Centro de Documentación da AELG
A recepción inmanente na obra de Neira Vilas
Vilavedra, Dolores
Autores/as relacionados/as:
Fonte: Ediciós do Castro

 

INTRODUCCIÓN

O actual interese da crítica e dos estudios literarios polo enfoque inagurado na "Escola de Constanza" explícase non soamente como resultado da lóxica evolución histórica (tal e como apunta Darío Villanueva nun artigo que mencionaremos con frecuencia no presente traballo) , que levaría ós estudios literarios a se centrar sucesivarnente no autor (ou emisor), no texto (ou mensaxe) e, finalmente, no receptor. Coido que este interese hai que enmarcalo nun contexto máis amplo: o dunha sociedade obsesionada polos medios e procesos comunicativos que condicionan toda a súa vida. Así podemos entender que a "Escola de Constanza" (presidida pola figura de Hans Robert Jauss) que sentou os alicerces da estética da recepción, base de abundantísimas investigacións nos máis variados campos da ciencia literaria (Semioloxía, Narratoloxía, Investigación Dramática, etc.) fora convertíndose, dende 1966, nunha teoría da comunicación literaria.

Por outra banda, o século XX supón unha revisión das certezas decimonónicas e as aportacións de Einstein, T.S. Kuhn ou a fílosofia da Gestalt (entre outras) insisten na intervención activa do observador no acto da percepción. Corno consecuencia de todo isto dase, tamén no ámbito da teoría literaria, unha revisión do tradicional esquema de comunicación jacobsoniano, desenrolando agora o papel xogado polo receptor: vai ser el quen asigne o código no que está escrita a mensaxe, "realizando" así o que doutro xeito non feria máis que un sentido potencial. Como proba desta evolución, non hai máis que ver o esquema que Lucien Dällenbach propón no 1979 para a comunicación literaria e comparalo co de Jacobson:

 

Neste caldo de cultivo, o estudio da literatura abórdase coma o dun proceso comunicativo máis. Pero cómpre ter en conta o feito de que:

"O processo comunicativo literario se apresente sempre como funcionalmente defectivo, isto é, como um processo em que a instância emissor e a instância receptor não se encontram compresentes fisicamente e em que, por conseguinte, não podem ser esclarecidos e solucionados in praesentia de ambas as instâncias, as dificuldades e os disturbios por ventura ocorrentes no acto comunicativo".(2)

De xeito que a comunicación literaria é un mecanismo deficitario que precisa da aportación de investigacións que clarifiquen e iluminen esa carencia que constitúe a súa máis intrínseca característica. Xorde así o meu interese pola instancia do receptor como paracreador do texto, é dicir, como unha instancia do proceso de creación literaria que opera sobre das estructuras clave da obra (modalización, linguaxe, etc.) que varían segundo a concepción do receptor, inmanente ó propio texto, no cal podemos localiza-la súa pegada.

Pero se abundan as investigacións e clasificacións dos distintos tipos de narrador como emisor inmanente da mensaxe, non ocorre o mesmo cos diferentes receptores dese discurso. Así, como froito das inquietudes investigadoras arriba citadas, xorde unha pregunta: ¿Quen é ese lector, tan ignorado e poderoso?.

Cómpre facer aquí unha pequena reseña dos traballos máis importantes que intentaron dar resposta a esta cuestión: as súas aportacións aparecerán asimiladas, aínda que en distintos graos, no noso estudio.

Foi Gerald Prince3 o que acuñou o termo de narratario (en estreito paralelismo co de narrador) para referirse a esa categoría máis inmanente de recepción na que moitos lectores avisados xa terían reparado pois a súa presencia é, en certas ocasións, a clave estructural do relato.

Prince non se limita a nomeala senón que fai tamén unha clasificación dos distintos tipos que pode presentar e un catálogo bastante amplo dos seus sinais textuais. E un concepto, de todolos xeitos, precisado dun maior desenrolo teórico e dun rendemento na análise textual aínda pouco coñecido.

Outro concepto de recente formulación é o de lector implícito, formulado por Wolfgang Iser4 por primeira vez no ano 1972 como unha creación textual dun sistema de estructuras que solicitan unha resposta, que nos levan a len dun certo xeito realizando un axuste entre o que o lector aporta á lectura pola súa propia experiencia e a actualización deses elementos textuais.

A aportación de Iser acadará tamén un alto grao de desenrolo e será trasladada ó eido da recepción por (entre outros) Wayne C. BoothS.

A teoría da recepción non ten, pois, un eixo único senón que xira arredor de múltiples claves filosóficas e críticas. A súa importancia radica no que supón de desafio á exclusividade coa que o formalismo se centraba no texto; por outra banda, e nesta Tiña pretende apuntar este traballo, considero que as súas aportacións son dunha productividade aínda pouco aproveitada pola crítica á hora de aborda-la análise de textos concretos.

Evidentemente, o rendemento do estudio da recepción non é o mesmo en tódolos autores nin en tódolos textos. Coido que o caso de Xosé Neira Vilas é especialmente interesante para enfocar dende esta perspectiva por varias razóns:

1. Da recepción extrínseca das súas obras dedúcese un éxito extraordinario entre o público: abondan algúns datos, como o feito de que Memorias dun neno labrego vaia xa, en Galicia, pola décimocuarta edición e Cartas a Lelo (7) pola séptima, por cita-los dous casos máis significativos. ¿Como se explica este éxito?. Xosé Ramón Pena (8) di que:

"...O éxito das Memorias debe-se a unha necesidade por procurar as orixes; a unha necesidade de todo home galego que vivía nunhas circunstancias tan precisas como as que atravesaba o país en 1961 por encontrar-se a si mesmo no cerne ou -e este é, con certeza, o caso maioritario- a un desexo de procurar-se un pasado, a un anelo de sentir-se galego".

Na miña opinión, as devanditas razóns psico-sociolóxicas non chegan para explicarmo-lo fenómeno e, de calquera xeito, hoxe xa non teñen validez. Cómpre que certo sector da crítica deixe de ver en Neira Vilas ó eterno nostálxico dun tempo pasado e se esforce en descubri-los valores estrictamente literarios da súa obra.

2. A importancia que o propio autor concede ó destinatario dos seus textos: non é este o caso dun deses escritores que escriben (ou din escribir) para si mesmos. As obras de Neira Vilas son froito dun acto de comunicación no que a codificación da mensaxe se fai continuamente tendo en tonta quen vai se-lo seu receptor, buscando así o emisor garanti-lo éxito do proceso (vid. ó respecto APÉNDICE II (l)).

3. O feito, comunmente aceptado pola crítica(9) e demostrado na súa abundante obra, de que Neira Vilas se mantén fiel á liña iniciada por Memorias lévame a afirmar que nos atopamos diante dun evidente caso de "feedback", fenómeno que se produce cando:

"...Um autor, após publicar um texto e após tomar conhecimento das reações favoráveis dos leitores (críticos incluidos) a esse texto continua a escrever dentro dos mesmos padrões, porque sabe que o público leitor receberá con agrado textos semelhantes." (10)

¿Quen é, pois, ese poderoso lector capaz de pór en marcha un mecanismo de retroalimentación semellante?. Cómpre desenmascaralo, rastrea-la súa pegada no texto.