Centro de Documentación da AELG
Participación na Revista Madrygal
Momán, Alberte
Autores/as relacionados/as:
Fonte: Madrygal

a marca dun sorriso imberbe
nos xenitais
a constancia dun adeus
sobre as costas
exsangües

 


medimos a dor con palabras
pronunciadas
ou silenciadas
en pensamentos nos que damos
en cismar
porque dicimos que chove
e vai frío
pero tamén somos nós mesmos
cando escampa
sen caer na conta

 


inscríbome na introspección dun pasado
de pernas abertas

 


súo un clamor feminino
de montaña
un aroma que esvara
polo brazo de todas as terras
que afirman ser este humor líquido

 


recupérome amodo
deste soño verde briófito
con paso firme
sobre a nudez que racha fronteiras

 


o inverno acode sen palabras
apoderándose das formas

 


o inverno fala todos os idiomas
cun frío que desmembra os corpos
entre paxaros e sentimentos
cristalizando nos ollares
humores líquidos que nos describen
nunha eterna despedida

 


o inverno fala co silencio
coa dor
que queima as superficies
o inverno somos ambos
que buscamos o roce
para conxelarnos coas extremidades