Sindicato de Comisións Obreiras, máis concretamente, Comisións Obreiras de Vigo, pois ó universo da Ría de Vigo se vencellan os poetas deste Día. Son tresgrandes voces da nosa poesía medieval, dúas delas, a de Martín Codax e Mendiño, grandes e desacougantes voces da poesía europea da Idade Media.

Os lectores teñen na súa man estes once poemas amorosos (1), estas once cantigas de amigo, estes versos incitantes, cando non turbadores, que un poeta varón, nun acto de maxistral travestimento literario, pon en boca dunha "amiga" (amada), dunha rapaza namorada que se doe da ausencia ou da distancia do "amigo" (amado).

Pero neste libriño ofrécese algo máis: once cantigas de hoxe, obra de María do Carme Kruckenberg, escritora á que a nosa poesía debe páxinas moi valiosas desde 1956 (2). Poeta, ás veces, de seria febra existencial, en ocasións gusta de compoñer textos a partir das nosas cantigas da Idade Media (3), rifacimento no que, á beira do xogo e da imitación dos modos arcaicos, hai, aquí e alí, a súa voz moderna, a súa voz de hoxe. No poemario que nos ofrece agora hai acentos da súa verdadeira voz en cantigas que compón con algunhas palabras e con algúns dos modos das cantigas dos trobadores de onte, modos e palabras que son unha homenaxe á ilustre poesía dos nosos vellos Cancioneiros. Así pois, cada unha das súas once cantigas é unha lectura, unha suxestiva lectura da correspondente cantiga medieval. O vello trobador suscita, na neotrobadora de hoxe, os versos que o lector ten nas súas mans.

Derradeiramente, a miña noraboa a Comisións Obreiras por acudir a esta Festa da Palabra do 17 de maio e por acudir da man destes catro poetas. Porque o sindicalismo, aliado natural da palabra crítica, debería ser aliado non circunstancial da palabra poética.

XESÚS ALONSO MONTERO

Vigo, febreiro, 1998.


NOTAS
(1) Para as cantigas medievais do presente volume seguímo-lo texto establecido, en recentes estudios, polo prof. Henrique Monteagudo.
(2) Data de Cantigas do vento, escrito varios anos antes.
(3) V., por exemplo, 12 cantigas de amigo a Ramón González Sierra do"Pampillón", 1972, e Cantigas parara un tempo esquencido, 1956.