Centro de Documentación da AELG
María do Carme Kruckenberg Sanjurjo
Pociña, Andrés
Autores/as relacionados/as:
Fonte: Saloucos

A biografía de María do Carme Kruckenberg Sanjurjo (Vigo, 1926) paréceme como se estivese programada sobre o poema "Ítaca" de Kavafis: unha longa e afervoada viaxe, chea de peripecias e coñecementos, embocando en portos lonxanos (Italia, Arxentina, Uruguay, Brasil Estados Unidos...), aprendendo e aprendendo dos sabios (os Àlvarez Blázquez, Díaz Pardo, Ferreiro, Iglesia Alvariño, Moreiras, Pita, Seoane, entre os nosos; Alberti, Aleixandre, Asturias, Borges, Casona, Diego, de outras latitudes; Ibarbourou, Lagos, Oliver, de los Ríos, Romero, Silva entre as escritoras...), para retornar sempre á súa Terra, ó Vigo natal, con esa riqueza literaria e espiritual sen límites que reflicte en versos profundamente galegos.


Galega é a Kruckenberg dos primeiros versos galegos (1962):

¡Cala degaro!
Non queimes a eito.
¡Cala tristura!
Non me repeniques
pandeiro no peito
miña señardá.


Galega é a Kruckenberg eterna trobeira das "Cantigas" (1986):

Na saudade da túa noite
a lúa quedou valdeira
polos camiños da fonte,
meu amigo.


Galega é a Kruckenberg á quen doen as penas dos despoboados (1976):

Dóeme o sorriso amargurado
dos que foron gastando os soños
e amortallando as horas
sin un saliao de noxo.


Galega é a Kruckenberg que nos define o amor á beira da noite (1997):

O amor é unha folla
arrincada polo vento da anguria, que afasta toda tenrura
depenicada polas horas
que morren
engulladas no misterio do corazón.


Kruckenberg, "Montana... ¿de que?", ¡miña amiga!, fermoso apelido galego dunha gran poeta da Terra Nai.


Poemas galegos de María do Carme Kruckenberg:

Cantigas do vento (1956)
Canaval de ouro (1962)
Cantigas de amigo a Ramón González Sierra do Pampillón (1972)
A sombra ergueita (1976)
Cantigas para un tempo esquencido (1986)
Alegoría do ensoño ferido (1992)
Poemas inevitables (1996)
XXI poemas nun grido de luz (1997)
Meditacións á beira da noite (1997)