Esta chairega de Castro de Rei , 1951, estudou xornalismo na Escola oficial de Barcelona. Tivo que exiliarse a Porto, durante a dictadura franquista, polo seu activismo clandestino na Unión do Pobo Galego. Na cidade portuguesa foi lectora na Facultade de Letras. De volta en Galicia en 1977 fíxose cargo do proxecto do semanario nacionalista A Nosa Terra, que dirixiu durante tres anos. Creou tamén diferentes proxectos de revistas: Escrita, Festa da palabra silenciada, A trabe de ouro.
A partir dos anos oitenta achegase ó mundo académico. Pasou por Lisboa cunha bolsa da Fundação Gulbenkian, 1982, posteriormente accede a unha praza da Universitat Autónoma de Barcelona e comeza a traballar na Facultat de Ciencies de la Informació entre o 1983 e o 1991. Realiza a súa tese de doutoramento e faise profesora titular nesa universidade e a comezos dos noventa trasládase a Santiago. A ela débeselle en gran parte a apertura da Facultade de Ciencias da Información de Santiago, na que exerce como Catedrática de Comunicación Audiovisual e da que foi decana durante os primeiros anos de arranque do centro.
Margarita Ledo Andión, aínda que a súa activa vida de profesional da información poida facer esquecelo ás veces, é unha das personalidades literarias máis interesantes do noso tempo, e a súa poesía, madura xa desde os seus inicios, é dunha nerviosa e peculiar calidade que a fai máis conmóvente e inquietante a cada nova lectura. Como poeta, publicou dous importantes libros nos primeiros anos da década dos setenta, dentro dunha estética máis avanzada cá dominante naqueles anos, e que en grande medida anuncian xeitos que se impuxeron máis tarde: Parolar cun eu, cun intre, con inseuto (1970) e O corvo érguese cedo (1973). Mantén inexplicablemente inédito un fermoso libro moi posterior a estes, pero anterior á recolleita de estraños textos poéticos titulada Linguas mortas. Serial radiofónico (1989), que foron efectivamente emitidos por unha emisora pirata galega en Barcelona. Como narradora publicou a súa última novela no ano 1990: Porta blindada e ten tamén publicado Mamá-Fe e Trasalba ou Violeta e o militar morto.
Ten unha constante actividade investigadora na que saca adiante moitos estudios dos que ten publicados algúns: Prensa e galeguismo (1982), Foto-Xoc e xornalismo en crise (1988) O diario post-televisivo (1992), Documentalismo fotográfico contemporáneo (1995). Dentro desta liña de investigación ven de rematar a redacción do Informe do Audiovisual Galego:1999-2000 e a publicación, en coautoría cos bretóns, Guyot e Michon, do libro Production télévisée et identité culturelle, PUR, Rennes, 2000. Cine de Fotógrafos, Barcelona, GG, (en prensa), Del Cine-Ojo a Dogma95, (2004), Documentalismo fotográfico: éxodos e identidad (1998), Galicia-Finlandia: Modos de Pensar (2002). Os seus amplos coñecementos do documentalismo audiovisual fan dela un referente indispensable nesta materia e de acordo con esto arestora dedicase ó estudio do pensamento documental no século XX.
A súa primeira longametraxe, o documental Santa Liberdade narra o asalto ao transatlántico Santa María por parte do Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación (DRIL), un comando heteroxéneo de anarquistas, galeguistas, comunistas, masóns e socialistas, reunidos en 1961 baixo a dirección de dous galegos e un portugués cun obxectivo grandioso: derrocar o réxime de Salazar en Portugal e de Franco en España.
Iste é o seu traballo máis ambicioso, 87 minutos de pescuda documental que reconstrúe, por vez primeira desde a óptica de Galicia, unha odisea “mítica'” para a súa xeración e para a historia da resistencia política durante a dictadura.
Na cinta non hai voz en off nin outro fío narrativo que a crónica dos feitos a través de tres membros do DRIL, acompañados por testemuños directos ou persoas que conformaban os círculos próximos ao triunvirato galego-portugués da misión.
Dirección y guión: Margarita Ledo Andión.
Año: 2004.Duración: 87 min. Xénero: Documental.
Música: Manuel Rodeiro.
Fotografía: Luís Abramo Campos e Rui Poças.
Montaxe: Manu Mayo y Margarita Ledo Andión.
SINOPSE
1961. En España, Franco aferrábase a súa dictadura. En Portugal, Salazar facía o mesmo. Fora da península, miles de persoas víronse forzadas ao exilio. Entre istes exiliados, houbo moitos que loitaron activamente polo derrocamento das dictaduras.
Unha das diversas formas de loita protagonizarona os vintecatro antifascistas membros del DRIL (Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación) que organizaron a “Operación Dulcinea”, consistente no arriscado secuestro do transatlántico Santa María, para chamar a atención sobre a situación política dentro da península. Durante trece días a operación tivo éxito. O barco cambiou o seu nome polo de Santa Liberdade e o secuestro puxo de relevo a contradicción internacional que representan España e Portugal. Foi un oasis dentro do Atlántico que rematou no porto de Recife, Brasil.