As
notas doces, cadenciosas e mesmo delicadas, enchían a rúa do
Conde Pallares ó tempo que se deixaban ir, perdéndose coa
lonxanía, polas pedras e recantos das rúas próximas.
Alí, diante do que fora
esplendoroso Casino hai xa ben anos, unha rapaza loira e longo
vestido deica os pés, foránea para máis señas, interpretaba
ó violín o minueto da sinfonía vinteoito de Mozart, case sen
fixarse no público que se detiña para escoitala ou para deixar
unhas moedas na caixa do instrumento, convertido por uns intres
en peto recaudatorio daquela mociña que tentaba combatir a fame
a as súas carencias ofrecendo música en troques dunhas pesetas.
Miguel levaba a súa miseria con
certa desesperanza, pedindo esmola pola cidade para poder logo
xantar ou dormir no fogar dos desamparados. Viña da Praza Maior
e xa ó penetrar na rúa das Dulcerías, sentíu tremar o corpo
ó escoitar unhas notas musicais que o encarrilaron cara a súa
orixe, rúa arriba, deica facerse perfectamente sonoras de diante
mesmo daquel fato de xente tralo que intuiu se achaba alguén
cheo de sensibilidade.
Eran bastantes as persoas que
rodeaban á rapaza músico polo que Miguel, pobre de solemnidade
e non moi limpo no seu aspecto exterior, preferíu quedarse á
marxe refuxíandose no habitáculo destiñado a escaparate
daquela tenda próxima que vendía roupa interior de muller.
Soaron uns aplausos ó tempo que se
escoitaban petar as moedas unhas contra das outras ó caer na
caixa petitoria do violín. Miguel aproveitou para prantar un
pito, algúns espectadores moveronse para deixar espacio a outros
que chegaban curiosos e como por encanto, daquel grupo de persoas
comezou a soar o allegro vivace da sinfonía número catro, máis
coñecida como "ltaliánica", de Mendelssohn.
Miguel deu dúas caladas máis ó
pito antes de, emocionado e sixiloso, buscar un oco entre a xente
dende co que xa poido contemplar a aquela rapaza loira que cos
ollos pechos, facía vibrar as cordas do seu violín.
A Miguel non lle fixo falla pechar
os seus ollos rodeados de fondas patas de galo para relembrar
tempos mellores cando el, afamado músico, ofrecía concertos de
piano en salóns brilantes e afastados de xente, mesmo ante
ministros e reis. Craro que eso fora antes de ter sucedido aquelo
que supuxo unha caída en vertical na súa vida. Logo virían os
pobos recorridos a centos, nun vello furgón, cos membros da
orquesta "Los latinos", tocando o órgano eléctrico en
noites húmedas de estío e cheiro a fritura. Antes, relembraba
Miguel, de ter sucedido aquelo.
A música do violín seguía soando
con delicadeza de mans seguras, diante do vello edificio do
Casino, evocando sen dúbida grandes noites de música, champagne
e baile deica a madrugada. Miguel sentíu que un novo callafrío
lle percorría o corpo, é dicir, que xa era tempo de largarse.
Antes guindou unha moeda de cinco pesos, das dúas únicas que
acariñaba no peto, cara a caixa do violín, onde se mesturou de
contado coas outras. A rapaza loira levantou a vista xusto cando
Miguel, de costas a ela, xa se abría camiño entre o grupo de
xente tratando de esquecer a súa memoria.