Centro de Documentación da AELG
O brillo dos elefantes
4 de xaneiro de 2000
González Fernández, Helena
Autores/as relacionados/as:
Fonte: Diario Cultural da Radio Galega

Moitas veces a literatura ten que enfrontarse coa realidade vareando o realismo. Estamos acostumados a pensar que a realidade, hai que describila con obxectividade, con frialdade de médico forense, e comprobala logo cos mecanismos da razón. Mais, se collen unha cámara de fotos e xogan a mirar polo recadriño, movendo o obxectivo, verán que, igual ca nas fotos, a realidade pode enfocarse e dicirse de moitas maneiras. Por iso, hai un tipo de realismo que coñece a través das emocións, mesturando o que se ve co se sente para explicarnos o que hai; que combina o agre co doce, e que, posiblemente é moito máis eficaz ca unha crónica de sucesos.

Iso é o que fai Fran Alonso no seu último libro, O brillo dos elefantes, e finalista do Premio Raíña Lupa da Deputación da Coruña. Fran Alonso, poeta e narrador feito con tripa de xornalista, foi a Nicaragua logo de que o Mitch esfarelase as montañas, confundise os cauces dos ríos e botase a perder as sementeiras de millo de familias enteiras de campesiños. De Nicaragua, Fran Alonso veu cunha crise asmática e con outra crise peor, a da impotencia ó saber en qué condicións viven aquelas xentes desposuídas de terras, obrigadas a procurar o sustento cada día, sen a máis mínima noción do que significa a palabra dereito, vivindo entre as balas da guerrilla e dos contras. E por iso decidiu escribir O brillo dos elefantes.

O protagonista é un neno que explica cos seus ollos o día a día dunha aldea que sobrevive á fame, na que os nenos sachan a terra, as nenas carrexan baldes de auga e as nais e as avoas custodian a memoria da dignidade e do sufrimento, e lembran ós que marcharon á montaña para se sumar ás guerrillas ou aqueloutros que aparecen mortos á mañá. Na súa aldea, rodeada de volcáns, fíxose unha escola cunha partida de cartos de axuda humanitaria que se chantou no medio da selva e se abandonou. Alí dá clases un mestre, como pode, ós poucos nenos que teñen asegurado os fríjoles do día, e apréndelles a ler, para lle perder o medo á noite.

De novo é un neno o que observa a realidade e dá conta dela, mesturando as súas decepcións cos seus desexos. Un neno para facer sentir o que non conseguen os xornais nin as reportaxes de televisión: traspasar a nosa pel curtida e facer ver a realidade a través das emocións dun neno, que conta o que ve e o que sente e, en consecuencia, explica o que hai, un país devastado pola guerra, pola fame, pola inxustiza e polos desastres naturais, un país no que a noite é unha ameaza.

Remato, pois, con dúas recomendacións. Unha, anímense a abrir as páxinas de O brillo dos elefantes de Fran Alonso, cuns debuxos extraordinarios de Enjamio, e rompan co prexuízo de ler literatura xuvenil. E dúas, sigan atentos o Diario Cultural, que desde hoxe dispón dunha hora máis para darnos pistas e descubrirnos máis brillos de elefantes.