Centro de Documentación da AELG
Ábrelle a porta
Alonso, Fran
Autores/as relacionados/as:
Fonte: Revista Letras Chairegas, nº 4

Ábrelle a porta

Escoita, compañeiro, ábrelle a porta ao Darío, que é constructor de soños, fabricante de palabras, tecedor de esperanzas e ilusións desde as paisaxes chairegas, patria pequena onde nace nación.
Ábrelle a porta ao Darío, que é poeta, compañeiro, é poeta, verdadeiro, quer dicir, deses que coñece o auténtico valor de cada cousa, de cada pequena gran cousa, que, en definitiva, esa e non outra é a vida, a das persoas de paz, coma a súa.
Ábrelle a porta ao Darío, por saor, que ten a boca chea de terra de pescudar na raíz das palabras, pois é menciñeiro que lles amaña inxertos, para revolucionalas con forza nova, para cargalas de sentido e de futuro.
Ábrelle a porta ao Darío que é persoa humilde e xenerosa, de tempo liso, longo de sombra longal, bravío, con arrecendo a gándara ao vento e queiroga.
Ábrelle a porta ao Darío, e que a súa egrexia vida senlleira nos penetre sempre, coa súa utopía atroz, que estoupa na sen, no pensamento arrepiado ante este mundo cínico e demente que habitamos.
Ábrelle a porta ao Darío, que remexe na historia, que a interpreta, que a debuxa e amasa con mans de feiticeiro, que a moldea e nola ofrece repensada, agridoce, con sabor a lento viño embriagador.
Ábrelle a porta ao Darío, que espreita asubiando cantigas de amor vilao, sentado baixo unha abelaneira, esperando el dolce tempo de la prima etade, coa súa ollada artúrica, pousona, de quen sabe que os tempos serán chegados.
Escoita, compañeiro, ábrelle a porta ao Darío, ábrella sen demora, que vén amigable desde a fraga amurallada, ábrella porque, co seu porte de luz, trae unha espada de mazás que forxou á beira da patria do mar, unha espada nobre que dilapidará o perfil pérfido dos dinosauros que gobernan esta terra, nación granítica que medra na palabra perfumada dos seus versos e na cadencia apaixonante da súa prosa.
Ábrelle a porta como eu lla abrín aquel día, de hai tantos anos, principios dos oitenta, cando nunha tarde outoniza, na tenda do castro, sargadelos, cervo, o libro que merquei era novo do trinque, arrecendía e convidaba a entrar.