María
Alonso Alonso

Son unha das malas herbas que abrollou en Matamá, na veciñanza de Vigo, nunha primavera ao cabo da infame década dos setenta. Exerzo a miña faceta creativa de madrugada, antes de que aparezan as primeiras luces do día e, con elas, intento triunfar na vida no meu tempo libre con diversos traballos que varían dependendo da conxuntura do momento e do lugar.

No 2012 un dos meus relatos “María a Lobiqueira” foi galardoado cun dos accésits do Modesto R. Figueiredo, o que axudou a que non perdese a arela por isto da escrita. A miña andaina por este mundo compleméntase con outros relatos e poemas publicados en revistas de creación literaria, cun primeiro accésit dos premios de creación literaria da Universidade de Vigo 2014 polo meu relato “Vinte miligramos de infinita tristura” e coa publicación en 2015 con Urco Editora da miña primeira novela, Despois do Cataclismo, unha post-distopía céltica con algunhas desas pinceladas gore que se poden atopar en case todos os meus textos.

Veño tamén de rematar a miña nova novela titulada Terras Estrañas, na que protagonistas de diásporas pasadas, presentes e futuras terán que lle plantar cara a misterios terribles, pantasmas de outrora e pestes pandémicas.

[Novembro, 2014]