Raios catódicos e ondas hertzianas con soles e mares traídos do remoto país das fadas Para non turbarnos o sosego son quen de falar de pequeno lamparón cando borranchos de noite pecha enzoufan o azul salgado Para non turbarnos o sosego para non alarmarnos son capaces de promulgar un decreto no que a negra sexa declarada cor clara alegre e luminosa Para non desvelarnos para que sigamos no noso perenne letargo non dubidan en converter coa súa variña máxica en bágoas de ledicia agradecida as que foron verquidas pola desolación Para que sigamos durmindo e o noso letargo non teña fin para que sigamos téndolles fe cega non lles importa cegar a verdade nin tampouco lles importa cegarnos de todo a nós Para que sigamos a terlles fe eles que unicamente queren os nosos amenes son capaces de calquera sacrificio e por eso non comprenden que non apreciemos os seus esforzos por pintarnos o espanto de esplendor Non comprenden que non comprendamos as súas mentiras piadosas que non agradezamos o seu amoroso coidado e a súa extremada delicadeza isidro novo- xaneiro- 2003 |