Centro de Documentación da AELG
Ollar o real: Manuel María nos xornais 1/2
novembro de 2005
Ledo, Margarita
Autores/as relacionados/as:
Fonte: Texto académico USC


Manuel María materia dos xornais ou Manuel María metido a xornalista, como se decía dos escritores –axitadores da Galicia Moderna: Manuel María nos xornais é ao que me vou referir, é o noso acto de escolla.  Manuel María –ás veces  vai aparecer como MM- colaborador habitual da prensa, de Vida Gallega (1954-1963) ou de A Nosa Terra (1977-1989)
Manuel María coa prensa, dende a prensa , contra a prensa  é o noso acto de escolla. Coa prensa, é dicir, conscente de que a prensa non é só un resultado se non un activo, un operador da sociedade; dende a prensa, dende o que cualifica e diferencia a cada Medio e dende a posición que  a sinatura <<Manuel María>> representa en cada Medio, a que segmento de público se dirixe, que relación  mantén o autor co editor, etc.; contra a prensa, atitude que nos  une outravolta co paradoxo: a favor e mais en contra non son excluíntes –se partimos da dialéctica materialista - , se non que na súa relación se manifesta o que coñecemenos como posición crítica: no concreto, de fronte, coa dor que xenera a paralización do ‘anxo da historia’, esa forza, a conciencia revolucionaria, que constrúe a pasión pola igualdade e pola irmandade, esa figura literaria e benjaminiana que acompaña a Manuel no seu paso pola Galiza da segunda mitade do século XX,  un anxo  que brillou de seu no periodo de entreguerras, de 1916 a 1936.
O modo en que vou organizar o meu  percurso cara MM nos xornais conxuga tres variantes que considero inconturnábeis: o propio Autor coma origo da súa decisión de intervir do lado do ‘anxo da historia’; a prensa como territorio no que expresa un seu territorio maior, Galiza, a súa literatura, a súa paisaxe, a súa identidade, e Galiza, a nación, máis o tipo de escrita que vai formateando para o contacto co seu lector-modelo, deixando sempre certa pegada no remate: son de Manoliño de Hortas, como inscribía o oleiro de Bonxe ao dar por acabado un peto de barro para aquel cativo que axexaba todo o tempo,  sen arredar pé, ás veces baixando a moliña  para ver dende un outro ángulo a transformación que a mestría do cacharreiro incorporaba á terra e á fusión do artefacto, do torno, cun tipo especial de terra.
Autor, soporte, constantes estruturantes da escrita a partires dun tipo de texto, o comentario, que está xa nos albores da prensa son a nosa mostra.
Como materia dos xornais –que non é, como dixemos,  a achega que imos incorporar a este Congreso, pero que nos serve para situar  o Autor-, como entrevistado ou noticiado, a construción pública do perfil da personaxe Manuel María pasa por diferentes avatares que teñen máis que ver coa súa militancia nacionalista que  co  súa significación como creador literario, animador cultural  ou cidadán-tertuliano.Pasa polo seu compromiso   e polas posicións que iso conleva por exemplo verbo do idioma e o conflito lingüístico como modo de se manifestar a perda colectiva,  e das institucións que determinan o estatuto e o uso do idioma (a Real Academia Galega, RAG,  por moito tempo como contra-exemplo, digamos ate que don Paco del Riego fai unha proclama precisamente alertando sobre o papel dos Medios de Comunicación. A fenda entre o real e o modo de transformalo en noticia para o público –por utilizarmos só o xenérico da información e o termo co que Manuel resume o deber de información-   advirte dunha outra fenda, a que partíu a historia da nación e trazou dúas liñas que tardan en se entrecruzar e que adoito se manifestan pola negación da existencia da outra: ou galego, ou español. Ou Galiza-nación ou Noroeste peninsular.
Manuel María metido a xornalista  tamén pasa, non podería ser dun outro xeito, por diferentes épocas canto  a utilizar o galego ou non, dependendo da vontade dos Medios ou da  capacidade  intersticial do Autor para situalo a pé dunha efeméride, tal se devalara de certos nomes  e  temáticas, ou como cita interna ás súas entregas en español. Poden vostés comprobalo, dato a dato, no Camilo Gómez Torres de Os Traballos e os Días  a quen tamén lle debo a precisión que poida ter, algures, este texto. Non é, pois, casual, que se seguimos a ordenación cronolóxica que propón o Camilo, nos quince primeiros anos, entre 1949 e 1964, o idioma galego apareza xa apegado ao valor simbólico que contrae e sexa a lingua de comunicación coa Galiza exilada alén de dúas colaboracións, unha ben temperá en Vida Gallega, no 1955, e a outra en El Progreso, o xornal de fondo para seguirmos, sigularmente, ao Manuel María, materia en positivo dos xornais. Tal vez porque Don Puro e Luis Pimentel –quen convida a Manuel a se incorporar á tertulia do café  Méndez Núñez- labraran amizade; quizais porque os vellos editores, os editores da Modernidade, aínda seguían, a trancas e barrancas,  as convencións do xornalismo nos tempos do franquismo, o caso é que a popularidade e a imaxe de  credibilidade de Manuel María no ámbito de cobertura de El Progreso –e non só por razóns localistas- é moi superior á dos tempos doces que o poeta e escritor vivíu nunha cidade que el amou tanto,  como a cidade de A Coruña. Deixando á marxe homaxes e recoñecementos –ese flotador que che guindan cando xa engatuñaches na outra ribeira, como ben dixo Sartre polo Nobel-  Deixando louvores que o acompañaron nos derradeiros quince anos, o certo é que quen queira coñecer ao Manuel civil, ten que pescudar nos arquivos do xornal El Progreso
Do 1969 en diante, o Manuel María colaborador habitual ou esporádico de xornais e revistas, é un Manuel María monolingüe, e é nese periodo longuícuo, de trinta e cinco anos, onde apousa a súa intervención e dende onde arrastra, para todo tipo de obras, as particularidades de linguaxe, de tratamento e de pretexto que utiliza nos medios de comunicación. Vexan, se non, a colocación do termo ‘noticia’ para referir achegas descritivas e concretas en revistas académicas; pensen, se non, en O xornaleiro e sete testemuñas máis, traendo para o titulo da súa narrativa a función observadora, constitutiva da profesión de informador.

A información, entendida como necesidade cultural, política e cidadán, como substantiva e non como adxetiva, fará que Manuel a insira en todo tipo de textos –da creación á divulgación- e que elabore un refinado núcleo de mensaxes breves que vai constribuindo a fixar na conciencia xeral, no lector. Teño para min que é ben escaso o número de artigos nos que Manuel non fai referencia á pertenza, ao sentido de pertenza, ao vínculo cos devanceiros e co acervo no que nos recoñecemos: sexa un autor como Otero; sexa unha construción como O Mariscal, de Cabanillas, por certo o seu artigo post-falecemento, sexa o fio do tempo que nos vai corcosendo coas ‘Misa de Rosalía’ ou co ‘Día das Letras’. A fala, a lingua como fala; a función da fala, e da posesía como modo de anchar os vieiros comunicativos da fala, é o estilo que Manuel leva canda si para os espazos mediáticos, exactamente igual que fixera Anxel Fole no seu dambular, por entre os seus mil e un neboeiros. Un xeito coloquial que coincidía co que armaban outras xeracións parellas, nos anos cincoenta, por exemplo os ‘mozos enrabexados’ (e a súa gran contibución, o Free Cinema; ou Harold Pinter) ou os chamados Novos Xornalistas, o Capote de Co Sangue Frío, para darnos, como público, ese ‘petit sujet’ que, en tempos difíceis, os do macarthysmo, os do franquismo nos marca de por vida porque é a nosa vida.
A prensa foi o territorio máis visitado por Manuel como colaborador, e a prensa entendeuna como parte do espazo común, como  esfera pública, na que é bon tentar emparellar entretemento e máis información, sen que a unha  teña que aniquilar a outra, sen que a solpresa, o inagardado, o raro, o pavero –cecais dixera el- teña que arredarse do profundamente humano.
O exemplo,  en dous medios distantes no tempo, na liña editorial, no modelo :
La Voz de Galicia, 20 de xuño de 1988, título:  <<O mítico Juanito Acuña>> onde se nos dá conta da afición da mocedade de Outeiro, Rábade e Vilalba polo gardarredes do Deportivo, afición animada polo propietario do Café Roca  e eterno presidente do racing de Vilalba. É esta a entrada precisa, semellante a todas as entradas dos seus artigos, que nos sitúa diante do motivo, Juanito Acuña, e dende o seu lugar de preferencia: o interland de Outeiro, para levarnos da man cara o seu Píndaro particular, o poeta-barbeiro-alguacil Manuel de Paderna, que lle fixera uns versos a Acuña co gallo do seu casamento. E paso ao texto do Manuel:
     Paderne tiña un gran retrato de Acuña, que era unha portada da revsita Marca, pegado nunha parede da súa industria-barbería e debaixo estes versos do que era autor:
            Anque semelle un poeta
            Este é don Juanito Acuña,
            Gran porteiro-gardameta
            Do Deportivo Coruña.
            Non hai quen lle META gol
            A este porteiro xenial
            Pois o Sol, con ser o sol,
            Non entra no seu portal

Na cerna de <<O mítico Juanito Acuña>>, a defensa dos aspectos fraternais e non comerciais do futbol e, sobre todo, unha idea que Manuel leva canda il por varios artigos e que citamos dende  o do luns, 23 de maio, tamén en LVG:  fai queixas, o Manuel,  do trato desigual, que a prensa lle outorga ao deporte, manexado por multinacionais –citamos- fronte doutras manifestacións sociais. E conclúe así:
 Este servidor de vostedes conformaríase con que os chamados medios de información de masas lle adicaran o mesmo espacio e tempo á cultura que ao que se entende por <<deporte>>, se non é muito pedir. E disimulen.

O segundo exemplo ven de A Nosa Terra, ano 1977, o primeiro ‘Andando a terra’.
Aquí teño por forza que parar un chisco só para lles lembrar que estou a falarlles dun dos fundadores, xunto con Saleta Goi ou Francisco Carballo, por citar só algúns dos participantes neste Congreso,  do único xornal nacionalista que, ate día de hoxe, houbo dende a guerra e que eu tiven a sorte, naqueles setenta, de idear e de poder levar á prática na súa etapa incial, ate outono de 1980. Estou a falarlles dalguén que por 283 números, é ao longo de doce anos, desenvolveu unha sección de intrahistoria na que as cousas –é dicir, os feitos, as persoas, os lugares, as festas e feiras, os sinais do contrabandista...- se ían relacionando unhas cas outras. Pero non foi só esta, con ser inmensa, a participación disciplinada e tenaz do Manuel de cultura  campesiña. En innúmeras ocasións o Manuel foi o arquivo e a fonte fidedigna á que acudimos para localizar documentación sobre os máis variados temas, sobre escritos do galeguismo que se referiran a aspectos de interese puntual; foi  a axenda da que se bota man para contactos. Na andamiaxe que fixo posíbel o xornal estaba a man do noso  horáculo e grande mediador, a abrirnos portas e máis portas: Manuel. Tamén cumplíu Manuel, é ben sabido, o papel do divulgador de base para temas de esgo nacional, da rex pública, como o son precisamente, as súas colaboracións excepcionais arredor de determinados suxeitos como a prensa galega, ou o día das letras.
E como todo o que se dí dínolo alguén, vou aproveitar os excursos que me permite o propio estilo do manuel non para lles revelar o importante que foi para unha xeración como a que eu pertenzo, que é ben coñecido, pero si para comentar cómo me puxen en contacto con Manuel e Saleta, dende Barcelona, xusto cando comezaba a cursar xornalismo e como este feito acompañou as miñas posteriores –boas e menos boas- decisións. Foi por carta, a Monforte, despois de que Costa Clavell me facilitara o enderezo.  Para me dar un chisco  a valer non se me ocorreu outra cousas que facer un poemario.Manuel contestou deseguida: xa te temos, a saleta e máis eu, localizada. Eres filla de Ramiro e de Amparo da Galería, e teu pai traballou co pai da Saleta no Concello, etc. etc. De súpeto convertérame nunha persoa vencellada a eles de vello. A maior abondamento, aqués poemas sairon aquel mesmo ano en Xistral –Parolar cun eu, cun intre, cun inseuto...- e eu, tamén aquel ano, fun levada  canda eles á ‘Misa de Rosalía’ onde camiñei cara Bonaval na comapaña, ente outros persoeiros, de don Fermín Bouza Brey. Un camiño sen volta atrás que lle debo a Manuel.
Imos, xa, para a primeira entrega de  ‘Andando a terra’. Nesta colaboración poderíamos localizar tamén algunhas das constantes dos textos periodísticos de Manuel. A saber: escreber daquelo que se tripa cos pés, do que foi atravesado pola propia experencia, que é unha das leis de ouro do  Xornalismo de todas as épocas: a observación, a proximidade material e afectiva aos temas, o respeto por cómo cada material se expresa. E, ese pequena habitación propia, a do autor, que vai de ollar o mundo a construir unha mirada sobre o mundo, no caso de Manuel ao abeiro de certos empréstimos tiradeos do real, si están á vista, ou da elaboración dunha sorte de moralexa, de formula incontestábel como a dos remedios, que coloca, non podía ser doutro xeito, na coda final, que o vincula aos grandes articulistas, tipo Carpentier en El Nacional de Caracas, ou o Calvino de <<Collezione di Sabia>>.