OIRA |
Seredes coma o río, dicíannos de nenos, pronunciaredes minerais
cánticos, levaredes flores de auga nos ollos, beizos de lique e
mel, coma aureanas.
Descendían elas do castro e dos morogos, por congostras de pasos
e de estrume e prendían na luz aquel cantar de aire:
"alecrín, alecrín dourado...", a cinco voces e nós
soñabamos mulleres de ouro bañadas na regueira, xigantas do
amor, xacias para empreñar a terra, cóbregas mansas, lameiros
que calaban as segredas lembranzas dos silencios que o río
apaciguaba no relanzo da tarde.
Señoras da memoria repetían, seredes coma o río, e nós,
ollando o monte escuro dos balados, reconstruiamos deuses de
séculos e lama, santos de barba encoiñada, aureanas co sorrir
de escuma.
As horas eran lentas e o negrillo aínda acollía avésporas de
estío, carpazas desprendidas das palabras, noces almibaradas de
bicos e de rosas, e sentados na pedra, xunto á casa, vendo
chegar as sombras, elas repetían, seredes coma as augas.
Aroma comunal do xantar que extraviamos, xaneira dos amaros
festivos, voces, foguetes, cantos, diadema do reloxo alumeando
fatigadas reliquias e deshoras.
Seremos o ecoar daqueles remuíños que asulagaron as bágoas e a
memoria. Coma rabazas, seremos, enfiando nas pontes a nostalxia
doutros días, saloucos, lembranzas dun vivir accidental, por
todos cobizado e por todos perdido.
OURENSE |
Dicir Ourense é dicir intimidade E pensión gratuita nas ribeiras da historia. dicir Ourense ou Risco é unha teima, unha inquedanza lene para xogar coa tarde. Dicir O Volter, libación, recollemento, é un vagalume fidel no corazón da xente. Dicir Ourense, dicir melancolía de auga no cristal das rúas, ou traxe de nostalxia no pasear do asfalto e das pedras mornas. Dicir Ourense, dicir licor café no relanzo da noite, é aventurarnos nos desfeitos cotiáns que agoiran convivencia de días encontrados no espertar das pontes. Dicir Ourense é dicir arteria, ou espirais de prata no rincón do viño. Dicir despois ourensán, categoría de homes circunscritos a un tempo e a un pasado, a un ouvear de meigas vencelladas coa rúa do Villar ou do Progreso. Dicir, matinar en Ourense é unha metáfora unha lembranza perdida no bébedo soño dos ausentes. |