ficamos no corpo
mergullados
esquecidos polas virtudes do tempo
mesturando épocas e lugares dun mesmo socio
lembras?
lembro
(silencio)
e logo por que non mo dis?
digo
non, non o dis, sempre cho teño que sacar todo
digo
(silencio)
(...a carne feble e tremulante baixo o meu corpo irto)
lembras agora?
non é o mesmo, houbo un tempo, un lugar común na dimensión do
pracer, agora o pracer é pracer, suor volvéndose banal, case que
prescindible
como me dis iso?
digo
xa non me queres!
quero
non
si
non
quero, na madurez dun querer platónico, aderezado pola fricción do
tempo e do compartido
non
de certo que si
(...por un instante o roce volveu ser roce, volveu ser aroma, volveu a
tenrura con cada bico, volveu ser amor o amor e o desexo)
si
ves!
pero, por que non mo dis máis a miúdo?
a droga da paixón atópase no silencio, a harmonía na contemplación, na
música dos soños e o recordo
ben
si
(silencio)
canto tempo hai que non sinto a presión, os leves suspiros dunha dor
compracida mecida polo desexo
como?
a inocencia, a sorpresa, o rubor, onde quedou o medo a ser escoitados, a
deixarnos sucumbir ante a envexa dos que escoitan, onde quedou a
novidade, o misterio do prohibido, onde quedou o ardor, o pecado, onde
ficamos ambos perdidos
(silencio)
(fin e separación)
(na breve distancia ás veces aínda se suspira)
GIUSEPPE VERDI
historia do amor (capricho) e o desamor (egoísmo)
eu son a víctima (ironía)
preludio
un ollo-mol exsangüe
traizóome a min mesmo se observo
con outros ollos
sen ser outra mirada
engánome ao tentar falar coa túa lingua
porque sería como falar co poder succionador dos meus beizos
case coa linguaxe da mímica
pedir un respiro
cando me falla a inspiración
torna
torna con me, per piacere
e libar do desexo
o seu zume na turbación da memoria
na recreación
a posteriori
do momento das flores a embriaguez
acto primo e último
traizóame a traizon a inocencia
na triunfal viaxe
da superficie á toupeira
atópome a min mesmo
no buraco pequeno de máis
non me revolvo
axúdame a prescindir(te)
como a prescindir(me) ou de min cando chove
se o paraugas é o meu condicionante
son víctima da extinción
case extinto e mortificado
vólvome unha vez máis
sobre os pasos que portan o cansazo
no meu coreo sen min
son case unha estatua
xélida
na noite a choiva de faíscas ardentes
crávase duramente na pel
a dor mitigada por un riso estentóreo
e a morte
tan diáfana
alumeada polas cinzas incandescentes da miña memoria
morre unha vez máis
polo divertimento
onde o recordo repousa
pese a ser mes cálido
sobre o lume