CONTISTA.- Non sei realmente o que son os mundiños.
MUNDIÑO.- Nembargantes, ousas falar deles.
CONTISTA.- Ten a súa gracia.
MUNDIÑO.- Nós chamámoslle a iso ignorancia.
CONTISTA.- ...pois poden aparecer en calquera momento.
MUNDIÑO.- ...ou no intre preciso.
CONTISTA.- Por favor, Mundiño, déixame falar.
MUNDIÑO.- Adiante: procura non dicir máis parva
das.
CONTISTA.- Pois dime cántos mundiños hai.
MUNDIÑO.- Iso non che importa.
CONTISTA.- ...de calquera xeito, tanto ten; ¿ou queres facer un reconto?
Son moi variados...
Cada mundiño é unha sorpresa.
MUNDIÑO.- Algo novo, algo nunca visto, algo marabilloso, ás veces imperfecto e sempre mila
greiro.
CONTISTA.- ...son reais. Están; están nalgures; en todas partes; en ningures. Sempre presentes, sempre en movemento... Non dan feito.
MUNDIÑO.- Obviamente. Mais esqueciches algo...
CONTISTA.- Dime.
MUNDIÑO.- Os sábados non traballamos.
A VOZ FONDE CUNHA MÚSICA DE FRAUTA.
CONTISTA.- Mundiño ¿onde estás? ¡Mundiño! Nada.
Non responde. ¡Que noxo!
Querería saber máis dos mundiños. Non sei moito.
Mais podería falarvos da rapaza Adelina, e de como ela descubriu os mundiños.
Nesa tarefa, o seu gato Tristán botoulle unha man, perdón, unha pata. De cando en vez, o gato Tristán tamén mete o zoco, mais ese xa é outro conto.
CONTISTA.- Adelina tiña trece anos, un nariz un chisco requichado e un gato chamado Tristán que sabía falar.
ENTRA ADELINA CO GATO E SENTAN NO CHAN. ADELINA LEVA A SUA PELOTA FAVORITA. NON FALAN NIN FAN ACENOS; ESTAN COMPLETAMENTE QUEDOS, COMA NUN CADRO.
¿Parécevos estraño?
Pois hai gatos que falan moi ben; o que pasa é que a xente non sabe escoitar.
O gato de Adelina tiña aspecto de tigre e uns ollos verdes moi espertos. Era moi falangueiro e fantasioso. Ademais, dicía unhas trolas máis longas ca un día sen pan. Falaba moitas veces da súa góndola en Venecia. Tíñase por gondoleiro.
Nunha ocasión, o gato fixéralle crer a Adelina que moi preto da sua casa estaban a construír unha estrada moi elegante feita de goma espuma. Contáballe que todos os rapaces e neniñas poderían saltar nela coma nun trampolín. Dicía que non custaba nada, e que unha manchea de criaturas se estaban a divertir coma gatos palleiros, e que había tamén doces e refrescos de balde.
O GATO ÉRGUESE E FALA DOCEMENTE.
GATO TRISTÁN.- Anunciaron tamén unha función cuns pallasos numantinos moi expertos que fan rir á xente.
ADELINA.- ¿Que son pallasos numantinos?
GATO TRISTÁN.- Uns pallasos todoterreo que non cansan endexemais, sempre están a facer brincadeiras...
Ademais, a alcaldesa do Concello agasalla as rapaciñas e neniños con globos moi modernos que fan música astral, e reparte tamén uns libros escolares con todo o curso aprobado por adiantado. Tamén tomarei parte na festa coa miña góndola afeita ás rúas e estradas, e darei unha función especial, cantando pezas de óperas wagnerianas, acompañado dunha cantante famosa e ben entrada en carnes, chamada Brunhilda von Frankenstein, procedente de Filadelfia, cidade moï coñecida pola producción de queixo galego.
ADELINA.- ¡Que festa máis xenial!
CONTISTA.- Adelina puxo a súa chaqueta e foi correndo á famosa rúa de goma espuma. Non había nada disto. A rúa de gomaespuma non existía. Era unha rúa normal coma todas, chea de pichocas e pedrolos.
Non había doces, nin globos que facían música astral nin refrescos de balde, nin alcaldesa que repartía os libros escolares, con todo o curso aprobado por adiantado, nin pallasos numantinos, nin nada de nada.
Nin falar de Brunhilda von Frankenstein, procedente de Filadelfia, nin de queixo galego ou góndolas afeitas ás rúas e ás estradas, nin gato palleiro sequera.
MENTRES FALA A CONTISTA, O GATO TRISTÁN E MÁIS ADELINA FICAN INMÓBEIS.
ADELINA.- ¡Gato pasteleiro! ¡Que troleiro é! ¡Animal criminal! ¡Eche ben malo!
CONTISTA.- Cando Adelina átopou o gato, aquel dixo secamente:
O GATO FALA.
GATO.- Vexo que estás un pouco alporizada, querida.
ADELINA.- ¡Troleiro! ¡Fozoneiro do monte! ¡Gato con botas de nailon!.
GATO TRISTÁN.- Fala ben, pequena, se non che importa. O termo científico é Poliamida. As miñas botas son de pel de tigre, neniña. Son de marca, de xeito que non me fales de plástico.
ADELINA.- BERRANDO. Falo de plástico se quero e cando quero.
GATO.- MALICIOSAMENTE. Depende con quen...
ADELINA.- A PIQUES DE CHORAR. ¡Non había nada! ¡Nin goma espuma, nin doces, nin pallasos numantinos!
GATO.- Non está tan mal. Habería globos que facían música astral, supoño, e máis a gorda inmunda chamada Brunhilda von Frankenstein, coa súa voz potente, sentada na miña góndola, procedente de Venecia.
ADELINA.- BERRANDO. ¡Exemplar cabrún!
GATO TRISTÁN.- CON VOZ DE SENTENCIA. Suspenso en zooloxía, daquela.
ADELINA.- Hai gatos cabrúns, ti es a mellor proba.
GATO TRISTÁN.- MOI IRÓNICO. Moi mal organizada a festa municipal... ¿e había alcaldesa polo menos?
ADELINA.- IRACUNDA. Nin rastro, iporco espiño palleiro!
GATO.- EN TON COMPASIVO. Daquela xa estamos suspensos, pequena.
ADELINA.- CON FURIA. Vouche dar unha labazada. A min, non me teñen que agasaliar cos aprobados, xa sabes ¡gato cachifo! .
GATO.- Podes suspender sen a axuda da alcaldesa, imaxino.
ADELINA.- ¡Gato sintético!
CONTISTA.- O gato Tristán ollou para ela. Tiña cor de canela, unha mirada perigosa e un andar moi bailarín. Fixo uns pasos de ballet clásico e ficou inmóbil, coa oliada posta en Adelina.
GATO.- Os gatos sintéticos non falan, miña ruliña. ADELINA.- Quen sabe, meu gondoleiriño...
GATO.- XOGANDO Á DISTRACCIÓN CUNHA MOSCA VERDE. Onte dei moitos brincos na rúa de goma espuma... tivemos uns aplausos moi soados, Brunhilda e máis eu... un público moi entendido. Aínda hai categorías.
ADELINA.- Dígoche que non hai tal rúa, porco cabreiro.
GATO.- Trabucaches o sitio, sen dúbida. ADELINA.- Cala, Tristán.
GATO TRISTÁN.- SENTENCIANDO, MASTIGANDO DE VAGAR A MOSCA VERDE. Non se fale máis. PECHA OS OLLOS. Aposto o que queiras a que eu sei algo moi misterioso...
ADELINA.- CON DESPREZO. Menos lerias. GATO.- ¿A que non o sabes?