I Temos o corazón petroleado polas gueivotas negras do desprezo. Canto tempo máis aturaremos este cravo na cunca violentada da nosa man? Nas rosas anguriadas medraron as espiñas e cobriu-se o ceo de espavoridas pombas. Non pode a dor cegar os nosos ollos nen meter-nos nos escuros tempos da bágoa colectiva -ela chorou por todos e para sempre-. Non poderán os transformistas da tinta e da pantalla meter-nos no cerebro o silenzo desta Terra fronte ás voces potenciadas do impostor. II Mais outros ventos inzan hoxe a nova marusia, nacidos dese mar escurecido pola aldraxe, anovados coa luz xurdida na cinza das mentiras. Ventos libres son, a zoar na conciéncia colectiva dun país de noso, nación alborexada e limpa de negruras. Aqui somos NÓS, NÓS sempre, galegos e galegas orgullosas baixo a bandeira altiva do NUNCA MÁIS, ronsel das esperanzas. |