A nena de Catoira
Lupe Gómez
Somos bailarinas
ás veces,
e sentimos
amor.
Ti levas tacóns
e sangras, e eu
teño un elefante
no corazón.
Ti es a nena
de Catoira que
xoga cos cabalos
e cos peixes.
eu en Fisteus
meto a cabeza
nas fontes e
roubo amor.
Eu cando me poño
en bañador no río
parezo soñadora
como o meu pai,
e ti bailas no interior
das cousas, e sínteste
alegre e chea de música.
Os ollos son de
terciopelo, e cando
andamos polo monte
falamos co silencio
das vacas, e facemos
coa nosa infancia
unha festa de luz
e cores, o regresar
das bolboretas.
A nena de Catoira
camiña por Compostela.
Ás veces crúzome con ela
e ela ri. Eu dígolle que
estou morta. Eta tamén
sabe morrer. En Compostela
parece que a vida
ten sentido. As nenas
tomamos café, no amencer
escoitamos as campás e
botamos a correr.
A nena de Catoira
ten frío na alma,
pero ergue entre
ela e eu unha ponte
de amigos, e xuntas
bailamos na bicicleta.
Parecemos borrachas!
Sempre estamos tan alegres!
A min gústame
sentirme viva
como un pallaso,
e a ela tamén.
Cando nos cravan
coitelos nos ollos
convertémonos en
mulleres transparentes,
e a beleza convértese
nun xardín de flores.
Heidi ten coloretes
na cara, e fai cancións
na primavera.
A nena de Catoira
escribe un diario,
unha viaxe preciosa
polos sentimentos.
Eu póñome a saltar
nas súas palabras.
Síntome tan feliz
que no colexio
pídolle permiso
á nena de Catoira
para ser amigas.
ela leva o pelo
desordenado,
vermello, parece
Pipicalzaslargas,
e eu soño con ser
poeta. Ela axúdame
a escribir cando me
resulta difícil, e eu
dígolle que baile,
que escriba.
Que a vida é horrible
só escribindo
podo soportar
a vida.
Ela parece
unha actriz guapísima
dunha película
preciosa, e ás veces
sinte medo porque
non lle saen as
palabras, porque
lle asusta bailar
ante o público,
quere esconderse
e ser elegante
en silencio.
Namorámonos de
homes guapos, e
voamos como cometas.
Para nós o amor é
o refuxio, o lugar a onde
escapar, o sentimento das
baleas cando se sinten
borrachas no mar, algo
especial que nos ocorre
mentres durmimos, un soño
que entra pola ventá, unha
historia preciosa e rara,
un amencer na aldea.
A nena de Catoira
vive no barrio do amor.
Ás veces no 13
ou na Barraca
tomamos licor
de mazá, e brindamos
coas mans cheas, con
Nancy, con Rebeca,
con Camilo, con Morris,
con Carme... Somos fortes cando nos rodean
as persoas que tanto
queremos, que nos
queren, que nos abrazan,
que fan que deixemos de
ser inexplicables, que nos
volvamos doces, valentes.
É como se as formigas
se convertesen
en estrelas.
E os morcegos
que levamos dentro
poden rir e voar.
A min gústame
moitísimo ir
á casa da
nena de Catoira.
Vive ela soa nun
castelo cheo de flores,
libros, cadros, música...
Sempre me sinto ben
cando vou á súa casa.
Ela invítame a un zume
de piña que non engorda
e poñémonos a rir e bailar,
e bailamos tanto que nos
sentimos bailarinas de
verdade, compartimos
o silencio e as palabras.
Ás veces choramos e estamos mortas, pero
apoiámonos unha na
outra e volvemos a
andar. Eu ensínolle
os meus escritos,
os meus poemas,
É como mostrarlle
o meu corazón,
e ela sempre ten
os ollos moi cheos
de vida, de ilusión.
Ás veces bailamos
rap, e pintamos o pelo,
a roupa, e pintamos
palabras.
Somos nenas en Compostela.