É difícil enmarcar unha biografía. No caso de
Alfonso Daniel R. Castelao, a sua obra, pictórica, literária e
política é o mellor espello da sua personalidade e un espléndido
reflexo de Galiza no tempo e no espácio. Antepoñer, logo, uns dados á
análise da sua obra, pode resultar supérfluo; seremos, pois, breves
para que o lector non se demore nesta introdución.
A actividade de Castelao abranxe a mitade do s.
XX. Do XIX recebeu o ambiente da sua infáncia e os problemas, en parte
centenários, que a ferrollan o país por quen el deu a vida. Eis as datas
da sua biografia:
1886: nace en Rianxo (A Coruña). O neno Daniel
vive coa sua nai e cos abós maternos. Asiste á escola privada de Xoan
Vidal e seguidamente á pública da vila rianxeira.
1895: emigra á Arxentina, estabelecéndose na
Pampa onde traballa o pai. Ali aumenta a familia con duas nenas.
1900: Retorna a familia a Rianxo. En Santiago
estuda o bacherelato e os cursos de Medicina até a Licenciatura. É un
alumno que participa amplamente na acción artística de aqueles anos:
guitarrista, "tuno", humorista, caricaturista de tal calidade
que expón en Madrid en 1908.
1910: Exerce a medicina en Rianxo. Cofundador
do "Barbero Municipal". Como conferenciante e colaborador de
prensa contacta co movimento cultural e co agrarismo. En 1912 ascrébese
á "Acción Gallega" de Basilio Alvárez.
1916: Despois da
perda do seu fillo (1913) e dunha cegueira da que se recuperou
parcialmente (1914), opta por algun cargo ao marxe da medicina,
emprégase en "Estadística" na cidade de Pontevedra. E o ano
da fundación das Irmandades da Fala. En 1935 formulaba el a sua
situación anímica neste 1916:
"Cando eu me
consideraba o derradeiro superviviente dun pobo suicida, chegou
a min a voz alentadora dun escritor. Era Antón Vilar Ponte. A
sua chamada tivo a virtude de xuntar a uns poucos galegos que
non nos coñeciamos, pero que dende entón ficamos unidos por
vencellos que somentes a morte vai rompendo" (ANT,
13-III-1936). |
Desde este
momento combina as multiples actividades de profesor de Dibuxo,
funcionário de Estadística, escritor, pintor e militante político. En
1925 publica "Cincuenta homes por dez réas", en 1926
"Cousas"; en 1930 "As Cruces de Pedra na Bretaña".
Xa en 1921 comezara o contacto con Europa que expresou no seu Diario.
1931: Elexido Diputado por Pontevedra nas
Cortes Constituíntes da II-ª República.
En nadal deste 1931 é a fundación do Partido
Galeguista. Castelao forma parte da secretaría; a posesión de
Secretario Político retrasa-se até 1933 e, na práctica, até a sua
volta do desterro en 1935.
1933: Cesa como diputado por disolución das
Cortes. Académico da R.A. Gallega.
1934: Firma o Pacto de Compostela do que surxe
Galeuzca. Traslado forzoso.
1934: Badajoz.
1935: Retorna a Pontevedra. Nova viaxe a
Francia e Bélxica.
1936: Diputado nas eleccións do 16 de febreiro
polo P. Galeguista. Dirixe a campaña do Estatuto plebiscitado o
28-VI-1936. A sublevación militar coincide coa sua estáncia en Madrid.
1937: Asiste ao
Parlamento, trasládase a Barcelona e Valencia. Edita "Galicia
Mártir", "Atila en Galicia".
1938: Consigue que o Estatuto de Galicia tome
estado parlamentario nas Cortes de Monserrat. Viaxe a URRSS. Edita o
album "Milicianos". Parte para N. York, Cuba.
1940: Establécese en Buenos Aires. Estreo de
"Os vellos non deben de namorarse".
1944: Presidente do Consello de Galiza. Publica
1.ª ed. de "Sempre en Galiza".
1945: Asiste en México á sesión das Cortes
no exílio na que se ratifica o Estatuto de Galícia.
1945: Acepta o cargo de Ministro do Goberno da
República no exilio. Acude a Francia para as sesións deste Goberno.
En agosto de 1947 retorna a Buenos Aires.
1950: 7 de xaneiro fina na Clínica do Centro
Galego de Buenos Aires. O día 9 é enterrado na Chacarita, no panteón
do Centro Gallego. O derradeiro libro do que firma os primeiros plegos
do prelo, "As cruces de Pedra na Galiza" (resumo da
cronoloxía histórica de Castelao na obra de V. Paz Andrade,
"Castelao na luz e na sombra", Ed. Do Castro, Sada-Coruña,
1982).
A princípios de século, Galiza era un país
en descomposición. Actuaban antagonicamente fortes dinamismos de
esperanza e de morte. Luis Seoane entendiao asi:
"Nel (en
Castelao) confluiron, destacándoas, encarnándoas na sua obra,
distintas correntes populares que exibian en Galicia o fracaso
dun réxime político e dunha economía. A descomposición da
sociedade galega, que ofrece dabondo caracteristicas diferentes
das sociedades doutros países peninsulares, o deseio de que se
aplicasen solucións racionales a esta descomposición da que se
derivan males tan punxentes pra o pobo como o servilismo, a
miseria, a ignorancia, a emigración e ainda o esquicemento dos
orixes, determinaron o senso da vida de Castelao e do seu arte.
O mundo que o rodeaba, a miseria física e intelectual de
Galicia, fixo que actuase "como laud cubrindo a falta dunha
espada" (L. Seoane, "Castelao artista", ed.
alborada, B. Aires, 1969, p. 11). |
A demografia
galega de 1900 a 1950 é o primeiro test que detecta os síntomas da
gravedade situacional.
Povoación de Galiza e porcentaxe
Galiza/España
1900: 1.950.515 -
10.64
1910: 2.063.589 -
10.32
1920: 2.124.244 -
9.93
1930: 2.230.281 -
9.42
1940: 2.495.860 -
9.59
1950: 2.604.200 -
9.26
O ritmo de crecemento é inferior á media do
Estado. A recuperación da década 1930-1940 monstra o factor
emigración, que se invirte neses anos, como decisivo neste fenómeno.
Tasas do
movemento natural da povoación. Unidade: 1 nacimento/1.000 h.
ano
|
Periodo
|
Galiza
|
Estado
Español
|
1901-1910 |
32.8 |
34.06 |
1911-1920 |
28.26 |
29.71 |
1921-1930 |
27.51 |
29.05 |
1931-1940 |
24.62 |
24.11 |
1941-1950 |
22.23 |
21.45 |
("Síntesis estadística de Galicia" Madrid, 1976, p.
63)
|
Tasa anual de
mortalidade
|
1901-1910 |
22.44 |
24.91 |
1911-1920 |
21.48 |
23.32 |
1921-1930 |
17.93 |
18.93 |
1931-1940 |
16.07 |
17.03 |
1941-1950 |
13.46 |
12.86 |
O crecemento vexetativo de Galiza é paralelo
ao do Estado, a saida migratória perturba este proceso e indica a
problemática máis grave, a insuficiéncia económica.
A emigración é, xa que logo, un dos
fenómenos máis visíbeis e alarmantes da Galiza do s. XX. Viña de
atrás, certamente, pero toma formas masivas e actua de disolve social
de primeiro grau.
Saldos
migratorios de Galiza de 1900 a 1950
|
|
1901-10
|
1911-20
|
1921-30
|
1931-40
|
1941-50
|
A Coruña... |
-55.038 |
-23.941 |
-22.855 |
+31.184 |
-16.887 |
Lugo... |
-31.250 |
-34.807 |
-36.820 |
+12.122 |
-36.079 |
Ourense... |
-24.594 |
-19.724 |
-20.273 |
+1.057 |
-27.423 |
Pontevedra... |
-15.563 |
+ 715 |
-19.498 |
+19.154 |
-34.970 |
Total: Galiza... |
-126.445 |
-79.187 |
-99.446 |
+63.517 |
-115.359 |
(Fonte: F. Carballo,
A. Magariños, A Igrexa en Galicia, 1931-36, Ed. Akal, Madrid,
1978, p. 63). |
En 50 anos perde Galiza perto de medio millón de
habitantes pola emigración, segundo os censos oficiais (420.437),
aparte dos emigrantes non contabilizados que suman unha alta porcentaxe.
Só a década 1931-1940 invirte o signo e devolve ao país 63.517
persoas. Estas e os retornados previamente xogaron un papel importante
na economía, cultura e política do país. Os lugares de emigración
mais receptores foron Arxentina, Uruguai, Brasil e Cuba, antes de 1940.
Venezuela e México de 1940 a 1950. A emigración ao interior do Estado
e a Europa, a diferéncia dos anos 1960-1975, era menos significativa.
Se a maior parte da povoación vivia en áreas
rurais, o 86.7% en 1930 e o 78.6% en 1950, o predomínio da actividade
primária, principalmente agrária, era absoluto.
Povoación
activa galega de 1900 a 1950
|
|
1900
|
1920
|
1930
|
1940
|
1950
|
Sector primario |
85.8% |
82.7% |
65.32% |
73% |
71.8% |
Sector secundário |
6 |
7.3 |
14.6 |
10.9 |
13.6 |
Sector Terciário |
8 |
9.9 |
22.02 |
16.01 |
14.51 |
Estas cifras non deben entenderse na sua
frialdade. A calificación do posto de traballo principal non obedecia a
leis fixas; abundaban os traballadores de máis dunha actividade. En
todo caso e fora de núcleos reducidos, como Vigo, Ferrol, A Coruña, o
proletário industrial era inexistente e os de servícios moi reducido.
A problemática social dos traballadores era grave, no campo e nos
outros sectores, pero a clase social obreira era tan feble como inicial.
Entre 1900 e 1936 a conflitividade social verdadeiramente significativa
era a labrega.
PROBLEMATICA ECONOMICOSOCIAL
A identificación persoal con Galiza é unha
característica de Castelao; iso consígueo mediante a atención á
realidade humana do país e a comunión cos seus habitantes. O artista
Castelao só dibuxa ou escrebe para dialogar cos homes da sua Terra.
Antón Vilar Ponte, na resposta ao discurso de entrada de Castelao na
RAG, manifestábao asi:
"O certo é que
Galiza, ao nos dar a Castelao, encarnou nunha persoa, nun ser de
carne e oso, todas as suas características mitolóxicas, todas
as cualidades raciaes,
froito do ambente e da tradición, que constituen o fondo da
permanencia do ethos ao longo das xeneracións.
Como en calquer verdadeiro home
representativo, dáse toda
Galiza en Castelao, e todo Castelao en Galiza, segun dixera
Teixeira de Pascoaes, e a arte de ser galego en encarnación
providencial, e só dependendo del e subsumíndose nos seus
sentimentos, sombra dos seus pensamentos, a concencia
patriótica xurdirá fecunda" (V. Paz Andrade, o,c, p. 315) |
De aí que nas obras de Castelao, especialmente
no "Sempre en Galiza", ten acollida a problemática enteira do
país, incluso aquela que estaba menos perto dos ambientes ordinários
nos que se movia.
O problema agrário recorre todo o espácio
galego e estala en fondos conflictos en 1907, 1916 e durante os anos da
República. En 1937, no que sería o primeiro libro de "Sempre en
Galiza", escrebia Castelao:
"Pode decirse
que Galiza é un país precapitalista, povoado por traballadores
que viven dun mísero xornal, que eles mesmos sacan da terra ou
do mar; sen industrias dabondo para absorber o escedente de
povoación labrega e mariñeira; cun paro forzoso e cun déficit
pecuniario constante, que se resolve pacificamente por medio da
emigración. En fin; Galiza ten unha vida diferenciada dentro de
España, cunha morfoloxía social i económica tan peculiares
que, por plantear problemas minoritarios, queda sempre ao marxe
da Lei Xeral do Estado e das preocupacións xeraes que a loita
de crases plantea no mundo capitalista" (Ed. 2.ª, Buenos
Aires, 1961, p. 47). |
A superación dos restos feudais na estrutura
da propiedade da terra e da forma de Desamortización habida en Galiza no
s. XIX foi a grande obra do movimento agrarista. A caseque totalidade da
propiedade da terra cultivábel estaba a fins do s. XIX na man da
aristocrácia e da burguesía. Se no s. XVIII o 52% destas terras eran
propiedade eclesiástica, coa desamortización esa parte pasou á
burguesía e somente en cantidade insignificante ao campesinado. A forma
mais habitual da posesión para o cultivo desa propiedade era o foro.
Pero os grandes foros estaban tamén na man da burguesía que subforara
ou arrendara aos labregos unidades de exploración ou eidos
determinados.
Durante a segunda mitade do s. XIX a burguesía
progresista tentou de solucionar esta situación coa redención en favor
dos labregos das cargas forais. A lei de 1873 nese sentido foi derogada
en 1874 sen lograr efectos sensíbeis.
Co século XX a tarefa de eliminar tal estado
de cousas pasa aos labregos. As sociedades mutualistas son o antecedente
das agrárias e dos sindicatos. 1907 marca a data dunha loita que non se
remata nen durante a IIª República (1931-1936). En todo caso as
redencións pendentes realizáronse caseque na totalidade antes de 1950.
A primeira etapa da loita agrarista corresponde
aos anos 1907-1912. Destacan catro organizacións societárias:
Solidaridade Galega, promovida por
Lugris Freire, R. Sanz, S. Golpe, os irmáns Naveira, etc. Apoiada, nos
primeiros pasos, por parte do clero no que sobresae o abade da Coruña,
Sr. Bernárdez. Mediante o "catecismo solidario", repartido
por milleiros, extenderon a sua actividade nun eixo que vai de A Coruña, Santiago, Arzúa, a lugares de
Chantada-Monforte. As tres
Asambleas Agrárias de Monforte, 1908, 1909 e 1911, débense
principalmente aos Solidarios. Acreditan un reformismo e un acertamento
importante á realidade do país. Tímidos redencionistas do foro,
buscaban a unidade lugareña e a desaparición do caciquismo.
Unión Campesina, 1907-1910, tamén se
desenvolveu arredor de A Coruña. De inspiración anarquista, adopta
métodos directos contra os fielatos e a inxusta distribución
dos consumos. Foron dirixentes M. Martínez López e X. Moreno
Bello. Inda que desfeita como colectivo, mantivo a inspiración de
bastantes sociedades agrárias tanto durante a Monarquia como a II.ª República.
O Directório de Teis (Lavadores-Vigo), de
influéncia no sur de Pontevedra, decididamente antiforista. Chinto
Crespo, un dos seus dirixentes en unión de M. Lago e Arturo Prieto, os
chamados "tres mártires" e "Os tres apóstolos",
sofreron desterro. Entenderon antes que ninguén a reivindicación dos montes
veciñais e utilizaron o poder da prensa para movilizar os labregos.
En 1910 irrumpe Acción Gallega de Basilio
Alvarez. Os primeiros propagandistas que vivian en Madrid,
trasladáronse a Galiza. Actuaron con forza nas asambleas agrárias de
Rivadavia e nas seguintes. Sen programa definido, Basilio Alvarez
consegueu as maiores concentracións que se recordan, desatou unha
protesta verbal de violéncia e criou en toda Galiza unha situación de
protesta colectiva que axilizou o traspaso da propiedade e a unidade
campesiña.
O agrarismo cristián operaba desde 1900,
aproveitou a lei sindical de 1906 e extendeuse levemente. En 1918, coa
visita do xesuita P. Navares e doutros dirixentes do CNCA, consigue
notábel expansión. Utilizado pola Ditadura, forma en 1930 a FFCCA de
Galicia (Unión rexional de Federacións Católicas Agrarias). Durante a
República móstrase achegado á CEDA. Númericamente este sindicalismo
compite co total restante, ideoloxicamente é moi amarelo, para actua
realmente no campo ao través de algunhas cooperativas.
A segunda etapa agrarista exténdese até a
Ditadura.
"O catrienio
1915-1919 é fundamental para o agrarismo galego, escrebe X.A.
Durán; as folgas agrárias, as manifestacións, os
procesamentos, multiplícanse. E neste contexto, francamente
revolucionário, prende a variante radical da vella loita contra
o foro: nace, con poder de marcado abolicionismo, o "non
pagar os foros", os procesos colectivos e as accións de
parróquias enteiras". |
Da forza organizativa agrária é testigo o
número tan alto que cobría o mapa enteiro de Galiza.
Sociedades
e sindicatos agrarios en Galicia, 1910-1926
|
Anos
|
Sociedades
|
Sindicatos
|
Total
|
1910 |
|
93 |
|
1915 |
145 |
111 |
256 |
1917 |
136 |
120 |
256 |
1920 |
2.266 |
398 |
625 |
1923 |
234 |
720 |
954 |
1926 |
234 |
801 |
1.035 |
Fonte: Anuario Estadístico de España, cita de R. Villares en
Grial, 54, p. 483. |
Unha terceira etapa corresponde á Ditadura e
á II.ª República. En 1926 deuse a lei de "redención
foral", regulada en 1927. Con ela os propietários lograron
mellores cotizacións que as outorgadas na contenda agrarista.
Legalizado o proceso, reforzado pola República, prosegue realizándose
incluso no réxime adverso do Franquismo.
As duras condicións nas que o labrego galego
acedeu á propiedade total da terra, sen axudas crediticias, explícanse
polas remesas de divisas da emigración, a favorabilidade de certos
précios agrários e o aforro desusado destes traballadores. Foi un paso
decisivo para chegar a unha "reforma agrária" produtiva,
aspecto inda non acadado. Pero aquela conquista modificou o tecido
social do agro. Desaparecen os "fidalgos" xa arruinados a fins
do XIX, perdeu poder caciquil o burgués gran terratenente de forais,
desapareceron os cabezoleiros e unha chea de intermediários que fiaban
o "caciquismo político desde a Restauración". Castelao
analizou no exílio a xeira agrarista:
"O que lle
ocurria ao agrarismo galego era que se deixaba utilizar por
elementos incongruentes, alóxenos e, ás veces, contrários ao
interés e vida dos labregos. Calquera partido político ou
sindical podía afiliar Sociedades Agrarias ou conquerir o favor
dos seus e valedores, pois estas forzas, orixinariamente
anticaciquís, eran módulo especial de caciquismo. En fin, as
organizacións agrárias formaban un campo asequíbel a todos os
bandos, incluso retrógados, e deixando-se levar por uns e por
outros, resulta que arreo se combatian entre si. En meio deste
caos, os galeguistas só interviñemos para dicir a verdade,
fora de todo compromiso e de todo cálculo electoreiro. E foi
entón cando Alonso Rios se arredou da disciplina do Partido
Galeguista que non do galeguismo, que é anterior e superior
aos partidos dando asi proba de xenerosidade... Se as
organizacións agrárias de Galiza xa estiveran redimidas de
intromisións alleas, entón levarían ás Cortes da República
máis de 30 deputados, dos 48 que ao noso povo Ile correspondia
elexir (Castelao, prosa do exílio, p. 58). |
Neste ambiente de loita iniciábase a
"modernización" da agricultura galega, tanto coa penetración
da maquinária, como de abonos, sementes seleccionadas e razas vacunas.
A Guerra civil interrumpeuno, e a política económica do Franquismo,
desde 1960, escorouno cara o domínio do capitalismo extrarural.
Outros problemas económicos de Galiza eran o
da pesca, da indústria conserveira e os servícios tanto portuários
como viários. Sobre a pesca e a conserva expresábase asi Castelao en
"Sempre en Galiza", p. 49:
"Os problemas
económicos e sociais da pesca galega adquiriron unha gravedade
extrema co desenrolo da industria pesqueira a máis importante
de España e co seu obrigado sometimento á industria
conserveira única criación capitalista en Galiza. Os
mariñeiros ainda traballan "a parte" e non cobran
salário fixo. Os "armadores" son patróns que xa non
xogan a vida no mar; pero que viven sometidos á veleidade
egoista dos "conserveiros". Os
"conserveiros" viven do comércio exterior e sofren a
incomprensión dos "gobernantes de secano". Cando hai
máis sardiña no noso litoral xurden conflictos que se
solucionan co abarrotamento de fábricas de salazón e conserva,
co amarre da flota pesqueira nos portos de refúxio e coa fame
de moitos miles de familias mariñeiras. Estamos moi lonxe de
conquerir grandes portos pesqueiros, semellantes aos de outras
nacións atlánticas, co seu complemento de transportes baratos
e rápidos, para repartir peixe fresco nas rexións do interior,
onde somentes coñecen o peixe en conserva. Temos, pois,
dereito a crer que unha política estatal asentada no centro da
Península non pode solucionar os problemas mariñeiros". |
Efectivamente, a pesar da introdución da
conserva e da mellora na navegación, o litoral galego vivia anos de
baixa rendabilidade. A Ditadura arranxou alguns pequenos portos. Cidades
como Vigo beneficiábanse dos fluxos migratórios e construian
espléndidas avanidas. Pero a emigración devoraba a beiramar. Rianxo
era unha proba de baixo nivel de vida nos anos de Castelao.
O resto das indústrias galegas estaban no
berce: a electricidade, a metalurxía etc. A vias de comunicación tanto
do ferrocarril como de carreteras eran pésimas. Sobre o ferrocarril
falou Castelao nas Cortes e volta ao tema en diferentes escritos no
exílio:
"O primitivo
proxecto de ferrocarrís para Galiza comprendia un total de 1513
Kms., e mentras se cumplia e melloraba o plan ferroviário
doutras partes de España, en Galiza nen se realizaban plans nen
siquera se respetaban no papel.
Asi ocurriu que o plan ferroviário de Galiza foi várias veces
modificado e sempre diminuído, pero en todos os programas figuraba a
vía Zamora-Ourense. Por fin o Consello Superior de
Ferrocarris elaborou un proxecto que parecia definitivo; pero
semellante proxecto só comprendia un total de 977 Kms. de
línea férrea para Galiza, e dicer, 536 Kms. menos dos que se
lograron nos primeiros plans.
A todo isto chegou a Ditadura de Primo de Rivera e con ela o
famoso Conde de Guadalhorce quen, facéndonos un gran favor,
reduciu as líneas galegas ao ferrocarril Zamora-Ourense-Santiago-A
Coruña, é dicer, a 506 Kms. de via
férrea, que ven ser unha terceira parte do que Galiza xa tiña
conseguido nos vellos proxectos.
O plan de Guadalhorce tiña, polo menos, a ventaxa de non
quedarse no papel, como quedaran os plans anteriores.
Efectivamente, as obras do ferrocarril Zamora-Ourense Santiago-A
Coruña deron comezo en diferentes partes do traxecto. E ao
advir a República, todos criamos que se aceleraria o ritmo de
traballos nunha obra de tan vital interés para Galiza. Pero as
nosas esperanzas resultaron defraudadas. Ocurriu que o flamante
ministro de Obras Públicas da República,. Don Indalecio
Prieto, paralizou as obras, xa bastante avanzadas nalguns
lugares. O povo galego sentiuse ferido pola determinación do
Sr. Prieto, e en Ourense e Santiago producíronse desordes
graves que turbaron a alegria galega dos primeiros días da
República" (Discurso de Castelao de 1946, recollido en
"Prosas do exílio", antoloxía de R. Palmás,
Montevideo, 1976). |
Asi que nen o ferrocarril transversal, nen o de
Zamora-Ourense foron levados á realidade. No é de extrafiar que os
sectores máis vivos do obreirismo galego daquela foran os da
construción do ferrocarril e os dos portos de Vigo e A Coruña.
Ao marxe deste aspecto sombrizo da economía
galega aferrollada polo centralismo, Galiza experimentaba certa
dinamización. A Banca galega desde a década do 20 expandíase, a
gaderia presionaba nos mercados, a conserva penetraba en Europa. Os
políticos e os facendistas galegos postulaban formas máis librecambistas
frente ao proteccionismo gubernamental favorábel a Cataluña, ao
Pais Vasco e aos latifundários do cereal. A depéndencia económica do
país non era tan fonda como hoxe e as alternativas do nacionalismo iban
cara un capitalismo autocentrado e cooperativista.
MIRADOIRO CULTURAL
A situación cultural de Galiza a princípios de século era inquedante.
Corria parella a situación escolar:
Saben ler e
escreber
|
Anos
|
A
Coruña
|
Lugo
|
1900 |
38.16% |
23.39% |
1910 |
43.56% |
34.20% |
1920 |
49.43% |
44.94% |
1930 |
57.03% |
59.18% |
1940 |
71.50% |
68.00% |
1950 |
77.33% |
69.00% |
(Fonte: Reseña Estadistica das provincias de A Coruña e Lugo,
I.N.E.). |
O maior esforzo escolar corresponde á II.ª
República:
Número de
mestres por provincias
|
Prov.
|
ano
1931
|
ano
1935
|
Diferéncia
en máis
|
A Coruña |
1.241 |
1.718 |
477 |
Lugo |
965 |
1.491 |
526 |
Ourense |
1.170 |
1.642 |
572 |
Pontevedra |
1.150 |
1.651 |
501 |
(X. R. Barreiro, Historia de Galicia, IV E. Contemporánea, p.
205). |
En cinco anos aumentou o número de mestres o
44%. As catro províncias galegas ocupaban un posto entre as dez
primeiras do Estado en mestres por 1.000 habitantes.
Pero o aumento cuantitativo non correspondia ao
cualitativo. A escola galega era distorsionante da cultura comunitária,
carecia de racionalidade e non preparaba para transformar a sociedade
senón para subordinala aos interes exteriores. No galeguismo das
Irmandadaes da Fala apareceu non só a preocupación dunha escola
crítica e galega senón tamén se iniciaron pasos tímidos de
experimentación. Asi se recollian os desexos de vellos pedagogos como
Sarmiento. Xoan Viqueira e Risco participaron nun proxecto de escola
presentado na III.ª Asamblea nacionalista. Castelao escrebeu en
"Sempre en Galiza":
"Hoxe os máis
destacados educadores de Europa propoñen que o ensino se dea na
língua materna dos nenos, deica o desenrolo completo da sua
personalidade, porque asi quedarán en condicións de deprederen
a segunda língua como asignatura. Este aixioma pedagóxico
fúndase na comprobación de que a suma de coñecimentos
adequeridos por un neno instruido na sua língua materna, é
doble da que adequiriria nunha língua allea. A esplicación
está dada por moitos pedagogos: cando non se utiliza na escola
a língua materna dos nenos prodúcese unha atrófia na
facultade do linguaxe, i esta perturbación déixase sentir
fatalmente no aprendizaxe da segunda língua. Estas conclusións
parez que non chegaron ao coñecimento dos nosos estadistas. O
neno non é dono de ningunha língua, perde a expresión
espontánea do pensamento e sofre un complexo de inferioridade
que non o abondoará mentras viva" (Sempre en Galiza, p.
111). |
A inadecuación da escola tanto no ensino primario como no médio e
universitário partia ante todo da língua utilizada, o español, e
conxuntamente da marxinación da cultura galega á que non servia nen
dinamizaba, ao contrário pretendia eliminar. Só pequenos intentos no
ensino médio e mínimos no universitário foron excepción. Asi
afondábase día a día a separación entre a cultura das clases
populares e a dos funcionários e axentes da educación escolar.
A reacción do galeguismo para dinamizar a
cultura galega foi grande e os resultados brillantes. Castelao entrou de
cheo nesta funcionalidade co Album Nós:
"O movimento de
Renacencia cultural que arrinca dos Precursores acadou nas follas de "Nós" unha das máis altas cimas. Por
enriba dos valores artísticos que non se poderían mellorar a
obra constitue un documento social estrelecente.
O home galego, o seu entorno vivencial,
o xenio rural e mariñeiro... endexamais deran inspiración a
trasuntos tan expresivos. E, ao mesmo tempo, tan rezumantes de
autenticidade.
O drama social do noso povo, está
representado desde a primeira á derradeira estampa. Os trazos
de cada figura, o mesmo que o intuito latente en cada pé,
responden a un orde de ideas-forza, chamadas a estalar máis cedo ou máis tarde na
conciéncia da sociedade. Nada hai na obra que cheire a neutro
ou banal.
A obra viria a constituir como un
retábulo de fondo, do movimento ideolóxico que de Galiza fixo
seu eixo. Deulle aquel contido social expresado en doble
linguaxe, de que tería de vivir en adiante" (V. Paz Adrade,
o.c., p. 236). |
No méio deste desplegue cultural, literário,
artístico e ideolóxico están várias organizacións, pero moi
primordialmente as Irmandades da Fala. A significación política desta
sociedade non resume o seu valor; a xeración das Irmandades cultivou
todas as respostas de Galiza ás incitacións do tempo.
De algunha forma incorporáronse a esta chamada
os arquitectos como A. Palacios (1876) que durante a República erixiu o
templo votivo do Mar en Panxón e trazou un plan de urbanización de
Vigo, abandonado polos Concellos postbélicos, e M. Sánchez Román
(1875) fiel á tradición do granito, autor dos edifícios da Caixa de
Aforros en Santiago e do Museo Provincial de Lugo.
A recuperación escultórica foi parella á
pictórica. F. Asorei no seu obradoiro de Compostela traballa tamén o
granito levantando monumentos en vilas e cidades. Con el hai unha
prometedora escola: Bonome, Eiroa, Xoan Piñeiro, Failde. Este foi o
grilón cos novos escultores actuais.
Chamoso Lamas exprésase asi sobre a pintura
galega:
"Desde aquelas
exposicións de arte rexional en Madrid en 1912 e en Compostela
en 1917, pode dicirse que a pintura galega se afirma como unha
arte perfectamente definida, capaz de manter a altura dunha
acusada personalidade se as multiples tendencias que asolaron
ás demais escolas españolas de pintura non debilitasen o seu
desenvolvimento".
(M. Chamoso, Arte en Galicia, Ed. Noguer, 1976, p. 359). |
Na mesma traxectória de Castelao están C.
Maside, M. Colmeiro, A. Souto. As becas da Diputación de Pontevedra
axudaron esta explosión de valores que tantos nomes deron á pintura de
aqueles anos. Moitos prosiguen inda un labor decisivo, como Laxeiro,
outros foron os mestres aquí e no exilio, como U. Lugris e L. Seoane.
Esta floración inqueda coincide coa mesma vibración dos poetas.
Castelao deixou no seu "Diario" ben expresadas as arelas dunha
arte comprometida tanto como formalmente valiosa. Nunha carta íntima ao
poeta Manuel Antonio escrebía:
"A gran
ignorancia do pobo foi a que salvou a nosa tradición, que
durmeu alguns séculos acochada no instinto popular, e ao
instinto popular temos de ir pra engadir á vella tradición
unha nova tradición. Lémbrome que Jean d'Udine fai unha
comparanza ademirábel: lévalle un caravel a un plateiro de
cidade e dille que con sio che faga o petador da tua porta e
verás como o plateiro fai unha imitación esauta do
caravel, unha imitación sen espirito ningún; lévalle un
caravel a un ferreiro de aldea e faille a mesma encomenda e
verás como o ferreiro fai unha interpretación do
caravel, unha imitación na que pon o cuño da sua persoalidade.
Eu dígoche agora: levemos un caravel a todos os plateiros do
mundo e os petadores serían outros tantos caraveles de prata;
levemos un caravel a todos os ferreiros de todas as nacións do
mundo e os petadores formarán tantos grupos como nacións, pois
neles aparecería o cuño de raza. O devandito é que o pobo
sempre fai arte, anque sexa ao seu gusto".
(M. Antonio, Correspondencia, Galaxia, 1979, p. 193). |
Eran, xa que logo, tempos de búsqueda, de
inspiración na propia matriz. Para iso tamén axudaron certas
institucións. A Real Academia GALEGA PRESENTOUSE COS SEUS PRIMEIROS
ACADÉMICOS o 30 de setembro de 1906. Era Presidente M.M. Murguia. O seu
boletín, que se iniciou en 1906, é un expoñente de laboriosidade e de
promoción do coñecimento do noso pasado. En 1923 surxia o SEMINARIO DE
ESTUDIOS GALEGOS con variadas seccións onde se agruparon os mais dos
investigadores da época, cunha biblioteca e o boletín Arquivos.
Presidian as seccións do Seminario: Cabeza de León, Xesús Carro,
Paulino Pedret, Filgueira Valverde, Otero Pedraio, Vicente Risco, L.
Tobio, L. Iglesias, M. Gómez Román, M. Díaz Rozas e A.D.R. Castelao.
Obras de colaboración como "Terra de Melide" acreditan unhas
técnicas avanzadas de traballo en equipo.
Nese ambiente desenvolveuse a literatura
enlazando cos últimos escritores do XIX como Pondal, rompendo co falso
ruralismo ao través do manifesto "Máis ala" (1923) de Manuel
Antonio e A. Cribeiro. Galiza contou cunha explosión poética da mellor
calidade. Somente unha referéncia mínima o demostra: Ramón
Cabanillas, Manuel Antonio, L. Amado Carballo, F. Bouza Brei, Iglesia
Alvariño e os daquela iniciadores A. Cunqueiro, Blanco Amor etc. Pero o
mais notábel foi a madurez da prosa científica e literária na que
brillaron os tres máximos criadores: R. Otero Pedraio, V. Risco e
A.D.R. Castelao.
O expoñente de esta criatividade foi a revista
Nós. O axente veiculador o editorialista Anxel Casal e a monstra un
amplo ano de prensa en galego ou, ao menos, con numerosa participación
da prosa galega. O mellor esforzo dun intento de prensa libre e ao
servício do País foi o xornal "Galicia" de Vigo, dirixido
por V. Paz Andrade nos anos da Ditadura. A extensión e alcance da
prensa diária ou periódica pode observarse pola seguinte estadística:
Número de
periódicos
|
|
1900
|
1913
|
1920
|
1927
|
A Coruña |
24 |
31 |
44 |
40 |
Lugo |
11 |
26 |
26 |
20 |
Ourense |
9 |
10 |
10 |
13 |
Pontevedra |
22 |
32 |
31 |
31 |
Do censo total de publicacións periódicas
destes anos, Devois presenta esta proporción para as editadas en galego
ou en castelán e galego:
|
1913
|
1920
|
1927
|
Galego |
1 |
2 |
2 |
Castelán e galego |
6 |
12 |
16 |
(Palomares X.M.,
"As estadisticas da prensa periódica e da prensa de
Galicia", en Grial anexo 1, 1982, pp. 41 e 48) |
Do devandito cabe concluir que a língua galega estaba nun proceso
inicial de normalización, de avance na normativización, que a
literatura penetraba en todos os campos poéticos e científicos e que a
cultura galega non só contaba con excelentes valores individuais,
senón que buscaba unha resposta global da sociedade aos seus problemas.
A Guerra civil foi tamén unha guerra contra a cultura galega que tivo o
seu exílio en Latinoamérica á espera de voltar.
POLÍTICA GALEGA
Castelao sentíase identificado como criador
cultural, pero a chamada á Política, que lle impuxo inmensos
sacríficios, converteuno no motor do nivel onde a vida do país tomaba
as decisións máis perentóricas.
"Deixei de
realizar a miña obra artística e literária entregándome á
política, soio polo ben da nosa Terra, pois eu máis nome
conqueriria evitando enemistades. Todo estou disposto a facer,
pero esto de que os galeguistas se convirtan en interruptores
dunha laboura que eu dirixin e que xa empeza a dar froitos, eso
non era concebible", escrebia en 1947, cando presidia o
Consello de Galiza e gardaba no seu ánimo toda a esperanza da
libertade do país (V. Paz Andrade, o.c, p. 510). |
Nos 50 anos do s. XX o poder político en
Galiza sofreu modificacións sustanciais.
Ábrese o século dentro da Restauración,
sistema de liberalismo conservador, oligárquico e caciquil. Os fios da
política dependian de Madrid e ali cairon dirixentes galegos
conservadores e progresistas. Tanto Dato como Canalejas chegaron á
presidencia do Goberno Central e proseguiron proxectos de U. Montero
Rios. No espácio galego movianse os "virreis" de turno e
repartianse as actas.
"¿A quen
votaban os galegos? Votaron sempre co Goberno que facía as
eleccións, de maneira que se estas eran convocadas polos
liberais ou polos conservadores (que estaban no poleiro) os
galegos (fora dos diputados enfeudados ou que tiñan
necesariamente que sair, os Montero Rios, Marqués de Riestra,
Linares Rivas, Bugallal, González Besada, Martínez Villaverde,
etc.) votaban sempre os candidatos do partido do goberno. Esto
quere decir que o resultado das actas non reflexa a vontade do
país, por conseguinte que as respostas electorais non sirven
para medir o nivel de respostas políticas do pobo galego
durante a Restauración" (Barreiro, R.o.c, p. 284). |
Pero o povo galego non se resignou ante esta
política corrupta. Sindicalmente foron os movimentos agrários os máis
resistentes ocasionándose enfrentamentos e mortes violentas v.g.:
1909: en Oseira, 9 mortos e 27 feridos.
1910: en Viana do Bolo, axitacións campesiñas.
1911: en Noia, axitacións campesiñas.
1916: en Nebra, 38
feridos e 5 mortos.
1922: en Sobradelo, 3 mortos, 10 feridos dos
campesiños e 3 da G. Civil.
Duas organizacións políticas galegas
recolleron as arelas do povo contra a política estatal: Os
Solidarios e as Irmandades da Fala. Pretendian os homes de
"Solidaridade Galega" conquerir unha representación política
parlamentária. Se ben obtiveron algunhas vitorias locais, fracasaron
como formación política. As Irmandades (1916) marcáronse no Congreso
de Lugo (1920) uns obxectivos moi avanzados:
Autonomía integral de Galiza, autonomía
municipal, preparación dunhas bases para un federalismo hispánico no
que entrase Portugal.
Os fracasos electorais de 1918 e a doble tendéncia, política unha, cultural outra, criaron a partir de 1922
rupturas nas Irmandades, sendo a liña cultural a que dominou nos anos
da Ditadura.
No sector obreiro, cativo pero moi vivo, a
resisténcia á Restauración foi sensíbel. Duas formacións acaparaban
o sindicalismo, UGT e CNT; as duas promoveron grandes folgas na Coruña,
Santiago, Vigo e Ferrol. O número dos militantes aumentaba e resistiu
as presións da Ditadura.
A redución ao silencio dos partidos políticos
durante a Ditadura serviu, até certo ponto, para a reformulación
destes, tanto para os de signo estatal, como os galegos. Nos derradeiros
anos o galeguismo e o republicanismo acercáronse cara formar
coalicións antimonárquicas. Nas asambleas de Barrantes e Lestrove
quedaron constituidas ORGA (Organización Republicana Galega Autonoma) e
posteriormente FRG (Federación Republicana Galega 1930). O exito desta
nas eleccións de 1931 consagrou a vida política de S. Casares Quiroga,
pero non impediu a deserción dos nacionalistas para criar un partido
própio.
Durante a II.ª República (1931-1936) Galiza
despertou da aparente apatia na participación electoral. Naquela
primavera asomaron os seus anceios todos os sectores da provoación,
todas as forzas políticas e os grupos de presión.
Na esquerda estatal destacaron o PSOE, o PC e o
PRS.
O PSOE consigue certa implantación con
diputados en 1931 e 1936. Dubidoso na sua aceptación de Galiza como
nación, levou unha política recelosa, excepto na formación do FP en
1936. Tamén posteriormente, durante a Guerra civil e anos sucesivos,
obstruiu a aprobación do Estatuto galego e a obra de Castelao. O PC
creceu levemente e mantivo maior respeto aos problemas galegos. No seu seo apareceron correntes nacionalistas como as de Benigno Alvarez. Este
partido tiña unha incidéncia notábel en certos sectores, v.g., no
maxisterio ourensán e nas casas do povo de várias cidades.
O Partido Radical socialista foi unha monstra
da resistencia á dereitización do PR, pero apenas significou algo na
política galega. A falta de galeguismo nestes partidos ocasionou a
escisión do PSOE que deu nacemento á USG, con influéncia na zona de
Santiago.
Na dereita estatal acabou acaparando altas
cotas a CEDA, hostil ao Estatuto Galego o mesmo que Renovación española de X. Calvo Sotelo. Ambos partidos traballaron por atraerse á
Iglexa e aos empresários galegos.
O Partido Radical, en xiro á dereita
constante, contaba en Galiza con influencia; os seus dirixentes
mereceron as maiores descalificacións do galeguismo. So B. Alvarez se
proclamaba autonomista por libre, mentras os radicais se opuxeron ao
Estatuto defendendo somente a descentralización económica. Tamén
temos que recoñecer a existéncia de FE tanto na Universidade de
Santiago como en núcleos buegueses rurais e urbanos. Poucos pero
agresivos prepararon as bases do posterior pleito civil.
Neste ambiente de forzas centralistas o galeguismo
consigue fundar o PG a fins de 1931. O gran labor deste partido asi como
das Mocedades Galeguistas foi a elaboración, propaganda e plebiscito do
Estatuto de Galiza que conseguiron en 1936 con éxito relevante e
gracias tanto ao poder institucional de Casares Quiroga ao frente do
aparato estatal, como do apoio do FP. Os resultados legais do plebiscito
do 28 de xuño de 1936 foron:
Censo
electoral de Galiza: 1.343.135. |
Votantes |
1.000.963 = 74.52% |
Votos afirmativos |
991.476 = 99.05% |
Votos negativos |
6.161 = 0.6% |
En branco |
1.453 = 0.1% |
Esta realidade fermosa para os nacionalistas galegos é
expoñente dun duro labor durante os dous primeiros anos (1931-1932) e no
1936. O PG por obra de Alexandre Bóveda lograra unha organización
ampla e acollia unha militancia en formación intelectual. A honradez, a
laboriosidade e preparación intelectual dos dirixentes galeguistas
fixeron posíbel unha conciencia en Galiza cara a sua identidade.
Pero o labor político dos partidos é
inseparábel da movilidade ideolóxica dos traballadores do agro, mar e
fábrica. Aqui houbo unha forte politización ao través dos sindicatos
UGT, CNT e agrários.
Nºs de afiliados a UGT en 1932 = 21.748
Nºs de afiliados a CNT en 1932 = 33.755
Ambos sindicatos estaban a afiliar sociedades
agrárias. Asi en 1932 a FNTT afirma ter os seguintes afiliados:
Coruña, seccións 25, afiliados 2.917
Lugo, seccións 5, afiliados 232
Ourense, seccións 18, afiliados 1.715
Pontevedra, seccións 14, afiliados 974
(Ver G. Probados, M., "Movemento obreiro e
socialismo, A Coruña, 1931-1933", ed. do Castro, Sada, 1982, p.
20).
Hai que confesar que este forte movemento
obreiro significou pouco tanto na formación da conciéncia nacional
como nas eleccións. Na mente dos nacionalistas das Irmanades e do PG
estaba a penetración tanto nas sociedades agrárias como no ambiente
das cidades como Vigo e Ferrol.
Se o PSOE e o PC estaban alonxados
diferentemente dos problemas própios de Galiza, traballaban na mellora
da sociedade e na profundación da cultura. Non asi os grupos de
presión como o exército e a igrexa. Esta, despois dunha certa mirada
de interés polo galeguismo, agrupouse arredor da CEDA e contra o
sindicalismo de clase. É certo que un bon número de católicos, do
clero e dos laicos, militaban no Seminario de Estudos Galegos e mesmo no
PG; parte deles separáronse para apoiar á Dereita Galeguista escindida
do PG no 1935.
Galiza atravesaba unha etapa de
despegrizamento, non había ambiente tenso, nen situacións limites en
1936. A Guerra Civil, a que arrastraron as Dereitas oligárquicas e o
exército antirrepublicano, romperon esta liña de esperanza.
Só seis meses houbo en Galiza de guerra civil
e de paseos, asasinatos e fusilamentos xudiciais. Podemos dicer que en
1937 a guerra non só estaba fora das nosas fronteiras, estaba como
campo de batalla xa imposíbel para o nacionalismo. Castelao ve como os
batallóns galegos da República tratan de defender o honor de Galiza.
Logo seria a guerrilla dos fuxidos e dos retornados do exílio en apoio
de aqueles. En Galicia foi unha xesta dura e longa (1939-1951) con
restos até 1965, 1967 e novos xérmolos en 1975. Significaba o
incorformismo e a lealtade.
Á vez o galeguismo do exilio e do interior
buscaba solucións políticas. O do interior, cedeu antes. Xa citamos un
texto de Castelao no que aparece a sua anguria ante as decisións que
levaron á disolución do PG para buscar unha via cultural en 1950.
Castelao morre coa ilusión dunha Galicia republicana, libre e soberana.
A guerra e o exílio tamén madureceron a sua ideoloxía política e
contan no legado aos galegos de hoxe.
|