No
Paraninfo da Universidade celebrárase unha asamblea preparatoria
para estudiar a redacción dun Estatuto de Autonomía de Galicia.
Constituíron a mesa varios alcaldes de localidades do país.
Despois dunha ampla deliberación designouse unha Comisión
encarregada de redactar o proxecto estatutario. Como presidente
da mesma foi nomeado Don Salvador Cabeza de León, catedrático
universitario e cabezoleiro do «Seminario de Estudos Galegos».
O 3 de decembro do 1932, o Comité de Organización da Asamblea
de Concellos asinaloume como Segredario Técnico da Sección 1.ª
da mesma. Traballei arreo nos cometidos que se me encomendaran.
Con posterioridade, designáronme tamén membro da Comisión de
Propaganda. Fixen unha chea de notas e artigos de difusión,
dacordo co papel que me atrubuíran. Intervín, ademais, en
mitins e xeiras propagandísticas, con caracterizados persoeiros
do Partido Galeguista, por Galicia toda. Compre que advirta
aquí, o singular e intenso labor realizado por Bóveda, con
intelixente criterio de integración, no seo da Comisión
encarregada de elaborar o anteproxecto de Estatuto.
Os días 17, 18 e 19 de decembro
constituíuse no salón principal da Facultade de Mediciña de
Santiago, a Asamblea de Concellos. Ademais da meirande parte dos
Concellos galegos, asistiron diputados a Cortes, autoridades
provinciais, persoeiros dos partidos políticos e de
institucións do país. Os galeguistas, e Alexandro Bóveda dun
xeito especialísimo, desempeñaron na ocasión un papel crucial.
O Estatuto saído da Asamblea encamiñábase á consulta
plebiscitaria, cumprindo as condicións acordadas. No orde
político ofrecía a posibilidade de que Galicia se organizase
administrativamente en consonancia co seu peculiar xeito de ser.
A vida provincial e municipal, na forma xurídica entón vixente,
era inadecuada para o país. Principalmente, porque existía unha
manifesta diferenciación verbo dos municipios doutras partes do
Estado. A organización en provincias era en Galicia unha
organización ficticia. A súa artificiosidade producira un tipo
de Diputacións que evidenciaban unha total falta de eficacia,
boas só para o fomento do caciquismo. Aínda que non fora máis
que pola supresión das Diputacións provinciais e a súa
conversión nun organismo popular «rexional», o Estatuto
suporía un paso cara adiante na vida galega. Presentaba o
posibilismo de que a ordenación civil peculiar de Galicia
chegase a se sistematizar e desenvolver con amplitude.
Estudiado con atención, o Estatuto
autonómico non pasaba apenas dunha largacía descentralización
de servicios. Verbo da Universidade, só admitía que Galicia
«poderá crear na Universidade as cátedras que estime
oportunas». Sobre a Xusticia, outorgaba unha posibilidade
semellante. O Orde Público permanecía reservado ao Poder
Central, agás en momentos de accidentalidade. Xusto polas súas
limitacións, o Consello Executivo do Partido Galeguista acordara
integrarse na Comisión Central pro-Estatuto, pero sen renunciar
a seguir laborando a prol dos principios maximalistas. Brindouse
a apoiar a carta estatutaria, mais condicionándoo a continuar
traballando para que a Galicia se lle recoñecesen os dereitos
que lle eran debidos. E cumpriu lealmente o que sobre o
particular ofrecera.
A demora en elevar a consulta
popular o Estatuto, producida pola política de Casares Quiroga,
foi denunciada repetidas veces polo Partido. Posteriormente, a
chegada ao poder en Madrid do chamado «bienio negro»,
determinou a paralización forzosa de toda actividade
autonomista. Nese periodo, o Consello Executivo do Partido
Galeguista, agora denominado Consello Nacional, encomendoulle a
Castelao a elaboración dun proxecto de enlace coas forzas
republicanas e agrarias. Para non perder a carreira do Estatuto,
o Partido resolveu orientarse cara o denominado Frente Popular.
Os seus obxectivos políticos dirixíanse a acadar a
autodeterminación de Galicia dentro do marco republicano.
Apoiaba o Estatuto, pero como forma inicial para conseguir esa
autodeterminación. Na Declaración de principios da III
Asamblea, sinalouse, sen embargo, que tal propósito non
significaba «crebamento da solidariedade que nos vencella
natural e libremente ao Estado español».
O 16 de febreiro do 1936
celebráronse novas eleccións de diputados a Cortes, últimas da
República. En Pontevedra saíu proclamado Castelao, que figuraba
en primeiro lugar na candidatura do Frente Popular. Na Coruña
resultaron elexidos Suárez Picallo e Antón Villar Ponte. Por
certo que este ingresara xa no Partido Galeguista, despois de ter
militado na ORGA, de cuia organización fora parlamentario
durante a etapa constituínte do novo réxime. A solicitude de
ingreso que fixera, recibiuse con agarimo e simpatía nos medios
do galeguismo político. Para os efeitos organizativos
conseguintes, acordárase que causase alta no grupo coruñés. A
loita polo Estatuto Galego foi laboriosa, e bateu cunha chea de
atrancos suscitados pola oposición, directa ou indirecta, de
Casares Quiroga. Só puideron sobrepuxarse cando varios
dirixentes galeguistas, con Castelao ao frente, chegaron a
establecer un pacto con Azaña. Gracias a tal acordo resultou
posible levar a cabo a consulta plebiscitaria. A campaña do
plebiscito, con movilización de masas, cobriu toda a xeografía
do país. Na maoiría dos mitins importantes participei eu, xunto
ás figuras do Partido e a persoeiros doutras forzas políticas.
A votación popular convocouse para o día 20 de xuño.
O primeiro acto de propaganda
significativo tivo lugar o 8 deste mes, na Coruña, nos teatros
Linares Rivas e Rosalía de Castro. Presidiuno o Alcalde de
Santiago e Vicepresidente do Comité Central de Autonomía, Anxel
Casal, acompañado doutras representacións oficiais. Iniciou as
intervencións, anunciando a apertura da campaña pro-Estatuto, o
que para Galicia supuña unha votación afirmativa a prol da
carta autonómica, e pedíndolle a tódolos galegos a
concurrencia ás urnas para realizala. Falaron despois,
sucesivamente, os persoeiros: do Partido Federal, do Socialista,
do Sindicalista, do Comunista, de Unión republicana, e de
Izquierda Republicana. Pechou a serie de pezas oratorias
Castelao, cun brillante discurso no que reflexou con nitidez
expositiva a postura do Partido Galeguista. A partir de entón
puxéronse en marcha medios propagandísticos de diverso feitío
e proxección. Un auto cinemóvil percorreu cidades, vilas e
aldeas, ofrecendo expresivas imaxes do mundo galego, con miras ao
porvir. Repartíronse milleiros e milleiros de exemplares do
texto estatutario, octaviñas, manifestos e follas crarexadoras
do seu contido. Espalláronse artísticos e reveladores carteis,
alusivos á autonomía, firmados por Castelao e por Díaz
Baliño. No labor difusorio tiven participación intensa como
membro da Comisión de Propaganda.
En Pontevedra, o Presidente da
Diputación convocou a tódolos partidos políticos da
circunscrición para desenvolver nela a propaganda do plebiscito.
Polo Galeguista asistiron á convocatoria, Alvaro Gil e Víctor
Casas. Este último propuxo que fora o Frente Popular o que se
responsabilizase na constitución do Comité, e que as outras
organizacións alleas ao mesmo lle emprestasen axuda. García
Vidal, en nome da Dereita Galeguista, expuso o criterio de que se
convidase ás forzas dereitistas e compartillar a propaganda
estatutaria con franqueza e lealtade. Pero atribuíndolle ao
Comité do Frente Popular a responsabilidade que demandaba. A
proposta foi aprobada por unanimidade dos asistentes á reunión.
No mesmo mes de xuño do 1936
celebrouse un importante acto en Madrid, no marco do Teatro
Alkazar. O Partido Galeguista designoume a min para que intervise
como o seu voceiro. O local estaba totalmente acugulado de
público. Presidía o Xefe de Gabinete de Prensa do Presidente da
República, Roberto Blanco Torres, quen pronunciou unhas palabras
sobre o significado do mitin que se ía desenvolver. Fixo uso da
súa oratoria, en representación dos socialistas, o diputado
Edmundo Lorenzo. Falou despois, como persoeiro de Izquierda
Republicana, o tamén diputado Emilio González López. Antes de
ámbolos dous dixen eu un discurso, enfocado desde unha visión
moza. Nos palcos e no estrado, figuraban moitas persoas
representativas da política e das letras: Rafael Dieste, García
Martí, Armando Cotarelo, Ramón Cabanillas, o Oficial Maior do
Congreso Sr. Sanmartín, Fermín Penzol, Manuel Martínez-Risco,
os artistas Máximo Ramos, Federico Ribas e Prieto Nespereira,
diversos diputados de tódolos partidos do Frente Popular.
A miña última actuación antes de
que se producira a votación plebiscitaria, realiceina en
Bergondo. Organizárase unha xuntanza popular para inaugurar o
edificio da Sociedade da localidade e dos seus arredores.
Interviu, de primeiras Pérez Carballo, Gobernador Civil da
Coruña, que sería fusilado ao seguinte mes do pronunciamento
militar. Discurseamos despois Suárez Picallo e máis eu,
aproveitando a ocasión para explicar a política que o Estatuto
representaba. Durmín aquela noite nas dependencias do Goberno
Civil, convidado polo titular, ao que coñecía desde a miña
época de estudiante en Madrid. Pola mañán do seguinte día
regresei a Santiago no auto da Diputación.
Diversas personalidades
sobranceiras do pro-autonomismo, convidaron aos electores, en
manifestacións públicas, a que votasen polo Estatuto. Portela
Valladares escribiu: «Votar polo Estatuto é votar por Galicia,
pola redención, pola libertade, polos dereitos da nosa terra
tanto tempo ferida». Osorio Tafall dixo: «Hoxe atópase a nosa
terra nun estado biolóxico cultural no que pode conquerir as
súas vellas arelas de libre determinación». Castelao, pola
súa parte, expresouse así: «A autonomía de Galicia non será
unha coroación dos nosos esforzos xenerosos, nen a realización
dos nosos soños patrióticos, nen o triunfo das nosas
prediccións. Os galeguistas, pois, non teremos razóns para
amostrarnos excesivamente orgullosos da obra que nos cadrou
realizar. Pero soupemos cumprir co noso deber». Cabanillas
reflexou a súa opinión desta maneira: «Esta noite, a punto das
doce, os mortos poranse en pé. Os caídos en cinco séculos de
degaros de libertade, ergueranse nun clamor de voces lediciosas.
¡Nas túas mans está, mocedade galega, que non señan cegos os
patróns!». Otero Pedrayo exclamou: «Grande é o día do
plebiscito. Pero a nova historia de Galicia comeza certamente coa
primeira actuación autonómica». Vicente Risco, en fin, revelou
que: «O meu pensamento neste intre histórico é que non
soamente non chegamos ao cabo do camiño, senón que é agora
cando ha comezar o grande esforzo».
O Estatuto superou o trámite da
consulta popular. Por esixencia da Constitución, os votos
afirmativos tiñan que sobrepuxar o 75% dos emitidos. O
porcentaxe acadou o 99,2%. A votación constituíu unha xornada
cívica que nunca se rexistrara na historia de Galicia.
Obtivéronse 991.476 papeletas a favor, dun total de 1.000.093
que se emitiron. O 7 de xullo do 1936 celebrouse no salón de
actos da Facultade de Mediciña -onde se incubara a carta
autonómica plebiscitada- a sesión de clausura do Comité
Central. Deuse conta alí dos resultados do escrutinio: Dun censo
de 1.343.135 electores, votaron 1.000.093 como queda indicado. Os
votos afirmativos, como tamén dixen, foron 993.351. Os negativos
reducíronse a 6.161, e os depositados en branco a 1.451. O
quorum establecérase en 895.425. Por conseguinte, o sobexo dos
favorables cifrouse en 97.927. Bóveda manifestou na memorable
ocasión, que o resultado era obra de Galicia, do noso pobo, que
sempre soupera triunfar afirmando a súa cultura, o seu arte, a
súa historia, a súa personalidade en fin.
O día 15 do mesmo mes acodiu ao
Congreso dos diputados unha comisión de representantes de
Galicia, para lle facer entrega do Estatuto aprobado
plebiscitariamente ao Presidente da Cámara. Compoñíana os
presidentes das Diputacións da Coruña e de Lugo, os alcaldes
das catro capitais e das máis importantes cidades galegas, entre
elas o de Santiago, Anxel Casal; o Segredario do Comité Central,
Enrique Raxoi Leloup; o Segredario Xeral do Partido Galeguista,
Gómez Román; e varios diputados, encabezados por Castelao. Dous
días depois, a Comisión foi recibida en audiencia, ás doce da
mañán, polo Presidente da República Manuel Azaña. Fixo a
presentación dos comisionados, Castelao. Testemuñoulle a Azaña
o seu agradecimento, lembrando que fora el o grande propulsor dos
principios constitucionais que posibilitan a autonomía galega.
Afirmoulle que a Galicia autónoma sería unha democracia
exemplar. O Presidente da República expresou, na súa resposta,
a satisfacción que lle producía recibir aos persoeiros galegos
en vísperas de atinxir as aspiracións que formularan.
O motor que dinamizou e orientou a
política estatutaria foi, sen dúbida, Alexandro Bóveda. Fóra
das relacións que mantiven coas máis sobranceiras figuras do
galeguismo, as de meirande intensidade sostívenas con aquel. Non
só como militante do Partido, senón como dirixente de
asociacións universitarias, como Segredadrio Xeral das Mocedades
Galeguistas, como membro do Consello de Galeuzca, e mesmo como
Segredario da Agrupación «Ultreya». Foi case permanente a nosa
relación persoal, e copiosísima a correspondencia que cruzamos.
Non esquecerei nunca o seu ollar firme e tenro, e o seu sorriso.
Afirmaba cos ollos e agarimaba cos beizos. Na bisectriz do
pragmatismo e o idealismo estaban o tempero e a intuición
existencial do gran conductor. Vivía cos miolos cheos de cifras,
pero, ás noites, convertíase nun corista máis na Coral
Polifónica de Pontevedra. O noso país, tan ateigado de
literatos e de benintencionados arbitristas, contou co singular
aporte deste home novo. Un home de obxectividade implacable, que
centrou os disparos do seu pulo e a súa preparación no
crarexamento dos problemas económicos. Mais non como pretexto
para comprobar teorías diletantes, senón sintindo a realidade
social de Galicia desde dentro de sí, e do seu cerne existir.
Cismaba Bóveda na servidume
tributaria do país galego. Pero quería, ademais, que este se
convertise en individualidade colectiva nacional, con categoría
de pobo e célula de universalidade. Aburía ás xentes para que
traballasen pola dignificación da lingua propia. Sostiña que
deberiamos erguer no noso pobo o sentido da autoestimanza, e que
compría aguilloar a defensa da súa economía peculiar. Era
persoa de eficacia, modesta e intelixente, de perseverancia serea
e ética sen esforzo. Baseándose nunha postura pragmática, foi
aceso defendedor da política seguida polo Partido Galeguista.
Nacera nun momento en que os nacionalistas -desde os máis
exaltados, ata os autonomistas moderados- estimaran que as
circunstancias aconsellaban unha solución federalista ou
autonómica. Así consta claramento no programa de acción que el
contribuiu a inspirar. E nunca perdeu a fe no empeño. Cando se
producíu o contratempo nas eleccións do 33, afirmou: «Pesie
aos suplantamentos da vontade popular, o galeguismo obtigo
106.000 votos. As xentes saben que hai na nosa terra 106.000
galegos conscientes que creen nas verdadedos que espalla o
galeguismo». Bóveda arengou ao pobo galego en días que
semellaban decisivos para o seu porvir. Era unha voz de miragre
que lanceaba sen ferir, que presionaba sen magoar. As súas mans
eran unhas mans firmes de esperanza e de proxecto, como
esbarando, modeladoras, polos flancos dunha política posible.
Entre as moitas cartas que me
escribiu, e que conservo, podo citar algunha a título de
exemplo. O 23 de novembro do 1932 pedíame que, cos directivos do
grupo compostelano, preparásemos a Asamblea convocada para os
días 10 e 11 do mes seguinte: local, mitin no teatro, e demais
pormenores. Engadía que estaban dispostas as convocatorias que
recibiriamos, e a piques de saír nos xornais. O 12 de xullo do
1933 comunicábame o acordo do Comité Central do Estatuto polo
que se me designaba para formar parte da Comisión de prensa
adscrita a el, e encarecíame que consagrase ao labor o meirande
entusiasmo activo. O 3 de setembro do mesmo ano animábame a
posibilitar as organizacións de estudiantes, non só a da
Universidade -na que eu estaba metido- senón tamén as das
Normais e Institutos de Ensino Medio. Insistíame, ao propio
tempo, en que procedese con urxencia a constituír o Consello de
«Galeuzca». Unha semana despois manifestábame a súa
satisfacción porque durante as vacacións na miña vila natal,
aproveitase o tempo para lles dar folgos aos grupos de
Mondoñedo, Ribadeo e Viveiro. Laiábase de que estes grupos se
atopasen tan lonxe, xa que non resultaba doado facerlles as
visitas que necesitaban.
O 19 do propio mes transmitiume
unha chea de informacións: Que «El Pueblo Gallego» e Portela
Valladares estaban a atravesar unha crise cuio desenlace
descoñecía. Que Plácido Castro se atopaba en Berna cun
importante «rapport» sobre Galicia feito por Risco, e de que a
representación galega fora obxecto dun saúdo especial na
sesión de apertura do Congreso de minorías nacionalistas
europeas. Noutro aspecto, pedíame que lle transmitise ao
representante vasco Rezola, a ratificación do Partido á súa
proposta verbo da constitución de «Galeuzca». Contábame,
asimesmo, que as Consellerías estaban a desenvolver unha grande
actividade. Aparte do labor acostumado, Risco viña de redactar
un folleto de divulgación da nosa doutrina, do que se tirarían
dez milleiros de exemplares; Plácido Castro andaba a realizar un
intenso labor en Suiza; e Alonso Ríos traballaba con afinco na
organizacións das sociedades agrarias de Ourense.
Nunha carta do outubro do 1933
dábame presa para que lle remesase, redactada, a acta do último
Consello do Partido Galeguista, no que eu actuara de segredario.
O 5 de marzo do ano seguinte, volvíame falar da actividade a
desenvolver no ámbito universitario. Fixábame tamén o papel
que eu debía desempeñar na organización das Mocedades
Galeguistas, en trance de se constituír en Federación. Noutra
comunicación posterior, sen data, informábame dos acordos
tomados na reunión extraordinaria do Comité Executivo do
Partido. Convocárase para preparar un importante acto no que
expór a súa posición ante os problemas que Galicia tiña
planeados, e perante o momento político daqueles momentos. Pola
natureza especial do acto, resolvérase que só intervirían nel
os segredarios do Partido: Alvarez Gallego, Bóveda, Castelao e
Gómez Román. Falaría tamén eu, en nome das Mocedades como
Segredario Xeral das mesmas. Na propia reunión acordárase
informar a Antón Villar Ponte da compracencia sentida pola súa
solicitude de se incorporar á disciplina do Partido.