I |
¿E
dis dixo o Rei que esa historia vén de Alemaña e é dun Rei?
Pois se non lembro mal
dixo o mariñeiro Arandel, foi nun porto alemán onde a
aprendín. O título dela pode ser "Xovinián primeiro
contra Xovinián Primeiro".
¡Curioso! dixeron os
contertulios.
Tamén dubidou o
Arandel podía ser chamada: "A fachenda e a ignorancia
sempre xuntas e en abundancia".
Xa ardemos de ganas de
escoitala dixo o Rei.
Puxéronse cómodos e
Arandel contou así:
NO REINO DO REI Xovinián
e a Raíña Eduvixes todo marchaba ás mil marabillas, sen
guerras, sen pestes, sen incendios. Pero neste planeta as cousas
non son nunca perfectas e, cando menos o esperaba, Xovinián
houbo de perder o trono, a muller, todo.
Había pouco que no reino
tiveran lugar as vodas da única princesa cun príncipe moi
importante dun reino veciño. De xeito que o Rei e a Raíña
estaban moi satisfeitos e descansados.
Unha mañá o Rei
Xovinián espertou como outra mañá calquera. Abriu os ollos,
viu ó seu carón, tamén no intre de espertar á Raíña... e
fixo como un sorriso. A Raíña abriu de todo os ollos. Notou
algo no marido. Sen se mover da cama, que era moi grande, púxose
a reparar no que facía o Rei.
O Rei ollou para o teito,
que era de madeira de castiñeiro labrada e vernizada. Logo ollou
para as xanelas, que tiñan vidros de cores, logo para as
roupaxes reais, que estaban ciscadas por cadeiras de boas
madeiras, por coxíns e alfombras orientais. Coas mans colocadas
por debaixo da súa propia cabeza, o Rei ollou toda a cámara. De
contado ergueu, foi onde tiña as cousas de aseo e, ollándose
nun espello enmarcado en ouro, estivo un anaco a frotar a face
cunha toalla azulada. De súpeto, tirou a toalla e bateu palmas
dando unha orde:
¡Criados! ¡Camareirosl
Os criados e xefes de
cámara viñeron correndo.
O Rei faloulles:
Arranxade axiña un bo
almorzo con torradas de manteiga... De manteiga con sal. E con
salchichas das pequenas... E que na campa dos cabalos vaian
preparando os cabalos e todo o necesario para un día de caza.
Traédeme agora mesmo a roupa de caza e vestídeme.
Houbo rebulicio e
zafallada e correteos de mordomos, criados, capitáns... Unhas
camareiras pasaron coa Raiña atrás dunha cortinaxe de seda, e
alí axudaron a vestila, mentres na cámara empezaban a vestir ó
Rei da maneira que el quería para ir de caza.
Axiña estivo todo
amañado.
Os monarcas almorzaron
felices, conversando, comentando o fermoso día que facía de
comezos de outono, de como seguramente poderían coller moitas
perdices e de como paparían xuntos unhas cantas no anoitecer.
Cando o Rei Xovinián
Primeiro saíu á parte traseira do pazo, ó que chamaban "a
campa dos cabalos", xa estaban os cabalos, os cabaleiros, os
músicos, os criados, todos con alegría e elegancia agardando. O
capitán Valerio, que era o seu brazo dereito para xiras como
aquela, acudiu a saudalo solemnemente e a dar exemplo ós
soldados de obediencia e disciplina. Era un home loiro, fillo de
campesiños, aínda xove, ó que apreciaba moito.
Brillou o sol nacente no
casco de prata da cabeza do Rei.
Soaron trompetas, timbais,
vivas. Houbo mesmo tremular de estandartes como se saísen para
unha guerra. Vibraron as patas e os rabos dos catro cans
perdigueiros.
O Rei, moi satisfeito,
despediuse da Raiña que lle acenaba desde unha xanela, montou,
axudado polo capitán Valeiro, no seu cabalo branco, e saíu para
a cacería acompañado de moita xente.
Saíron por aquela
espaciosa campa e contornearon todo o soberbio pazo real pasando
perto da porta principal. Axiña se decatou o Rei de que alí, na
entrada principal, estaba como debía ser, no seu posto, outro
dos seus máis fieis servidores, o capitán Alberte, o xefe da
garda do Pazo. Ollouno un par de segundos, de esguello,
comprobando que se tiña posto firmes no alto da escalinata do
pórtico, saudando marcialmente ó monarca. Tal como pensara,
atoparon bandos de perdices. A maior parte eran novas,
inexpertas, non acostumadas a desconfiar e fuxir a tempo dos
homes, e foi fácil arrecadar ducias delas.
Polo mediodía fixeron un
descanso á sombra duns carballos para escapar da calor, que era
como de verán, e para reparar forzas tomando algún alimento.
Despois continuaron cazando, ata que, sentindo calor e cansazo,
decidiron achegarse a un río de augas limpas entre bidueiros,
ameneiros e outras plantas frescas e gratas. Alí beberon e
molláronse un pouco as faces, e ó Rei Xovinián apeteceulle
quitar as roupas de caza, cousa na que lle axudaron, e, de
seguido, apeteceulle espirse de todo e darse un baño no río.
Ordenoulle ó capitán Valerio e a todos que se alongasen, para
non ser visto en coiros, e que non se preocupasen del durante
algúns minutos. Botouse moi feliz na corrente do río, que era
bo para tales baños, sen perigos, e estivo entre pedras e
herbas, entre correntes e remansos, xogueteando e nadando, e
chegou ata a outra marxe.
Con calma, saboreando
aqueles momentos de pracer, foi vindo de novo para onde deixara
as roupas. Entón levouse unha sorpresa. Non había roupas. Nin
as roupas de caza nin sequera os seus panos menores. Tampouco
soldados. Nin cabalos, nin cans. Nin o seu fiel capitán Valerio.
Deu voces:
"¡Valerio! ¡Valerio! ¡Soldados! ¡Soldados!".
E nada.
Ninguén contestaba.
Pensou: "Debinme de
equivocar. Non é aquí. As correntes deberon de me levar río
abaixo... Será máis para contra corrente".
Seguiu buscando e nada.
Nin roupas, nin cabalos, nin soldados, nin capitán.
¡Que estraño! falou
consigo mesmo. ¿Qué é o que pasa? ¡Estou espido de todo!...
¿Será unha emboscada? ¿Será algunha trampa dun inimigo? ...
¿Haberá inimigos escondidos? ¿Estarán por detrás destes
ameneiros? ¿Fuxiron os soldados e o capitán? ¿Mataríanos a
todos?
Seguiu dando voces:
¡Valerio! ¡Valerio! iSoldados! ¡Soldados!
Tapou as súas partes con
follas das árbores. Prestou a atención máxima ós sons por uns
segundos. Só se oía o rumor das augas do río e rechouchíos de
aves na fronde.
Empezou a sentir frío.
Apañou ramallos de ameneiros e fixo polo van coma un taparrabos
do máis primitivo. E sentiuse un desvalido, un pobre home... De
súpeto viu algo interesante no chan. Eran pegadas de cabalos e
de cans.
Foinas seguindo e
comprendeu que toda a compañia marchara por alí. A simple vista
non había pegadas de cabalos de ferraduras diferentes ás do seu
reino, non se apreciaban sinais de pelexa ou batalla. O sol ía
baixando, o fresco ía aumentando. A angustia, a sensación de
invalidez tamén medraba.
Todo un monarca coma min
pensaba neste traxe de Adán, nesta situación de ridículo...
¡Que vergoña, se pasa un pastor, unha lavandeira, un
campesiño...! Ben. Supoño que me recoñecerán... Se non me
recoñecen, mellor. Pasarei menos vergoña... Pero supoño que me
axudarán... O que necesito é que alguén axude axiña... Xa vai
empardecendo.
Rechouchíos de aves e
rumor de río correndo sempre igual.
Ameaza de sombra, de frío
e de silencio. Había ben pouco que sentira calor. Calor física,
polo sol e as roupas, e calor de protección e respeto e agarimo.
Agora nin sol nin roupas nin xente que o protexese e mimase. A
brisa que antes do solpor era un regalo, agora era unha gadoupa
que lle chegaba ata o corazón.
Esta mañá pensou eu
era o Rei máis poderoso e feliz, co meu pazo, as miñas
alfombras, os meus servidores, os meus capitáns e, sobre todo,
coa miña Raíña... Agora ando en coiro e perdido... De repente
todo desapareceu... ¿Estarei morto? ¿Será que pasei, sen me
dar de conta, a outro mundo? ...Lembro que me botei ós baños...
Nadei un pouco e xa voltei para onde deixara as roupas...
Seguiu cavilando e ó
mesmo tempo seguiu subindo do río cara ós camiños e pescudando
pegadas de cabalos.
Veulle unha idea.
¡O eremita Froilánl Ese
axudarame. Mora por aquí arriba, no monte... Irei onda el... Si.
El axudará. Xa estou salvo. O eremita Froilán quéreme ben.
Téñolle feito favores.
Foi, sobe que te sobe,
entre xestas, entre toxos e silvas, sentindo moitas pinchadas e
rabuñadas nos pés, nas pernas, por todo o corpo, pero ó mesmo
tempo sentindo un pouco máis de calor polo esforzo de camiñar,
subindo a encosta do monte, sentindo tamén esperanza firme.
O eremita Froilán
dicía para si é un home puro, un home santo, vive para a
relixión, para facer o ben. Por fin recibirei axuda e verei un
ser humano.
E subía animoso.
Chegou ó casopo do
eremita coa lingua de fóra. Respirou fondo. O aire cada vez
máis frío. Colleu forzas e berrou: "¡Froilán!
¡Froilán! ¡Froilán!"
Achegouse máis á casopa:
"¡Froilán!". E o eremita non daba sinais, non saía a
recibilo.
Xovinián pegou a cabeza
ós paus da porta. Entre eles puido enxergar a figura do eremita.
O eremita estaba inmóbil. Por uns segundos Xovinián chegou a
pensar que era como unha momia ou unha estatua. Pero comprendeu
axiña que o que ocorría era que Froilán estaba en oración,
nun prego místico, nunha éxtase que non debía ser
interrompida.
Froilán impacientouse
Xovinián, perdoa a miña interrupción... Non quero interromper
os teus pregos, pero tes ocasión de facer caridade, de demostrar
o teu amor polos demais... Son un pobre peregrino sen roupas, sen
nada... Perdín todo.
Silencio e o rumor
baixiño dun prego.
¡Froilán! dixo a
brados Xovinián. Mándoche que abras a porta agora mesmo.
¡Mándacho o Rei Xovinián!
Silencio outra vez.
A angustia de Xovinián
medraba, como o frío e a escuridade. Viu un coio no chan e
apañouno e púxose a bater con el a porta da cabana, con todas
as súas forzas, bradando:
¡Remata os teus pregos e
abre! ¡Cumpre con Deus e co teu Rei! ¿Que relixión é esa?
¡Estou aquí esperando que me axudes! ¡Son o propio Xovinián!
Parou de bater e escoitou
atento. Dentro o eremita non se moveu. Por fin Xovinián oíuno
falar. O eremita dixo con serenidade:
-¡Vaite, encarnación do
diabo!
Xovinián sentiu un forte
arrepío por todo o corpo. Sentiu a brisa fresca ata adentro no
corazón. "¡Encarnación do diabo! ¿Como é posible que
Froilán me diga iso a min?", pensou para si. E dixo en alta
voz:
¿A quen lle dis iso? ¿A
min, o teu Rei Xovinián?
De novo con serenidade,
sen se mover, mandoulle a resposta o eremita:
Ti non es Xovinián, que
es un demo.
E Xovinián sentiu un medo
que nunca sentira na vida. Comprendeu nun segundo de lucidez que
hai muros que non se destrúen con arietes ou catapultas, que hai
castelos e batallas máis fortes no espiritual que no militar.
"Non sei pensou, non sei nada do que está acontecendo.
¿Será cousa dun demo? ¿Entraría dentro de min un demo?"
Pero arrepúxose e contestou:
¿E ti non estarás
tamén posuído polo demo? ¿Es ti o eremita Froilán, o que me
di esas cousas e non me abre a porta?
Son dixo con calma o
eremita. Estou ben certo de quen son e do que digo. O meu Rei
Xovinián veu hai un pouco aquí cos seus soldados a visitarme e
pedirme a bendición.
En sentindo estas
palabras, Xovinián aínda sentiu máis frío por fóra e no
corazón.
Logo sentiu que o
relixioso dicía: "¡Vaite, impostor!"
Afastouse da cabana e foi
repetindo coma un parvo: "Xovinián veu hai un pouco por
aquí, Xovinián veu hai un poco por aquí, Xovinián veu hai un
pouco por aquí. ¿Pero entón eu quen son? ¿Son un demo que
colleu a forma de Xovinián? ... Pero eu teño conciencia de que
son Xovinián... Lembro todos os detalles... Como saín esta
mañá do pazo, como cacei, como comín, como me espín e metín
no río. Lembro que pasei ó outro lado do río... Aí é onde
empeza o lío... Cando volvín para este outro lado, onde tiña
as roupas e os soldados, xa non atopei nada..."
E, coma un autómata, coma
apalambrado, ía baixando polo monte. Oíanse uns cans nun
pequeno monte en frente, ladra que te ladra. Caíalle o
taparrabos de follas. Entón tivo que espelirse. Saíu do abraio,
e atendeu a cubrirse e a moverse de alí. Parouse un anaco. ¿Que
podía facer? ¿A quen acudir? ¿A quen pedir axuda? Prestou
atención ós cans de alí en frente e dixo:
¡Ahl ¡Aí en frente
teñen a casa os pais de Valerio, o meu fiel Valerio! ¡Eles si
que me axudarán!
E con novos ánimos seguiu
baixando o monte para pouco despois subir polo outeiro da casa
onde ladraban os cans con insistencia. Esgarduñábase nas
silvas, nas toxeiras, nas matogueiras, caíanlle as follas do seu
burdo taparrabos, aparecíanlle feridas polas pernas e
sangraba... Pero el seguía para adiante coma apampado. Perdía o
camiño e volvía atopalo. Nun certo momento, ó ollar para o
chan, descubriu excrementos e pegadas de cabalos. E ilusionouse,
recuperou ánimos, matinando que podían ser dos seus propios
cabalos. "Aclararase todo. O Froilán chamoume impostor.
Pero, se acaso, pode que alguén me roubase as roupas e ande de
impostor a facerse pasar por min, polo Rei Xovinián. Aclararase
todo". E camiñaba e camiñaba, mancándose, tropezando,
tendo que apañar outros ramallos para cubrirse o corpo.
Os cans ladraban, e mesmo
ouveaban terribles e feroces, na casa á que se dirixía. Alí
moraban os pais do capitán Valerio, que eran uns vellos que
pasaran de non ter nada a ter casa e terras, precisamente gracias
ó favor do Rei Xovinián, por mor de que o xove Valerio
caéralle en gracia e nomeárao o seu lugartenente. Eran medosos,
túzaros e desconfiados. Estiveron ollando desde alí o que
acontecía ante a choza do ermitán. Decatáranse de como o
ermitán non recibiu a este home que agora sobe cara a eles.
Danse de conta do raro que é. "Non trae roupas. Ven ferido.
Sangrando. A pel é moi branca. Non ten pinta de labrego. Debe de
ser un forasteiro", van pensando os vellos.
Cando por fin o Xovinián,
alterado, nervioso, cansadísimo, greñudo, despenuxado, se
presenta ante eles, os cans irrítanse e póñense tolos e queren
atacarlle. E o diálogo é imposible. Os vellos recíbeno de
malos modos:
Váiase de aquí. ¿Que
fai aquí? ¿Quen é? ¿Quen é?
Son o Rei Xovinián.
E eu berra o pai de
Valerio son o Emperador da China.
E os cans veña arregañar
os dentes, e dar brincos violentos e ladrar e ouvear.
Son o Rei brada
Xovinián. Ti es Valerio, o pai do meu capitán Valerio.
Vaite de aquí,
vagabundo, mentirán, ou sóltoche os cans di o vello. Se os
solto, cómente.
Señor Valerio, que son o
Rei insiste o outro.
Cómente segue o vello.
E farían ben en comerte, porque debes de ser un bandido que nos
quere enganar. Has de saber que eu coñezo ó Rei mellor ca ti, e
son tan amigo, que el mesmo en persoa estivo aquí, aquí mesmo
estivo aínda non hai media hora. Vaite con esas troulas a outra
parte. Vaite, que xuro que arrío os cans e comerante.
¡UF! ¡QUE TERRIBLE!
¡Que historia! suspirou o Rei Carolo.
E as princesas, o poeta, o
Paramés... tamén daban mostras de estaren arrepiados,
conmovidos co conto.
Dádeme un pouco de viño e queixo
do país pediu o Rei Carolo dirixíndose ó mordomo.