Chiquinho e Memorias dun heno labrego: dous casos de recorrencias temáticas nas literaturas colonizadas
DOLORES VILAVEDRA Universidade de Santiago
1. Introducción
Nun seu traballo titulado "Rosalía, Curros, Pondal: literatura e colonización" (1), Anxo Tarrío abría unha canle de investigación enormemente suxerente, pois nel esbozaba novas liñas de achegamento á literatura galega, enfocando a producción poética dos tres "grandes" das nosas letras dende a perspectiva epistemolóxica na que nos sitúa unha corrente teórica que procura as constantes temáticas, estilísticas, simbólicas, etc. características dun número importante das obras literarias feitas en países que, despois de sufriren situacións coloniais, precisan desenvolver unha estética acorde cos procesos de descolonización política e cultural. Esta corrente de pensamento naceu a partir das análises efectuadas fundamentalmente respecto as literaturas producidas en países que, situados no ámbito xeográfico do chamado "terceiro mundo", foron sometidos polas metrópolis europeas.
Sen entrarnos no problema dos criterios axeitados para definí-lo ámbito do que é unha literatura nacional (criterios que para nós pasan, indiscutiblemente, polo lingüístico), e aínda que a situación galega non corresponda exactamente coas situacións de colonización que se deron nos países do terceiro mundo, si coidamos que é posible e cientificamente viable procurar esas constantes en boa parte da nosa literatura, de xeito que poidamos atopar explicación a certos riscos peculiares que, lonxe de seren xustifcacións para o localismo e a endogamia, serven para vencellamos a outras culturas, ben distintas e lonxanas, mais coas que nos podemos sentir fondamente identificados.
Parécenos innecesario xustifica-lo evidente, polo que non imos enumerar aquí tódolos aspectos nos que Galicia se separa do que sería o modelo clásico de país colonizado, pero o que si é certo é que durante moito tempo (e aínda hoxe, se ben en áreas restrinxidas) puidéronse detectar en Galicia situacións socio-económicas propias dun país do terceiro mundo e que son numerosos os casos (algúns deles citados por A. Tarrío no seu artigo) que dan proba dun sentimento de país colonizado manifestado en Galicia dende o século XVIII e que evolucionou ata atada-la categoría de "argumento politico principalísimo nos movementos nacionalistas modernos (2). Se a isto engadirios que o caso galego se axusta perfectamente a situación que Robert Lafont define como "colonialismo interior", concepto que corrixe o modelo clásico de colonialismo, é loxico que a literatura galega presente casos de enorme semellanza a outros producidos en áreas culturais aparentemente moi distintas e distantes pero que, como pretendemos demostrar con este traballo, non o son tanto, pois comparten uns mecanismos comúns de producción estética que foron xa obxecto de atentos estudios (3) e que nos permiten hoxe procurar riscos específicos nestas literaturas.
0 obxectivo deste traballo: unha vez admitida esa especificidade, propómonos demostrala levando a cabo unha análise comparativa de dous textos nos que se nos revelan unha serie de constantes que neste caso son temáticas pero que, como xa apuntamos máis arriba, poderían ser doutra índole. O que pretendemos, en definitiva, e demostrar que esas recorrencias por nós detectadas non son casuais, senón que son consecuencia duns procesos de producción literaria desenvoltos baixo unhas peculiares coordenadas de opresión político-económica e lingüístico-cultural.
Entre as constantes detectadas polos estudiosos do fenómeno literario que estamos a comentar compre destaca-lo feito de que, nunha primeira etapa, as literaturas colonizadas empreguen case en exclusiva as manifestacións líricas, mentres que a prosa artística faría a sua aparición nunha etapa posterior que, en palabras de A. Tarrio (4), "so se acada cando se vai tomando conciencia de que cómpre utiliza-las mesmas armas literarias do colonizador" Se para realiza-la nosa análise escollemos dúas novelas (é dicir, dous textos pertencentes a esta segunda fase), é precisamente porque nos parece que este xénero resulta quizais menos evidente nas súas manifestacións_ pero por iso mesmo máis rendible para ser estudiado dende a nosa perspectiva, posto que na novela se evidencian moitas das asimetrías de todo tipo que conlevan as situacións de colonización (5).
2. Chiquinho e Memorias dun nono labrego
A selección dos dous textos que imos empregar como "corpus" no que detecta-la serie de recorrencias que comentamos anteriormente vén dada, especialmente, polo feito de compartiren os seus autores situacións de colonialismo político, cultural e lingüístico, amais doutras razóns que comentaremos máis adiante. A orde de presentación dos textos pode resultar sorprendente pois non segue a da súa publicación, pero é a da miña toma de contacto con eles. Preferín optar por esta solución, para reflexar máis fielmente o proceso seguido na miña análise.
Memorias dun neno labrego (6), de Xosé Neira Vilas, foi publicada en Bos Aires en 1961. Aínda que non posúe o carácter fundacional de Chiquinho, si é un texto que dalgún xeito hai que situar a parte dentro do conxunto da literatura galega contemporánea por ser posiblemente o relato galego máis lido de tódolos tempos; hoxe esta xa considerado coma un clásico porque, como afirmou nalgunha ocasión Xesús Alonso Montero, personaxes como Balbino (o protagonista de Memorias) son xa substancia do país, obrigada referencia cultural. Retrato da Galicia rural dos anos corenta, Memorias dun neno labrego foi escrita na Arxentina, a onde o autor emigrara en 1949 para fuxir da miseria económica e moral que imperaba na súa terra, e nunha lingua, a galega, secularmente marxinada e subestimada, circunstancia esta que se incrementara dende a guerra civil. No feito de que Neira Vilas reivindique a súa dignidade o utilizala coma ferramenta para facer literatura, non hai que ver só unha toma de posición ideolóxica senón tamén unha forma de loitar contra a opresión lingüístico-cultural que naquel momento estaban a padecer Galicia e os galegos.
Chiquinho(7) é a primeira novela caboverdiana, publicada en 1947, aínda que xa fora aparecendo en revistas (8) dende o 36. Baltasar Lopes, o seu autor forma parte do grupo de narradores caboverdianos que, a partir de Claridade (vid. nota 5), se centraron no mundo específico insular para procederen á denuncia da sociedade na que vivían, mostrándose especialmente sensibilizados ós dramáticos problemas das illas: a seca, a fame, a emigración. Texto, pois, fundacional, importante non só por constituír un fito na historia da literatura caboverdiana ou polo seu valor literario, senón pola reinvención da escrita que nel se emprende a base da incorporación de signos, expresións ou formas sintácticas dialectais. Manuel Ferreira (9) considérao "pioneiro na busca de processos para a construção de novas línguas no espaço africano de expressão portuguesa", pois o arquipélago de Caboverde constitúe un dos máis curiosos casos de bilingüismo na área lingüística do portugués, lingua que convive nestas illas cun crioulo moi vivo, empregado por tódalas clases sociais e que é a lingua dunha rica literatura popular.
Esta situación pon ós escritores caboverdianos ante unha difícil opción: escribir en crioulo, contribuíndo así á conformación da identidade caboverdiana, ou escribir en portugués, lingua que lles garante unha maior difusión fóra do ámbito insular. Cada autor resolverá este conflicto ó seu xeito pero polo que respecta á literatura de ficción, a solución maioritaria foi buscar unha vía intermedia que empregara un portugués afastado do utilizado na metrópole e tinguido dunha certa cor local coa finalidade de retratar fielmente a realidade caboverdiana, incorporando non só o vocabulario preciso para describir, por exemplo, aspectos fisico-xeográficos propios das illas, senón tamén innovacións sintácticas e morfolóxicas.
E por esta solución de compromiso decántase Baltasar Lopes, autor de Chiquinho, utilizando expresións que "ó cabo-verdianizar o texto, revitalizam a escrita. E a novas formas sintagmáticas se associam construções que se vazam na estrutura semantico-lingüística do crioulo" (10). Pilar Vázquez Cuesta (11) formula abertamente un interrogante que xorde rapidamente ó analizarnos esta cuestión: a de se non estaremos perante unha creación artificiosa, unha especie de traducción o portugués dos aspectos máis específicos do crioulo e coa que se pretendería resolve-lo problema de conciencia que a moitos escritores caboverdianos lles acarrea o seu bilingüismo, ou se este portugués das novelas será máis ben un reflexo do falado nas illas, afectado polas lóxicas contaminacións ocasionadas polo contacto secular co crioulo; Vázquez Cuesta inclínase por esta segunda explicación que, por outra banda, parece bastante coherente co concepto que Baltasar Lopes tiña do crioulo, calificado por el como a "grande experiência românica nos trópicos". Esta actitude lingüística inaugurada polo autor de Chiquinho contaxiouse axiña ó resto da narrativa caboverdiana pero, segundo M. Ferreira, "nenhum outro autor logrou ir tão longe nem tão conseguida pesquisa foi obtida em qualquer outro como en B. Lopes" (12).
Se nos detemos tanto nesta cuestión é porque consideramos que a definición como individuo de todo escritor africano en lingua portuguesa pasa pola apropiación dese patrimonio lingüístico, recreando a linguaxe literaria para face-la angolana, mozambicana ou, neste caso, caboverdiana. Esta actividade creativa e crítica ten consecuencias político-culturais de diversa índole pois constitúe unha intervención do discurso ideolóxico de sectores sociais crioulos, que farán da linguaxe artística unha forma de poder implicada na loita do seu país por acada-lo estatuto de nación independente (13). Así, teremos que considera-la actitude lingüística de B. Lopes, igual que a de Neira Vilas ó escribir en galego, coma unha forma de eludir, reafirmándose na propia identidade, a presión colonial, e haberá que ver nesta toma de posición idiomática a primeira das recorrencias que as obras destes autores presentan entre si.
Pero se seleccionamos estas dúas novelas non foi só por compartiren os seus autores situacións de colonialismo político, cultural ou lingüístico, pois nese caso a nosa análise remataría aquí. 0 que determinou esta elección foi que tanto Memorias dun neno labrego coma Chiquinho nos contan, dalgún xeito, a mesma historia. Son novelas de aprendizaxe. os dous protagonistas, Balbino e Chiquinho, son nenos que teñen de facérense homes nun medio hostil, que buscan a súa identidade nunha patria que non o é máis que a medias, dun xeito ambiguo, intuida máis que asumida. Os dous textos están concebidos coma unhas memorias, escritas en primeira persoa polos seus protagonistas ó deixaren, definitivamente, o mundo da infancia. Ese momento de transición vital vén suliñado nos dous casos polo desarraigo físico do lugar onde pasaron a súa nenez e onde viviron tódalas experiencias iniciáticas que as novelas nos narran.
A análise destes dous textos permitiranos detectar, a través de dúas historias paralelas, os elementos nucleares que van conformando dúas diéxeses obviamente diferentes pero que se desenvolven a través dunha serie de recorrencias temáticas que constitúen a proba máis evidente da nosa hipótese: a de que baixo unhas certas coordenadas sociais, políticas e culturais que poderiamos calificar, nun sentido amplo, de "situacións coloniais", a literatura emprega os mesmos instrumentos, en Galicia ou en Cabo Verde, para contribuir á definición da identidade nacional.
3. Análise das recorrencias temáticas
Antes de entrarnos a analiza-los nosos textos polo miúdo, cómpre suliñar que tanto Memorias como Chinquinho forman parte do que hoxe en día temos que considerar un subxénero literario definido polo recurso á temática da "saudade da infancia" (14) e conformado como tal a base da reiteración dunha serie de elementos que, de tan repetidos, convértense en tópicos. Pero estes elementos son, no caso das literaturas colonizadas, utilizados para desviarse do estereotipo, rexeitando os valores impostos ou herdados e contribuindo a deseñar unha identidade propia. Imos logo tentar descubrir cales son os elementos que desempeñan esta función en Memorias e Chiquinho.
No seu artigo xa citado A. Tarrio destaca o rexistro comprometido e acusador como un dos elementos máis característicos das literaturas colonizadas. A denuncia das prácticas encamiñadas a impor unha autoconsideración negativa, das situacións de racismo, de explotación económica, de infravaloración social e cultural, irá sempre acompañada dunha chamada máis ou menos explícita a loitar pola liberación individual como único procedemento para chegar á colectiva. A denuncia, baixo calquera das súas formas, terá que ser, loxicamente, un dos proxectos iniciais destes escritores. E isto levará a que a novela desempeñe as veces funcións que serían propias do xornalismo ou do libro-documento porque o pacto ficcional que o autor dunha narración asina previamente cos seus lectores permítelle narrar historias e facer afirmacións (pseudo-afirmacións) que noutro contexto estarían vedadas.
Ese carácter semi-documental aparece tanto en Memorias como en Chiquinho. Dende o principio, o lector móvese nunha certa ambigüidade: sabe que as historias que se lle contan son ficción pero tamén ten claro que poderían ser absolutamente reais. Este efecto non é gratuito, senón que se consegue gracias a unha serie de estratexias encamiñadas a lograr que o lector reciba ese texto como "realista" (as comiñas indican que somos conscientes dos matices cos que cómpre utilizar este termo): so así o ton comprometido e acusador do que falabamos máis arriba será plenamente efectivo.
En xeral, as constantes temáticas que presentan os textos que estamos a analizar apuntan todas nunha mesma dirección: a da recuperación e dignificación do propio, fronte os valores impostos pola cultura do colonizador. Como xa dixemos, esta afirmación da propia identidade levará aparellada en moitos casos a denuncia, directa ou indirecta. Pero o proceso de reconstrucción da identidade nacional pasará tamén pola creación de mitos compensadores dunha suposta indixencia cultural, evidentemente fomentada dende a cultura dominante que impón a súa visión da historia, os seus heroes nacionais, etc. A resurrección da propia historia e/ou a creación de mitos compensadores servirá para cobrar conciencia dunha existencia autóctona anterior á colonización, afirmando a personalidade diferenciada da cultura colonizada. Trátase, en definitiva, de armarse para o combate da supervivencia cultural, coas mesmas armas có colonizador. Pero no caso das novelas que estamos a analizar, eses valores a recuperar están inscritos case sempre no cotiá; nin en Memorias nin en Chiquinho encontraremos panfletos ou grandes discursos reivindicativos: só a evidencia dun xeito peculiar de vivi-la propia historia.
Así, o tratamento que o tema da morte recibe nas dúas novelas apunta claramente á dignificación e valoración do propio. Por exemplo, en Chiquinho "a morte andava ombro a ombro connosco. Todos os finados tinham os mesmos gostos e as mesmas necessidades dos viventes. Nós concebíamos a morte como uma outra vida semelhante a esta" (p. 90). Está claro que o pronome por nos subliñado marca a oposición entre dúas culturas, a do colonizador e a do colonizado, que adoptan distintas posturas ante a morte.
En Memorias adícaselle unha maior atención a este tema, pero sempre dende esta postura de reivindicación do autóctono, reflexada na longa descripción do cerimonial que nas aldeas galegas acompaña a morte: campás, velorio, rosario, tertulia e cuchipanda. Ritos dunha cultura que vive a morte coma un vencello cordial" (p. 66)
Algo semellante acontece co tratamento do tema da sexualidade. En Chiquinho, "O amor era tratado como assunto familiar, ser mistérios nem disfarces. Mesmo as pessoas mais velhas falavam ser reservas na nossa frente de doenças feias, mulheres parideiras, raparigas que tinham sido desonradas e das mães de filho de cada um. Quando as raparigas se não casavam, faziam-se mães de filho. lam viver com o seu homem na mesma casa e lá passavam a vida inteira. Ninguém distinguiria um casal recebido na igreja de outro simplesmente amigado. O mesmo destino, as mesmas necesidades os uniam para sempre" (p. 45). E decir, unha vivencia da sexualidade non convencional, á marxe de institucións e de ritos, determinada polo contacto directo co mundo animal que desmitifica todo o relacionado coa reproducción, e por unha penosa situación económica que actúa como elemento determinante de tódolos factores da vida humana, mesmo das relacións amorosas ou sexuais.
En Memorias o tratamento do tema non é tan explícito pero o personaxe de Flora, a súa relación co Landeiro, o episodio dela e mais Balbino, botando estrume nun carro... todo isto redunda no xa comentado antes. Subliñar só o que de contestario hai nesta maneira de vivi-la sexualidade que, contemplada como natural, se relata como propia
Unha das recorrencias temáticas que máis nos chamou a atención nos textos que estamos a comentar é a presencia do mundo do traballo infantil. Tanto Balbino coma Chiquinho teñen que axudar nos labores do campo, leva-lo gando a pastar, etc. A do neno é unha forza de traballo da que non se pode prescindir en economías de autoconsumo como a galega ou a caboverdiana. Así, Chiquinho conta que a súa familia tiña "sempre vacas paridas no Campo da Preguiça. Eu e que as ia arrelhar. Era trabalho de menino, arrelhar" (p. 43). E se quere ir á escola, Balbino ten que erguerse "coa noite pecha, as dúas ou tres da mañán, pra ir co gando, restrevar ou xuntar monllos" (p. 7). Malia as grandes diferencias que separan o mundo de Balbino do de Chiquinho, os dous comparten a miseria, a explotación, o subdesenvolvemento. E o proceso de toma de conciencia da súa identidade será paralelo á revelación da propia miseria.
Tamén resulta curioso comprobar como o concepto de nucleo familiar ten realizacións concretas moi semellantes nas dúas novelas. Son familias numerosas, sempre con algún membro emigrado (e isto comentarémolo máis adiarte) e nunca limitadas ó esquema parella-fillos: a familia de Chiquinho acolle a avoa, a de Balbino unha tía, amais de manteren ambas estreitas relacións con outros parentes próximos. Son familias cunha forte compoñente tribal, propiciada por un medio hostil ó que hai que enfrontarse unidos e por unha certa conciencia de mairxinalidade que fai do núcleo familiar o medio idóneo de conservación e transimsión dos propios valores. Esta compoñente tribal ven subliñada pola existencia nas ditas familias dunha figura semipatriarcal (o avó en Chiquinho, o padriño en Memorias) xa monra e que, quizais pola idealización que permite a ausencia, encarna o ideal de home a imitar. Sen historia e case sen mitos, os nosos protagonistas teñen que procurar onde e como poden uns heroes cos que identifcarse: é por eso que os van atopar no seu mundo, afincados no máis alto da súa escala de valores. Porque Balbino e Chiquinho, a diferencia doutros nenos, non precisan heroes para alienarse senón para que lles ensinen a seren eles mesmos.
Posiblemente un dos núcleos temáticos máis característicos das literaturas colonizadas é o do folclore e as súas distintas manifestacions: contos, lendas, festas populares, música, etc. É isto o que vai conformando na memora infantil unha identidade nacional, corno herdanza dunha cultura que se intúe vagamente como patria.
Estamos aquí lonxe de calquera similitude con ese costumismo tópico que pretende dar "cor local" a certos textos pretendidamente "rexionalistas". Así, en Memorias hai un capítulo enteiro adicado á descrición da celebración do antroido na aldea de Balbino e outro á festa de San Xoán. E fálasenos tamén da feira, e do cerimonial da festa maior. 0 relato do antroido ocupa igualmente un capítulo enteiro en Chiquinho e outros dous están adicados á narración de historias e cántigas populares, amais de moitas outras que se van intercalando no relato principal. Resulta especialmente significativo o xeito de aborda-lo papel desempeñado pola música na sociedade caboverdiana pois exemplifica perfectamente a peculiar fusión cultural que se produciu no arquipélago, fusión que leva a M. Ferreira (15) a afirmar que "o homem cabo-verdiano é uma simbiose de duas culturas em trânsito para uma perfeita harmonia, para um equilíbrio cultural obtido primeiro pelo choque e depois pelo encontro das culturas em contacto: africana e europeia". Así, o soño de Chiquinho con veladas musicais nas que el tocaría o violín e Nuninha o piano é perfectamente compatible cunha imaxe pseudo-antropolóxica: "Era necessário aproveitar a vocação musical da nossa gente. Os rabequistas e os violeiros saberiam música, o solfejo seria a base para as suas interpretações da morna. Para os batuques e rodrigos de Sotavento, grupos de cimbó e tamborim" (pp. 256-257). Esta combinación é un exemplo perfecto da mestizaxe cultural (e, por suposto, tamén étnica) que caracteriza a cultura crioula do Cabo Verde, "processo ainda inacabado e em continua evolução, em quotidiana reestruturação, pode aludir-se sem receio a uma simbiose que, em confrontação com a negritude, levou áquilo que se designa por cabo-verdianidade e nos seus extremos bem se poderia exprimir por cabo-verdianitude. Contextualização social individualizada cuja expressão terminou por se personalizar numa literatura própria” (16).
Xa falamos máis arriba da frecuencia con que neste tipo de literaturas se emprega un rexistro comprometido e acusador. Tanto en Memorias como en Chiquinho, este rexistro utilízase, fundamentalmente, para a denuncia de situacións concretas de miseria económica e cultural, de explotación sexual (o mundo da prostitución en Chiquinho), etc. En Memorias refléxase con contundencia a opresión lingüística pero a novela caracterízase, sobre todo, pola dureza con que relata o papel represor desempeñado pola relixión na sociedade galega rural do tempo e que se evidencia, por exemplo, na negativa consideración social que se lle dispensa a un personaxe alcumado "0 Xudío" polo simple feito de ser un librepensador anticlerical, na hipocresía de moitos crentes que só practican unha relixión de formas, no absurdo de certas cerimonias e costumes como o do loito, etc. Na novela de Neira Vilas, a conciencia de formar parte dun grupo social desfavorecido maniféstase en varias ocasións con rotundidade. Vexamos algúns exemplos. 0 protagonista abre a obra dicindo "Eu son... Balbino. Un rapaz da aldea. Coma quen dis, un ninguén. E ademáis probe" (p. 7). Máis adiante comenta, referíndose a certa conversa mantida cun amigo, "estivemos dacordo en que no mundo hai probes e ricos e non debería ser así" (p. 75). Xa case ó final, expresa a sua definitiva convicción de que "os probes, de cote perdemos A xusticia non está da nosa banda" (p. 87).
Deixamos conscientemente para o final o que posiblemente constitúe o eixe temático das dúas novelas: o concepto de "partida", concretado case sempre na emigración. Segundo D. Brookshaw (17), "a noção da partida como una maneira de se encontrar constituí uma temática importante na literatura de um certo período tanto nas ilhas afro-americanas do Caribe quanto nas ilhas de Cabo Verde. Por outro lado esta ideia se formula a partir de necessidades económicas" (p. 189). Efectivamente, o concepto de partida é clave no proceso de conformación da identidade caboverdiana, sempre movéndose nunha dobre contradicción: a de quen debe partir pero quere ficar (en xeral, todo emigrante) e a de quen quere partir- pero ten que ficar (a "intelligentzia" caboverdiana). Esta idea da partida incidirá moi directamente en varios núcleos temáticos dos textos que estamos a analizar. Por exemplo, a relación que os protagonistas manteñen coa literatura está definida polo feito de que, para Balbino e Chiquinho, o libro é, sobre todo, unha porta aberta ó mundo do soño, un xeito de partir sen moverse do sitio. En canto ó mar, para Chiquinho é "a nossa razão de ser. Éramos pontos lançados ao acaso no meio do Atlântico. As ilhas eram a nossa base para partirmos" (p. 236). As cartas que Balbino recibe do seu amigo Lelo, emigrado cos pais no Brasil, e as que Chiquinho le e escribe para os seus veciños, actúan como unha permanente incitación á partida pois son o constante recordo de que hai outros mundos que descubrir, mundos que, como di Chiquinho, parecen estar "ao alcance da minha mão" (p. 97). Mesmo o sentimento amoroso, sexa do tipo que sexa, é contemplado coma unha incitación á partida; cando Balbino coñece a Eladia, confesa que "xa daquela tiven ganas de fuxir. Irme unha noite e voltar cando fose mozo" (p. 49). E outro tanto ocórrelle a Chiquinho con Nuninha; ela é un dos argumentos decisivos para que o rapaz tome, finalmente, a decisión de emigrar Deste xeito, a distancia vai pasando a formar parte da vida destes rapaces e a emigración, quizais a verdadeira protagonista de ámbalas dúas novelas, convértese nunha obsesión, nun destino do que non poden fuxir: “Ir para a América era um passo natural que os filhos das ilhas tinham de dar para se vestirem com fatos de bom pano, terem relógios e sapatos e ganharem dólares para a compra de trinchas de horta e da mulinha resistente de jornada" (p. 98). De certo que Balbino suscribiría plenamente estas palabras de Chiquinho pois, para el, América é a posibilidade de comer "pantrigo, queixo e compango tódolos días" (p. 33). En Memorias insinúase continuamente a posibilidade da partida; así, xa ó principio, Balbino confésanos que "eu quixera andar mundo. Ir por mares e terras que non coñezo" (p. 8). A obsesión por marchar maniféstase repetidamente: "Xa daquela teimaba irme pra lonxe" (p. 12), "Algunha tarde, mentras coidaba o gando na Zanca, cavilara en irme pra moi lonxe; saír cos dentes pechados á percura de diñeiro" (p. 28).
As dúas novelas rematan precisamente coa materializacion desa partida. Chiquinho pecha o ciclo da súa infancia o embarcar cara a América; segundo D. Brookshaw (18), "renascido como adulto, ele se reintegra ao fatalismo inerente nos mitos e lendas da sua infãncia, os quais o preparavam, sem ele saber, para a partida inevitável". En canto a Balbino, deixa a casa dos seus pais e inicia unha nova vida servindo na de Landeiro: o tránsito da infancia á madurez está, tamén no seu caso, marcado por unha partida que, como ben sinalaba D. Brookshaw, temos que contemplar dende unha dobre perspectiva pois serve de camiño cara á toma de conciencia da propia identidade e, ó tempo, de válvula de escape para unha población marcada pola miseria. A partida, en fin, coma un signo de afirmación vital que non e nin deserción nacional nin fascinación polo mito americano senón unha nova versión do regreso desa especie de Fillo Pródigo que parece se-lo escritor da periferia. A distancia como requisito para a propia descuberta.
(1) A. Tarrio: "Rosalía, Pondal, Curros: literatura e colonización", en Actas do Congreso Internacional de Estudios sobre R. de Castro e o seu tempo, tomo II, Universidade de Santiago, 1986
(2) Ibidem, p 396.
(3) Para unha bibliografia básica sobre a cuestión, vid. o xa citado artigo de A. Tarrío. De entre o alí citado, nos beneficiámonos, fundamentalmente, das aportacións de Fernando Morán (Novela y subdesarrollo, Madrid, Taurus, 1971), Pires Laranjeira ("Prefacio" á Antología da poesía Pré-Angolana, Porto, Afrontamento, 1976) e Janheinz Jahn (Las literaturas neoafricanas, , Madrid, Guadarrama, 1976).
(4) A. Tarrio: art. cit., . p 398.
(5) Pensamos que a seguinte análise de F. Morán (Novela y subdesarrollo, Madrid, Taurus, 197 ) resulta igualmente aplicable as literaturas desenvoltas en situacións coloniais. Morán considera que na novela atopamos "diferentes niveles, puesto que el universo del novelista comprende sectores de realidad desarrollada, con toda su problemática y estilística propias, y otros decimonónicos, con algunos sectores residuales de mayor infradesarrollo. Lo que obliga a tratamientos diferentes"
(6) Sempre que o citemos, farémolo pola versión que aparece formando parte de O ciclo do neno, Madnd. Akal, 1982.
(7) Aparecerá sempre citada pola segunda edición, Prelo, Lisboa, 1961
(8) Entre outras, na célebre Claridade que naceu en 1936 (se ben, por motivos económicos, non podía aparecer con periodicidade) coa pretensión de promove-la toma de conciencia nacional, de romper cos arquetipos europeos ata entón dominantes na literatura caboverdiana e orienta-la actividade creadora cara as motivacións de raíz autóctona, nun rexistro marcado pola denuncia e pola protesta encuberta ou frontal. O certo é que Claridade foi a culminación dun longo proceso de case un século de concienciación cultual e que inaugurou unha nova época na que se formulou o concepto de "caboverdianidade".
(9) M. Ferreira: Literaturas africanas de expressão portuguesa, Instituto de Cultura Portuguesa. 1977, p. 62.
(10) M Ferreira: A aventura crioula, Lisboa, Plátano Editora, 1985 (3ª edición).
(11) P. Vázquez Cuesta: "El uso del artículo en el portugués de Caboverde". en , Actas do XII congreso Internacional de Lingüística e Filoloxía Románica, Vol. II, Edicións da Academia da República Socialista de Romanía, 1971.
(12) M. Ferreira: Literaturas africanas de expressão portuguesa, Instituto de Cultura Portuguesa. 1977, p. 62.
(13) A este respecto, vid. Benjamin A. Júnior: "Linguagem e poder: urna perspectiva individual e nacional", en Les littératures africaines de langue portugaise (Actes du Colloque International), París, Fundación C. Gulbenkian, 1985.
(14) Pires Laranjeira (op. cit., p. 17) explica este recurso á temática da saudade da infancia por unha neeesidade no autor de "transcender o complexo de estacionamento entre duas culturas: a popular e a estrangeira. É quando toma consciéncia da alienação produzida pelas diversas formas de discriminação e aceita o passado da infância como período histórico de pre-conhecemento, que o poeta se reclama presente contra a alienação do real imediato".
(15) M. Ferreira: A aventura crioula, p. 111.
(16) M. Ferreira (editor): No reino de Caliban, Lisboa, Seara Nova. 1975.
(17) David Brookshaw: "A busca da identidade regional e individual em Chiquinho”, en Les littératures africaines de langue portugaise (Actes du Colloque International),Paris,
Fundación C. Gulbenkian, 1985, p. 189.
(18) Ibidem, p 191